Aínda que fai case cinco décadas que morreu o ditador Francisco Franco, e outras tanto de democracia, España aínda agocha importantes déficits democráticos que impiden a súa homologación coas democracias mais avanzados de Europa. Un dos déficits máis relevantes afectan ao poder xudicial quen, por mor da presencia de maxistrados con mentalidade franquista en relevantes instancias xudiciais (Consello Xeral do Poder Xudicial, Tribunal Supremo, Audiencia Nacional….), con relativa frecuencia non ríspeta principios democráticos básicos como a igualdade diante da xustiza e a presunción de inocencia. Un comportamento que pon en cuestión a súa independencia.
“A palabra independencia é moi fermosa cando se aplica ao esforzo moral dun xuíz que se resiste á autoridade e aos empeños poderosos; pero é necesario non deixarse enganar con esta palabra; por que si se abusa dela para sacar por consecuencia que un xuíz debe ser independente hasta o punto de non ter que dar conta da súa conduta, de mirar con indiferenza a opinión pública, de considerar o seu emprego como unha propiedade que non pode perder senón por causa de prevaricacións xustificadas, en breve veremos os resultados deplorables na neglixencia das súas obrigas ou na súa altiveza e o despotismo dos seus modais” (JOSÉ ANTONIO MARTÍN PALLÍN: “Visto para sentencia”, citando a Jeremias Benthan: “Tratados sobre a organización xudicial e a codificación”).”Manter a independencia , sobre todo en asuntos de forte impacto político ou económico, e unha cuestión que depende das calidades persoais do xulgador” (JOSE ANTONIO MARTIN PALLIN: “Visto para sentencia”).
Aceptado este principio cabería preguntarse se, en base ás evidencias, todos os xuíces españois o respectan e o garanten. As dúbidas están xustificadas e abonda, por caso, con botar a vista atrás para ver que pasou recentemente co anterior Fiscal Xeral do Estado, o señor Álvaro García Ortiz, quen por defendela independencia e honorabilidade da fiscalía fronte as mentiras e trolas emitidas dende o entorno da Presidencia da Comunidade foi condenado polo Tribunal Supremo a dous anos de inhabilitación para o cargo de Fiscal Xeral do Estado ademais dunha pena pecuniaria. Como ven sinala o maxistrado emérito José Antonio Martín Pallín “é difícil atopar unha sentencia que vulnere, dunha soa tacada, tal cantidade de dereitos e garantías fundamentais” (JOSÉ ANTONIO MARTÍN PALLÍN: “Visto para sentencia”). Hai mais evidencias desta falta de independencia que nos remiten, por caso, ao comportamento en relación coa Lei de Amnistía cando, por caso, o Tribunal Supremo formula unha cuestión de inconstitucionalidade contra a mesma ou cando grupos de xuíces e maxistrados convocan manifestacións diante das propias sedes xudiciais contra aquela. Poderíamos citar mais casos nos que o poder xudicial español se arroga unhas funcións que non lle corresponden, que cuestionan a súa independencia, chegando incluso “a utilización da xustiza para reprimir, ao marxe da legalidade, acontecementos ou decisións políticas que incluso emanan dos Parlamentos que encarnan a soberanía popular” (JOSÉ ANTONIO MARTÍN PALLÍN: “Visto para sentencia”). Unha inxerencia da xustiza na política que se repite con demasiado frecuencia e aí están o caso Atutxa, o do Estatuto de Marivent, o Procés… aos que se lles pode aplicar a expresión inglesa de “lawfare” que “significa substituír a violencia da guerra pola utilización feiticeira do dereito… trátase dunha estratexia que busca conseguir nas vías xudiciais, previamente ideoloxizadas, unha resolución, desprezando o principio da separación de poderes e a imparcialidade, deixando sen efecto as decisións emanadas da soberanía popular respecto da elección dos seus representantes e do Poder Executivo”.
“Garantida a independencia e a inamovibilidade, a función xudicial debe desenrolarse coa mais exquisita imparcialidade e neutralidade”... (JOSÉ ANTONIO MARTÍN PALLÍN: “Visto para sentencia”). Non hai que viaxar moitos anos atrás, abonda con analizar o sucedido a nivel xudicial dende o mesmo momento en que triunfara a moción de censura presentada por Pedro Sánchez contra o goberno de Mariano Rajoy para visualizar que os principios de imparcialidade e neutralidade son vulnerados con demasiada frecuencia. A realidade é que dende aquela estamos asistindo a unha ofensiva xudicial para derribar o Goberno de coalición, focalizada no presidente de Goberno. Ofensiva que pon en dúbida a imparcialidade e a neutralidade da función xudicial. “ Nestes momentos atopámonos diante dunha ofensiva xudicial impregnada de ideoloxía reaccionaria que, sen complexos, pon o seu papel institucional ao servizo dos partidos políticos da oposición parlamentaria que pretenden derrubar ao Goberno, non pola vía dunha moción de censura, senón pola descualificación da súa lexitimidade democrática” (JOSÉ ANTONIO MARTÍN PALLÍN: “Visto para sentencia”). Unha ofensiva que se puxo en marcha inmediatamente despois de que triunfara moción de censura presentada por Pedro Sánchez contra o goberno corrupto de Mariano Rajoy e se intensificou logo de que Núñez Feijoo vira frustradas as súas expectativas de chegar á Presidencia do goberno logo das eleccións do 23 de xuño do 2023.
Pero a ofensiva, que conta con tres frontes principais -o xa citado caso do fiscal xeral do Estado, o caso de Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno e o caso de David Sánchez Pérez-Castejón, irmán do mesmo-, ten máis ramificacións, como estamos vendo agora co moi distinto trato xudicial que están tendo os casos Koldo (que afecta ao PSOE con dirixentes políticos corruptos) e o caso Kitchen (que destapa un PP enormemente corrupto e politicamente tripeiro).
Unha ofensiva xudicial que “se pon en marcha por impulsos de organizacións ultradereitistas (Manos Limpias, Hazte Oír, Abogados Cristianos e outras) que se teñen especializado como defensores da legalidade, na utilización abusiva da acción popular, dirixíndoa exclusivamente contra o espectro ideolóxico de esquerdas”(JOSÉ ANTONIO MARTÍN PALLÍN: “Visto para sentencia”).
Para rematar unha nova cita do maxistrado que nos está servindo de referencia na que subliña que “os cidadáns necesitan ter confianza na xustiza, posto que a esencia da democracia consiste no sometemento das institucións ao control social e a transparencia das actuacións dos poderes públicos. A observación e vixilancia da sociedade e o exame dos organismos auditores sobre a diafanidade do seu funcionamento, así como a racionalidade das súas resolucións manteñen o equilibrio necesario (liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político) como puntais da orde xurídica e a paz social” (JOSÉ ANTONIO MARTÍN PALLÍN: “Visto para sentencia”). Unha confianza na xustiza que non parece atravesar o seu mellor momento xa que segundo un moi recente informe de FUNCAS a desconfianza hai o Poder Xudicial medrou un 8% dende 2023. Segundo os derradeiros datos o 34% dos españois asegura que a súa opinión sobre o sistema xudicial español viuse alterada dende 2021, fronte ao 24% que o afirmaba hai dous anos… así mesmo a valoración media cara a Xustiza non chega ao aprobado: os españois cualifican con un 4,9 sobre 10 a confianza no sistema xudicial”.
________
P.D.: A quen teña interese en coñecer mellor como funciona o poder xudicial en España e cales son os fundamentos xurídicos dun estado de dereito, recoméndolles a lectura do magnífico libro, que cito repetidamente neste artigo, do maxistrado emérito do Tribunal Supremo, Jose Antonio Martin Pallín: “Visto para sentencia. Xuíces e ideoloxía na Xustiza española”. XXI Siglo Veintiuno Editores.





