[Marx no Antropoceno II] Kohei Saito e o comunismo do decrecemento

Un corte epistemolóxico

Os traballos de Foster e Burkett desencadearon toda unha pléiade de novas investigacións que asumían a súa orientación (Clark, Holleman, Longo, York, etc). Nesta liña encóntrase o marxista xaponés Kohei Saito, para quen Burkett e Foster non ían todo o lonxe que deberan; en realidade, segundo el, non captaron suficientemente a articulación interna e sistemática da perspectiva ecolóxica e todo o seu alcance. Con independencia da pertinencia deste xuízo crítico, o certo é que a obra de Saito tivo unha enorme repercusión, constituíndo un fito nunha renovada atención, especialmente entre novas xeracións, cara o pensamento marxiano: KarlMarx’sEcosocialism: Capital, Nature and the Unfinished Critique of Political Econoimy (2027) (titulado en español La naturaleza contra el capital); Marx in the Anthropocene (2022);  El capital en la era del Antropoceno (2022) (o orixinal xaponés é de 2020, do que se venderon medio millón de copias; a edición inglesa non aparecería ata 2024: Slow Down. The Degrowth Manifesto)Saito pretende en certo modo tomar o relevo de Foster e autores anteriores dentro da corrente marxista, como as análises de István Mészáros, que usaba de maneira destacada o concepto de metabolismo (Stoffwechsel) para desentrañar o labor destrutivo do capitalismo, para o que se remitía ao uso que dese mesmo concepto fixera Lukács. 

O Marx posterior ao primeiro tomo de O capital (1867), o único publicado en vida do autor, reelabora o seu pensamento ata o punto de que de 1868 en adiante se daría un verdadeiro corte epistemolóxico do que certamente non nos falara Althusser.  

Saito deu na súa innovadora interpretación un lugar central aos escritos do último Marx, os dos seus quince últimos anos, os chamados Cadernos Etnolóxicos, é dicir, os estudos de Marx de entre 1879 e 1881 acerca de formas de produción en países non occidentais e no referente á comuna agraria rusa. A eses engadíanselle todos os  numerosos textos de notas, resumes e apuntes que este Marx tomou nos seus últimos anos sobre unha enorme cantidade de libros referentes a química orgánica, fisioloxía, agroindustria, xeoloxía, e tamén de estudos históricos, de autores como o mencionado (na entrega precedente) Liebig, Carl Fraas, Johntson – chamado por Marx “o Liebig inglés”-, o historiador Maurer, etc; moitos destes escritos só agora coñecidos a través da nova edición, aínda en curso, das obras completas de Marx e Engels, MEGA (Marx-Engels Gesamtausgabe), na que o propio Saito colaborou. 

Sobre esta base o teórico xaponés formula unha tese forte. O Marx posterior ao primeiro tomo de O capital (1867), o único publicado en vida do autor, reelabora o seu pensamento ata o punto de que de 1868 en adiante se daría un verdadeiro corte epistemolóxico do que certamente non nos falara Althusser. Saito mesmo acusará a Engels, o encargado de organizar a edición dos tomos II e III, de ofrecer unha obra como se fose  perfectamente concluída e sistemática, depurando apuntes e notas que chamaban  a volver sobre o asunto. O corte epistemolóxico significaba abandonar definitivamente dous presupostos teóricos que foran ate o momento capitais no pensamento marxiano, xustamente aqueles que entre outros tanto lle criticara a teoría ecoloxista, a saber: o presuposto produtivista e o presuposto eurocentrista. 

Un Marx non produtivista

No derrube do produtivismo foi esencial, en efecto. o seguimento feito por Marx das achegas de Liebig, sobre as que chamara a atención Foster, como vimos. O concepto de fractura metabólica será esencial para este Marx, ao poñer de relevo a contradición insuperable entre o ciclo do capital e os ciclos da natureza, e como a necesaria revalorización do capital preme sobre a produción agraria de tal forma que non deixa lugar á reposición necesaria, hipotecando así as condicións existenciais das xeracións futuras, todo o cal se intensifica coa división entre campo e cidade, da que xa falamos, unha separación resultado do modo de produción industrial capitalista. 

Segundo Saito, Marx, baseado no concepto de fractura metabólica, tería tomado conciencia dos límites naturais, da necesidade de que a forma produtiva mantivese un equilibrio coa natureza.

Marx estaría moi atento a todos os debates en torno á obra de Liebig. A crítica, por exemplo, do agrónomo e erudito Carl Fraas, que pensaba que Liebig incorría nun reducionismo químico, pois non só había que considerar a presenza de certos elementos químicos imprescindibles para o crecemento das plantas, senón tamén de forzas físicas, de condicións como achegas regulares de auga, irrigación fluvial, humidade do aire, etc. Fraas pensaba que a deforestación que o home fora causando de maneira secular constituía un factor crucial de cambio climático local, pois desde ese momento o aire se tornaba máis seco, as achegas de auga se desestabilizaban, os ventos tornábanse máis fortes pola falta de elementos contedores, etc. Fraas pensaba que ese cambio climático antropoxénico fora o motivo polo que nalgunhas civilizacións pasadas o solo fora fora desertizado, como en Persia, Exipto ou Grecia. A todo isto había que engadirlle a atención de Marx respecto dos traballos de Jevons sobre o futuro esgotamento de recursos como o carbón en Inglaterra, de fenómenos como a acumulación do gando nas granxas sometido a un engorde acelerado xerador dun exceso de graxa  e expostos a frecuentes brotes epidémicos (Lavergne), a contaminación do aire ou o envelenamento dos ríos e outros acontecementos desta natureza. Marx estaba entusiasmado con estes estudos no campo das ciencias naturais; en carta faláballe a Engels dunha  “tendencia socialista inconsciente” neses autores, ou dun choque entre ciencia e capitalismo, toda vez que amosaban, sen pretendelo ideoloxicamente, o carácter destrutivo dese modo de produción. 

Segundo Saito, Marx, baseado no concepto de fractura metabólica, tería tomado conciencia dos límites naturais, da necesidade de que a forma produtiva mantivese un equilibrio coa natureza. A capacidade produtiva, que segundo a súa propia teoría aumentaría co derrube das relacións capitalistas de produción, tería que ser contida nunha economía racionalizada ou do contrario aumentaría a presión sobre o entorno natural; o socialismo tería que  defender un concepto distinto de riqueza. Saito sabe que Marx non chegou a explicitar todo con esa claridade, pero que esas son indubidablemente as consecuencias teóricas que estaba a constatar. Marx despedíase do seu produtivismo anterior, como o que tan claramente se amosaba no Manifesto (1848) – interpretación da que discreparía Foster, por certo. O comunismo só podía ser, segundo todo isto, un “comunismo do decrecemento” (Saito). 

Un Marx non eurocentrista

Esta crítica ao produtivismo veríase reforzada pola segunda grande fonte de atención de Marx, a dirixida cara ás formas produtivas non capitalistas, como era a comunidade campesiña medieval xermánica, tal como revelaban as investigacións históricas de George L. von Maurer, unha comunidade que mantiña un equilibrio exemplar cos ciclos naturais. Como tamén a comuna agraria rusa e outras de países non occidentais que investigaran autores lidos por Marx, como Kovalevsky, Lewis H. Morgan, James Money, John Phear ou Henry Mainepois. En moitos deses casos, Marx podía constatar como non se producía a quebra metabólica do capitalismo. 

Marx recordaría ao respecto, corrixindo visións eurocentristas, que o seu traballo había de circunscribirse aos países occidentais de Europa, e que non podía ser xeneralizado; había que estudar caso a caso. 

Isto condúcenos ao cuestionamiento marxiano do segundo presuposto, o eurocentrista ou occidentalista. Ese que Edward Said e tantos outros criticaron ao pensamento marxiano. Saito destaca o coñecido intercambio do último Marx cos populistas rusos, o intercambio epistolar co xornal ruso Otechestvenniye Zapiski, e con Vera Zasulich, do que ademais se conservan varios borradores; e tamén o prefacio á segunda edición rusa do Manifesto. A novidade da lectura de Saito aquí estriba en non focalizarse tanto na cuestión de se era ou non posible un paso directo da comunidade campesiña rusa ao socialismo, sen pasar pola vía dolorosa do capitalismo, que nos estudios habituais escurece senón esquece outra, que sería o exemplo constituído por esa comunidade de equilibrio sostible cos seus recursos, co seu medio. Marx non podía deixar de verse atraído por unha experiencia de vida na que, sobre a base dunha propiedade colectiva da terra, se establecían non só unhas relacións sociais de igualdade senón tamén un coidado da natureza. Como é sabido, Marx mantívose aberto a esa posibilidade, con certas condicións (incorporación tecnolóxica dos avances capitalistas, triunfo da revolución en Rusia, sucedida pola revolución en Europa). Marx recordaría ao respecto, corrixindo visións eurocentristas, que o seu traballo había de circunscribirse aos países occidentais de Europa, e que non podía ser xeneralizado; había que estudar caso a caso. 

Por outra banda, os seus estudos sobre a India e outros lugares, viñan a conformar a idea da restrición do seu traballo e evitar a súa proxección de superioridade sobre outros países, como fixera noutros momentos, cando chegaba a xustificar intervencións coloniais por aquilo de que aceleraban a implantación capitalista. Este Marx occidentalista desaparecería. 

Xa sinalamos como o abandono deste presuposto eurocentrista reforzaba o derrubo do presuposto produtivista, pero o mesmo pode verse a inversa: deixar de considerar a capacidade produtiva como unha calidade fóra doutros aspectos correlacionados con ela, facilitaba ver de maneira nova aquelas formas produtivas que non supoñían unha potencialidade como a capitalista, pero tiñan outras vantaxes en comunidade, igualdade ou coidado da natureza; o camiño percorrido polo Occidente europeo non tiña, en efecto, que ser o modelo para todos os casos. 

A interrelación da autocrítica dos dous presupostos é de vital importancia na comprensión do corte epistemolóxico. Dese modo quedaría reconstruída unha forte teoría que integraba os dous aspectos de atención por parte de Marx, a explotación do traballador e a depredación da natureza. Xa no primeiro tomo de O capital se dicía: “A gran industria e a agricultura industrial van da man. Se orixinalmente se distinguen polo feito de que a primeira devasta e arruína a forza de traballo, e polo tanto a forza natural do home, mentres que a segunda fai o mesmo coa forza natural do solo, no transcurso do desenvolvemento ambas se unen, pois o sistema industrial aplicado á agricultura tmén debilita aos traballadores, mentres que a industria e o comercio, pola súa parte, proporcionan á agricultura os medios para esgotar o solo”. 

Unha teoría crítica da explotación da natureza

Como xa fixeran outros autores, Saito toma os conceptos de subsunción formal e subsunción real, expostos por Marx no famoso “capítulo VI inédito” do primeiro tomo de O capital, para aplicalo á relación coa natureza. Así como respecto da forza de traballo a súa explotación nun momento determinado pasa a significar unha total transformación da mesma, que se estende a toda a vida do traballador, tamén respecto ao medio natural se daría no capitalismo ese cambio polo que se entraría nunha etapa máis avanzada na que a natureza mesma é reorganizada e sometida totalmente á orde do capital para potenciar a produtividade, mediante a enxeñería xenética e outros medios tecnolóxicos. Ao fin, son dúas caras do mesmo proceso de avance do capital, a maximización da explotación da forza de traballo, isto é, deste ser natural que é o home no seu intercambio metabólico coa natureza, significa a mesma ruína para un e outra, a destrución do traballador e do medio en que se realiza. 

Non hai dúbida do polémica que resulta esta incitante lectura de Saito, e das obxeccións que pode espertar a proposta consecuente do comunismo do decrecemento. 

Segundo todo isto, a teoría crítica do valor, que tanta atención espertou nos renovados e brillantes estudios sobre Marx (Heinrich, Kurz, Postone, en España son salientables os traballos de L. Alegre, C. Ramas e C. Ruiz), quedaría integrada cunha teoría crítica da insostible explotación da natureza baseada no concepto de fractura metabólica. Saito fai, logo, unha lectura que, se ben é debedora nalgún aspecto de Foster, rompe con importantes teses deste e coa súa visión continuísta da obra marxiana; vai moito máis alá, non só pola alternativa que acaba formulando senón por moitas interpretacións nas que aquí non podemos entrar, como por exemplo o lugar de Engels en todo isto, co que Saito é moi crítico. 

Non hai dúbida do polémica que resulta esta incitante lectura de Saito, e das obxeccións que pode espertar a proposta consecuente do comunismo do decrecemento. Xorde a dúbida, claro, de como entendía Marx o concepto de límite natural, acerca do cal Harvey debateu con certo ecoloxismo; ou a cuestión de se os fragmentos dese último Marx significarían unha auto-reconstrución como a que pretende Saito, ou se realmente esas audaces observacións ecolóxicas quedaron nuns indicios ou conatos sen desenvolver, polo que descoñeceríamos en que dirección Marx o faría de dispoñer de tempo. De feito o mesmo Saito ten que recoñecer que, no II e III tomo de O capital, malia o dito da intervención de Engels, Marx non sería capaz de se desprender claramente de enfoques seus anteriores. Con todo, non penso que o máis interesante sexa formularlle cuestións deste teor, absolutamente lexítimas polo demais. Máis interesante paréceme outra cuestión, a saber, se a lectura de Saito, con independencia da súa fidelidade estrita aos textos, ou incluso ao que Marx puidese facer, significa unha reconstrución teórica, de inspiración marxiana, consistente e cun potencial crítico como para que sexa de axuda no noso enfrontamento aos desafíos que representa o Antropoceno.

Ler tamén [Marx no Antropoceno I] Marx e o ecoloxismo. O enfoque de Bellamy Foster