Minería sostible

Non sei se se teñen fixado que dende o ano pasado para aquí cada vez é máis frecuente atopar en diversos medios a expresión “minería sostible”. O diario El Español dedicáballe unha (publi?) reportaxe en abril do ano pasado nunha sección denominada “Enclave ODS-Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Por suposto, hai xa unha web de Minería Sostible de Galicia e ate existe unha definición: aquela que permite desenvolver os recursos minerais e enerxéticos dun país, de maneira que maximicen os beneficios económicos e sociais, ao tempo que minimizan os impactos ambientais, proposta polo moi avanzado goberno de Australia. Tan avanzados, que seica “desenvolven” minerais! E a maior abundancia, o tamén moi sostible Ministerio de Transición Ecolóxica ten abrazado este concepto titulando un recente informe como “Hoja de ruta para la gestión sostenible de las materias primas minerales”.

Pode xerar máis ou menos impacto, ser máis presentable en público ou menos, producir máis ou menos residuos, ser máis ou menos necesaria, pero a sostibilidade non é unha propiedade da extracción de minerais. 

O único problema é que a minería simplemente non é sostible e os minerais nin se desenvolven nin se producen, a non ser que teñan descuberto como cultivar minerais. Pode xerar máis ou menos impacto, ser máis presentable en público ou menos, producir máis ou menos residuos, ser máis ou menos necesaria, pero a sostibilidade non é unha propiedade da extracción de minerais. 

Esta “promo” é o brazo armado da política que vén. A Comisión Europea acaba de lanzar unha proposta de regulamento e unha comunicación sobre Materias Primas Fundamentais a fin de lograr unhas cadeas de subministro seguras e sostibles. Como xa sabemos que o segundo é propaganda, tamén sabemos que o quid está no primeiro. Europa é deficitaria todos os materias necesarios para a transición ecolóxica: coltán, silicio, magnesio….todos. As tecnoloxías chave no proceso de transición emprendido pola UE, dende as baterías dos coches eléctricos, aos paneis solares ou as turbinas eléctricas, dependen de materiais que na súa maioría se producen fora do continente. 

O novo regulamento o que pretende é asegurar a cadea de subministro dende a extracción, ate a transformación é a reciclaxe, marcando como obxectivo extraer o 10% deses materiais, transformar o 40% e reciclar o 15% do consumo anual. Dúas ferramentas van a ser postas en xogo para lograr estes obxectivos: vías de financiamento e a redución da carga administrativa e a simplificación dos permisos para lograr concesións mineiras. Esta é a contrapartida da transición enerxética da Unión Europea: vai acompañada do aumento da actividade mineira aquí, en países en vías de desenvolvemento (Africa por exemplo) e tamén nas grandes áreas por explotar: o fondo dos océanos. 

O preocupante no plano global é o infantilismo co que nos trata aos cidadáns a comisión europea e o noso goberno, impedíndonos mediante asumir a nosa responsabilidade sobre decisións cruciais como estas, sobre asuntos tan relevantes como o consumo de recursos e enerxía que nunca máis estarán dispoñibles. O preocupante no plano máis próximo é o suma e segue de lóxicas extractivistas que se ve vir.