O pasado mes de xullo publicamos un dossier baixo o título Decrecer con xeito. A cuestión da crise ecolóxica e a proposta do decrecemento, fronte a para moitos suicida teimosía no crecemento depredador capitalista, é tamén o tema dos dous textos do especialista en filosofía política Jorge Álvarez Yágüez no que se centra este artigo, primeira entrega doutro que se publicará en outubro e que neste caso se centra nas achegas de diversos autores que contribuíron a desmontar a tese dun Marx produtivista e xaora alleo ás preocupacións ecolóxicas; no do vindeiro mes centrarase na obra do xaponés Kohei Saito, quen coa publicación de O Capital na era do Antropoceno, reivindica un Marx decididamente ecoloxista e mesmo decrecentista.
Unha nova época xeolóxica
A humanidade ingresou nunha nova época xeolóxica que leva o nome de Antropoceno, en tanto que se estima que a actividade humana, comportándose como unha verdadeira forza xeolóxica, transformou o planeta. Deixariamos atrás, pois, o período do Holoceno en que durante 11.000 anos se desenvolveu a vida do ser humano, construíronse as grandes civilizacións, pasouse da prehistoria a historia. Só falta que a Academia xeolóxica acepte oficialmente a nova denominación, pero isto non é o relevante. Todo o problema da nova etapa reside en que a xigantesca pegada do home na Terra non ten un balance positivo a efectos biolóxicos, relativos ás condicións de existencia da vida humana e non humana neste planeta. Os chamados nove límites planetarios (J. Rockström) que marcarían esas condicións (clima, biodiversidade, nitróxeno, augas, solo, etc) están a ser excedidos; xa o fixemos con seis deles.
A perspectiva ecolóxica non pode xa ser adoptada como unha rama máis das nosas análises, senón como a base dende a que contemplar todo o demais.
Neste contexto, a problemática ecolóxica xa non pode por máis tempo ser considerada unha especie de rama engadida aos enfoques socio-políticos. De feito, así é como se viña facendo por parte das ideoloxías dos distintos partidos e nos enfoques de boa parte dos intelectuais preocupados polo que sucede na area pública. A perspectiva ecolóxica non pode xa ser adoptada como unha rama máis das nosas análises, senón como a base dende a que contemplar todo o demais. Este debera ser o primeiro efecto que no campo da teoría socio-política tería que ter para calquera conciencia que estea á altura da situación.
Resulta enteiramente lóxico que, dende unha das grandes teorías que abasteceu de ferramentas conceptuais a toda caste de intelectuais, foran o non defensores das teses do seu creador, se formule a pregunta acerca de que pode aportarnos respecto deste tempo decisivo; estámonos a referir ao pensamento de Marx. No en van, Paul Crutzen e Eugene F. Stoermer, que foron os primeiros en formular a tese de entrada nunha nova época xeolóxica que debía chamarse Antropoceno, pensaban que posiblemente se iniciara coa revolución industrial; e algún teórico marxista como Jason W. Moore prefira denominar Capitaloceno, por considerar que o verdadeiro causante non era senón un moi específico sistema económico.
Como é sabido, o pensamento ecoloxista nunha grande parte estimou que, polo menos o Marx maduro, se inscribía nunha liña industrialista, tecnoloxista, produtivista, antropocentrista moi ancorada no pensamento ilustrado moderno en favor dun dominio total sobre a natureza.
Marx produtivista
Como é sabido, o pensamento ecoloxista nunha grande parte estimou que, polo menos o Marx maduro, se inscribía nunha liña industrialista, tecnoloxista, produtivista, antropocentrista moi ancorada no pensamento ilustrado moderno en favor dun dominio total sobre a natureza, e non consideraba apenas toda a problemática dos límites naturais, e se algunha vez se acercara a iso, fora moi fragmentariamente sen afectar a súa concepción xeral. Unha posición que a idea dun socialismo entendido como un paso máis no desenvolvemento das forzas produtivas, unha sociedade de abundancia, parecía confirmar. De feito, boa parte do marxismo, de base fortemente economicista, a que foi adoptada polo movemento internacional e os partidos comunistas, desenvolveríase durante anos á marxe da problemática ecolóxica, e cando esta empezou a conformar un movemento, os comunistas e socialistas só aceptaron algunhas das súas ideas dunha forma electoralista, nun claro segundo plano, disposto a ser sacrificado en canto que entrase en conflito cos intereses máis inmediatos dos sectores sociais que formaban a súa base de apoio.
Certamente, non serían poucos os que pensaban que en absoluto deberan estar en contraposición os dous movementos, obreiro e popular por un lado, e ecoloxista por outro, na medida na que ambos tratasen de superar o capitalismo, toda vez que o mantemento daquel significaba a explotación e o empeoramento das condicións para a clase obreira, campesiña e outros sectores sociais, pero tamén a destrución do medio natural. Pronto apareceron teorías ecolóxicas en intelectuais que abrazaban esa converxencia. Respecto de Marx delimitábanse dúas posicións principalmente: por unha parte a posición dos que, se ben crían pertinente o uso de Marx, este debía ser depurado á luz das novas formulacións ecoloxistas, toda vez que Marx se presentaba como un pensador produtivista e prometeísta, un ilustrado materialista do progreso, con independencia de que houbese observacións illadas noutra dirección, pois non tiveran repercusión na súa gran teoría; e por outra parte, a posición dos que pensaban que podían utilizarse “algúns indicios político-ecolóxicos de Marx”, para dicilo con Manuel Sacristán, e desenvolvelos xa con achegas que mentres tanto se foron dando. Na primeira posición estaría xente como A. Gorz, J. O´Connor, Michel Löwy ou Martínez Alier, e na segunda o mencionado Sacristán, P. Sweezy, Mészáros, R. Bahro entre moitos outros. En calquera dos casos, o ecosocialismo, dada a situación da teoría marxiana, habería de elaborar unha concepción ecoloxista desde o exterior para articulala dalgún modo con elementos posibilitadores do pensamento marxiano ou engelsiano.
Para o estudoso ecoloxista estadounidense en Marx -como en Engels- a consideración das contradicións que o capitalismo introducía na relación entre home e natureza estivo presente desde o principio.
Autores como Paul Burkett e especialmente John Bellamy Foster, desde a ultima década do século XX en adiante, introduciron un gran cambio neste panorama, ao soster que as observacións de Marx e Engels non eran nin moito menos tan fragmentarias e illadas como podería supoñerse, que en realidade se integraban nunha concepción coherente que daba á alternativa comunista unha dimensión ecolóxica que acostumaba a non destacarse cando non a esquecerse. Bellamy Foster tratou de mostrar como en realidade a concepción marxiana da relación histórica do home coa natureza formaba unha parte continuada e esencial na perspectiva marxiana. Para o estudoso ecoloxista estadounidense en Marx -como en Engels- a consideración das contradicións que o capitalismo introducía na relación entre home e natureza estivo presente desde o principio. O concepto de alienación desenvolto nos Manuscritos de economía e filosofía de 1844, amosaba como a alienación do traballador nas relacións capitalistas implicaba o seu estrañamento respecto da natureza mesma, que deixaba de ser o seu “corpo inorgánico”, o lugar de desenvolvemento das súas calidades estéticas, creativas e de realización da súa propia esencia universal. O traballador nas relacións capitalistas de produción quedaba alienado respecto da súa propia esencia, pero tamén da natureza mesma. Esa idea non deixaría de afondarse e cobrar dimensións máis concretas co despregue de toda a súa teoría económica.
Marx ecoloxista
Un momento central, segundo a lectura de Foster, representaríao o encontro de Marx coa obra do gran químico alemán Justus von Liebig, xusto no momento en que Marx traballaba na preparación de O capital. Marx atopaba nel a clave do enriquecemento dos solos de cultivo, pois Liebig descifraba que elementos químicos eran esenciais e como a falta dalgún deles ou a súa mingua supoñían unha inmediata caída na fertilidade. Para Marx, nun principio esa extraordinaria achega significaba un argumento máis na súa crítica á teoría de Malthus da insuperable lei do crecemento aritmético dos alimentos procedentes de plantas e animais, e a progresión xeométrica do crecemento da poboación. Para Marx a tese deste “clérigo reaccionario” adoecía de varios defectos pero o principal era a súa ahistoricidade, a non consideración da acción humana. Con Liebig mostrábase que a partir do mellor coñecemento do crecemento das plantas poderíase contrarrestarse a deficiencia de alimentos e o empobrecemento das terras, como de feito foi, en parte obra do mesmo Liebig, favorecendo a elaboración de abonos químicos que garantisen achegas de nitróxeno e fósforo, entre outros elementos. Liebig tamén permitía a Marx afondar a crítica á concepción ahistórica dos rendementos decrecentes do solo de David Ricardo.
Desde o punto de vista de Foster, Marx articulaba perfectamente as súas observacións ecolóxicas con todas as súas análises sobre o movemento do capital e as súas contradicións.
Pero a idea que máis lle interesou a Marx foi a da fractura metabólica xerada entre campo e cidade, un concepto do que xa non se separaría Marx. Para Liebig, o empobrecemento progresivo dos solos era debido en boa medida a que o campo producía para a gran cidade, é esta, distanciada de aquel, non revertía os desperdicios orgánicos ao campo para que lle servisen de abono. Esta separación entre campo e cidade, unida á presión que a primeira exercía sobre el para intensificar a produción, facía que o solo se empobrecera progresivamente e as colleitas minguaran. Liebig cualificaba isto de agricultura do roubo (Raubbau); e os cultivos a escala crecente facían que Inglaterra estivera de feito roubando a terra das presentes e futuras xeracións doutras parte do mundo, de Irlanda en primeiro lugar. Marx vía en Liebig máis precisada a contradición campo/cidade que el sempre denunciara como contradición capitalista, unha contradición que illaba e empobrecía a mesma vida dos campesiños, mentres que a cidade vivía cada vez en peores condicións coa contaminación do aire e das augas; o Támesis, como dicía en O capital, convertérase nun rio envelenado fomentador de enfermidades; de feito nos mesmos sesenta déranse brotes de cólera. Liebig iría volvéndose cada vez máis pesimista en canto á posibilidade de resolver o problema do empobrecemento da terra, pois a longo prazo, constataba, os abonos químicos non o resolvían.
En todo caso, Marx, que seguía esa evolución do grande químico, consideraba que só unha racional división do traballo, unha planificación da produción como a que propuña o socialismo, a comunidade de produtores asociados, podería resolver a división campo-cidade e lograr un tipo de desenvolvemento sostible no que unha xeración non hipotecase as condicións de existencia das futuras. Como dicía en O capital: “Desde o punto de vista dunha formación socioeconómica superior, a propiedade privada dos individuos particulares na terra parecerá tan absurda como a propiedade privada dun home sobre outro. Nin sequera unha sociedade enteira, unha nación ou todas as sociedades existentes simultaneamente, tomadas no seu conxunto, son propietarias da terra. Simplemente son os seus ocupantes, os seus beneficiarios, e, como boni patres familias, teñen que legala nun estado mellorado ás xeracións vindeiras”. Desde o punto de vista de Foster, Marx articulaba perfectamente as súas observacións ecolóxicas con todas as súas análises sobre o movemento do capital e as súas contradicións.
A interpretación que sostén a idea dun Marx produtivista e prometeísta non tería, pois, unha sólida base na teoría do pensador de Treveris. Foster ademais pensaba que o enfoque marxiano baseábase nunha filosofía materialista que percorría toda a súa obra, apoiada en autores diversos desde Epicuro e Lucrecio a Darwin, de maneira que estabamos ante un enfoque sistemático no que a dimensión ecolóxica non era algo externo ou accidental.
Ler tamén [Marx no Antropoceno I] Kohei Saito e o comunismo do decrecemento





