Manuel Caamaño Suárez, imprescindible

Foron 90 os anos que completaron a intensa vida de Manuel Caamaño, iniciada en 1936, seis meses antes do golpe militar que daría lugar á guerra civil e cando Castelao, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e un adolescente Díaz Pardo se afanaban en organizar a campaña do Estatuto, que Galicia lle outorgou á súa autonomía o 28 de xuño de 1936. Caamaño medrou na posguerra, formouse academicamente loitando contra o poder abafante da ditadura mentres se ía introducindo no eido clandestino da loita por unha Galicia socialista e soberana.

Manuel Caamaño (Noia, 1936 – A Coruña 2026)) fíxose arquitecto técnico na Escola Politécnica de Barcelona. Na capital catalá fundou con outros mozos galegos o grupo cultural nacionalista Mocedade Galega de Barcelona (1960) e desenvolveu un destacado activismo nos círculos galeguistas, ocupando postos directivos no Centro Galego.

En 1964 fixou a súa residencia na Coruña para exercer a súa profesión nunha importante empresa privada, Dragados e Construcións, na que chegou a ocupar a xefatura de estudos de obras de edificación en todo o territorio galego. Dende 1975 exerceu a docencia na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica como profesor de Construción Rural Galega e investigou sobre as construcións tradicionais de Galicia, tema que expuxo en conferencias, mesas redondas e artigos xornalísticos, Polo súa inmensa capacidade de traballo e entusiasmo ordenou tal infinidade de datos e reflexións sobre o que Benard Rudoffoky acuñou como arquitectura sen arquitectos que en 2003 publicou a súa obra magna As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (Consejo Gallego de Colegios de Aparejadores y Arquitectos Técnicos), unha xoia de valor inestimable que entronca cos precedentes do histórico Seminario de Estudos Galegos. Esta obra foi galardoada cos premios de investigación XIX Premio “Antón Losada Diéguez” (abril 2004) y XXVII Premio da Crítica-Galicia (maio 2004) e o premio de honra da Asociación de Amigos dos Pendellos de Agolada.

Parte do seu pensamento plasmouno en diversas publicacións: Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica con X. Rodríguez Pampín como coautor (SEPT, 1980). E as recompilacións de ensaios e discursos nos libros Sobre Galicia como responsabilidade (Ediciós do Castro, 19808) e Dun tempo e dun país (edicións Laiovento, 2006).

Manuel Caamaño ingresou no Partido Socialista Galego (PSG) en 1964 como membro do grupo fundacional que abordou o proceso constituínte de implantación, estruturación organizativa e definición ideolóxico-política. Trala aprobación do documento Os nosos principios, formou parte da dirección colexiada. En 1977 o PSG celebrou un congreso, o primeiro la legalidade “democrática”, no que cristalizaron 2 tendencias contrapostas, unha propensa a primar a integración no PSOE, e outra proclive a manterse firme nos seus principios e permanecer como partido galego independente sen ataduras externas. Caamaño persistiu unido ao grupo dos militantes veteranos ata que en 1980 abandonou a militancia partidaria sen renunciar ao seu compromiso nin coas esencias nacionalistas de esquerdas.

Ao mesmo tempo buscando novas canles de expresión promoveu e presidiu a Agrupación Cultural O Facho (1966-79), vicepresidente da Coral Polifónica Follas Novas da Coruña. Pertenceu aos consellos editoriais de SEPT e da Editorial Galaxia. Membro fundador da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e de Escola Aberta e forma parte dos Padroados do Pedrón de Ouro, do Museo do Pobo Galego e da Fundación Castelao.

Para o MPG redactou 2 volumes da colección Cadernos do Museo do Pobo Galego: A casa popular e As construcións adxectivas, ambos publicados en 1999. E tamén se encargou da redacción dos informes solicitados pola Xunta de Galicia para a protección do patrimonio. Tras 47 anos de patrón e directivo, decote activo, eficaz e dispoñible, en 2023 o MPG impúxolle a Insignia de Ouro, máxima distinción concedida polo Museo. Manuel Caamaño ingresou no Padroado do Pedrón de Ouro en 1983 e foi o seu presidente desde 2009 a 2011.

Por estar decote activo e dispoñible a Caamaño hai que encadralo na categoría dos que Bertolt Brecht consideraba imprescindibles: “Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hai os que loitan moitos anos, e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles.