Nucleares? De novo non, grazas

O apagamento de abril foi aproveitado descaradamente para tentar reabrir o debate sobre a enerxía nuclear (EN). E certos sectores, xa remisos á Transición Enerxética (TE), lanzáronse oportunistamente a cuestionar o despregamento das renovables, aínda cando, a dicir de moitos expertos, estas novas enerxías non estarían na base da explicación dun fallo que hai aínda que analizar con rigor e transparencia. Só así poderemos articular solucións razoables que realmente resulten sostibles.

O actual sistema enerxético é complexo e involucra unha gran variedade de factores -diversidade de fontes de enerxía de distinta dinámica, investimentos e infraestruturas necesarias, un armazón de empresas produtoras, distribuidoras e comercializadoras, variación da oferta e demanda de enerxía, a regulación do mercado enerxético, os impactos ambientais…- Con todo, parece claro que unha maior presenza da EN non evitaría situacións como a vivida en abril: Francia, cun potencial nuclear moito maior e con menos renovables, sufriu varios apagamentos, algúns aínda recentemente. O mesmo ocorreu noutros países que, mesmo, tardaron máis en recuperar a funcionalidade do sistema.

Dito isto, o fundamental é que a EN non é “limpa”, non é sostible ambientalmente. Se ben as centrais non emiten CO2, a minería para a extracción do uranio e o seu enriquecemento en plantas específicas, así como os residuos radioactivos que xera unha central en activo, sumados aos resultantes do seu desmantelamento cando acaba a súa vida útil, supoñen un impacto ambiental e unha grave ameaza para a poboación actual e futura. Non hai que esquecer que non está resolto o xeito de almacenar os residuos de xeito permanente. Polo momento, seguimos custodiándoos en almacéns temporais á espera dunha solución que non se albisca a curto prazo. Este legado para as xeracións futuras debe entrar nos cálculos, así como o debate ético sobre a lexitimidade de satisfacer as nosas necesidades á conta das xeracións do futuro. Sen esquecer nunca os accidentes terribles que resultan devastadores ( Harrisburg, Ciudad Juárez, Chernobil, Goiania, Tokaimura, Fukushima…) e moitos outros non tan dramáticos nin coñecido pero que obrigan a parar temporalmente as centrais por motivos de seguridade.

Cómpre sinalar outra cuestión fundamental no debate sobre a EN. Referímonos á necesidade de considerar os custos económicos reais de todo o ciclo desta fonte de enerxía, desde a extracción de uranio, o seu enriquecemento para convertelo en combustible nuclear, a construción das centrais nucleares, o seu funcionamento, desmantelamento, a seguridade e, finalmente, a xestión dos residuos perigosos durante milenios . Estes custos son moi elevados e algúns deles, mesmo, de difícil estimación. Temos que establecer seriamente se estes custos compensan e quen, finalmente, os paga; isto é, incluír todas as externalidades da EN.

Lembrar cousas tan básicas como estas nun debate que estaba practicamente pechado, impoñéndose a racionalidade da necesaria desnuclearización, é, con todo, urxente, pois xa se está a propoñer aprazar o primeiro peche programado dunha das 5 centrais que aínda funcionan en España -Almaraz- , no que se percibe como unha primeira rebaixa do plan de desmantelamento, pactado coas empresas propietarias -Naturgy, Hiberdrola e Endesa- en 2023, segundo o cal todas as centrais cesarían a súa actividade entre 2027 e 2035 tras unha vida útil de máis de 40 anos.

Na actualidade, a lexislación ambiental e as políticas para a sustentabilidade tratan de incluír os custos reais das actividades, seguindo o principio de ¨quen contamina, paga¨. Se unha actividade xera beneficios, debe asumir os custos. Seguindo este enfoque, na actualidade as propietarias das centrais pagan a chamada “Taxa de Enresa”, calculada para cubrir os custos do desmantelamento das centrais e unha xestión segura dos residuos no futuro, procesos que son responsabilidade do goberno, quen somete a súa contía a revisión en función dos custos que se van estimando.  Ademais, desde 2012 existe unha Ecotaxa autonómica, que é xeral, non específica para a EN, que grava calquera actividade que entrañan impactos negativos na contorna, neste caso sobre os procesos relacionados co manexo do combustible nuclear.

E aquí está o cerne: o sector nuclear expón que estes impostos impiden recuperar os investimentos pasados, impiden a competitividade da EN. Esgrimen que a construción dunha central supón de 10-15 anos dun investimento enorme que alonga o período de amortización ata practicamente o período de vida útil. É esta unha tecnoloxía “dura” e centralizada, que require fortes investimentos que dificultan a súa viabilidade económica cando baixa o prezo do Kwh. Agora as renovables producen electricidade máis barata e aí empezan os problemas da EN. Se hai que  incorporar as externalidades do desmantelamento e o almacenamento dos residuos nos cálculos do custo do Kwh, a EN non é rendible. O desmantelamento é un proceso, ademais de longo (de 10 a 20 anos), moi caro: o goberno estima un custo de 20.220 millóns de euros para o desmantelamento das 5 centrais que funcionan hoxe, xa preto do final do seu ciclo. A cuestión, logo, é quen paga os custos: as empresas ou os cidadáns que afrontan prezos máis altos do Kwh e pagan os impostos.

Na mesma queixa das empresas eléctricas, está a proba de que a enerxía nuclear non é sostible economicamente, se é operada con seguridade para a poboación, considerando todo o ciclo de vida. E é a mostra de que as renovables, con tecnoloxías brandas, teñen menos impactos, menos investimentos, menos tempos de instalación (1-2 anos), menos custos de desmantelamento, amortízanse moito antes e abaratan a electricidade. Isto é bo para os cidadáns, aínda que sexa malo para as propietarias das centrais. E agora, o sector nuclear pretende a prórroga da súa actividade pero sen pagar os custos, sen pagar os impostos. Neste contexto, o  PP valenciano suprime a ecotaxa da central de Cofrentes, en sintonía coas súas políticas a favor das enerxéticas e apoia prorrogar a vida útil das centrais. En resumo, isto é socializar os custos, que pagarán os cidadáns presentes e futuros, e privatizar os beneficios das enerxéticas, beneficios que foron extraordinarios nos últimos anos.

Convén finalmente insistir en que a EN non é renovable. O sol, o vento e a auga si o son, e estas fontes permítennos a soberanía enerxética. A extracción de uranio ten custos que non fan viable a explotación de moitos xacementos no noso país con garantías ambientais e para a poboación, ou a cantidade de uranio noutros xacemento non xustifica o investimento. Por iso deixáronse de explotar as minas de uranio da península no 2000, en tempos de Aznar, por falta de rendibilidade e agora importamos o uranio, entre outros países, de Rusia.

Teremos que redeseñar os mecanismos para estabilizar o sistema enerxético, como xa se foron apuntando -máis interconexións, melloras de infraestruturas e sistemas de control, sistemas de almacenamento con baterías ou con bombeo hidráulico…-, isto é, garantir a seguridade con tecnoloxías que ademais xa existen, con investimentos e con incentivos para articular unha demanda flexible. Ademais de maximizar a eficiencia e o aforro de enerxía, aspectos clave da TE pero que non se desenvolveron en toda o seu potencial.

O futuro ten que ser 100% renovable, con menos impactos ambientais, incluíndo as externalidades sen transferir a outros os custos reais, garantindo a soberanía e autonomía enerxética dos cidadáns, e todo iso só é posible sen EN.