Cando o corpo fala: o magnesio e a dor crónica 

A suplementación co magnesio: unha historia de dor, ciencia e esperanza 

Comeza cun ombro que xa non se move como antes. Continúa cunhas costas que renxe cada mañá, cuns xeonllos que xa non che permiten subir escaleiras sen sentir un tirón, unha presión, unha punzada. E un día descobres que a dor forma parte da túa rutina. Non é grave, dinche. É a idade. Pero… e se non fose só a idade? 

A dor musculoesquelética é a epidemia invisible do século XXI. Afecta a máis do 80% da poboación nalgún momento da vida e é a principal causa de discapacidade global, segundo a OMS. Limita os movementos, empobrece o descanso, mina o ánimo e condiciona cada xesto cotián. Sufrímola en silencio porque nos ensinaron a soportala, non a comprendela. Mais a ciencia debe facer algo máis. 

Como farmacéutica e investigadora, levo anos escoitando a quen sofre este tipo de dor. Non veñen buscando milagres, veñen buscando alivio. E o que moitas veces atopo en común é isto: unha deficiencia sostida de magnesio. Non unha carencia total, senón un desequilibrio sutil que afecta á transmisión nerviosa, ao ton muscular, ao descanso e á inflamación. Algo que non sempre se detecta nas análises, pero que o corpo berra en cada movemento. 

Non abonda con recomendar “toma magnesio”. Hai moitas formas, moitas sales, moitas doses. Algunhas apenas se absorben. Outras toléranse mal. E moitas combinacións son simplemente ineficaces. A investigación xa está en marcha: non se trata dunha fórmula máxica, senón dunha liña de estudo seria que analice cal é a forma máis eficaz, biodispoñible e segura de suplementar o magnesio en persoas con dor musculoesquelética crónica. Que cofactores deben acompañalo. En que momentos do día se absorbe mellor. Que poboacións se benefician máis. 

Os organismos internacionais seguen establecendo recomendacións mínimas pensadas para evitar carencias agudas, pero non para optimizar a saúde en contextos reais.  

A historia da aspirina ilústrao ben. Félix Hoffmann non descubriu unha molécula nova. Acetilou unha xa coñecida para que seu pai puidese tolerala. Así naceu un medicamento histórico. E se hoxe fixésemos o mesmo cos nutrientes que xa temos? E se deixásemos de buscar milagres e empezásemos a escoitar mellor os corpos? 

Na práctica clínica, os resultados son consistentes. Pacientes con insomnio, rixidez muscular, ansiedade física, fatiga, dor crónica ou dor de xeonllos que arrastran desde hai anos… melloran cando se lles ofrece un protocolo ben deseñado, con magnesio biodispoñible e cofactores adaptados á súa situación. Non o digo como crenza. Observo cada semana como melloran. Pero sen estudos clínicos rigorosos, sen ensaios controlados, esta realidade queda relegada ao anecdótico. E iso é un erro que pagamos con sufrimento. 

Os organismos internacionais seguen establecendo recomendacións mínimas pensadas para evitar carencias agudas, pero non para optimizar a saúde en contextos reais. Unha muller na menopausa, unha persoa con artrite leve, alguén con fatiga persistente non necesita o mesmo que un varón novo e san. E, con todo, prescríbese o mesmo. 

As táboas de recomendación de nutrientes da OMS e doutros organismos internacionais foron deseñadas nun contexto histórico moi distinto ao actual. Pensadas orixinalmente para evitar enfermidades carenciais graves coma o escorbuto ou o raquitismo, seguen baseándose en valores mínimos necesarios para garantiren a supervivencia, non para promoveren unha saúde óptima. Este enfoque limita a nosa capacidade para previrmos e tratarmos enfermidades crónicas, moitas das cales teñen un claro compoñente inflamatorio e metabólico. 

A isto cómpre sumar un problema máis profundo: a perda progresiva de nutrientes biodispoñibles nos alimentos que consumimos. A agricultura intensiva, centrada na produtividade e no rendemento económico, contribuíu á diminución do contido mineral dos solos. Estudos comparativos mostran unha caída significativa nos niveis de magnesio, zinc ou ferro dispoñibles nos vexetais. O empobrecemento dos solos tradúcese directamente nun empobrecemento da cadea alimentaria. 

A miña proposta de estudo parte desta constatación: necesitamos redefinir os estándares de saúde nutricional desde unha visión realista, aplicada e adaptada ao século XXI. 

Aínda máis, as técnicas de procesamento industrial —refinado de fariñas, conservas, uso de aditivos— acaban por eliminar ou inhibir a absorción de moitos micronutrientes esenciais. O resultado é unha dieta aparentemente suficiente en calorías, pero deficitaria en nutrientes claves. Esta situación, unida ao sedentarismo, estrés crónico e fármacos que interfiren coa absorción, xera un caldo de cultivo perfecto para déficits subclínicos mantidos no tempo. 

Neste escenario, a suplementación con magnesio ben formulado deixa de ser unha moda ou un complemento, e convértese nunha necesidade clínica e social. Non abonda con dicir que “coidamos a alimentación”: hai que entender que a contorna xa non nos ofrece os nutrientes en forma e cantidade suficiente, e que a medicina preventiva debe integrar esta realidade con ferramentas modernas. 

A miña proposta de estudo parte desta constatación: necesitamos redefinir os estándares de saúde nutricional desde unha visión realista, aplicada e adaptada ao século XXI. O deseño da investigación ten en conta a eficacia da suplementación, a súa xustificación fisiopatolóxica, os perfís de risco poboacional e a posibilidade de establecer protocolos diferenciados segundo idade, sexo e condición clínica. 

A ciencia non pode seguir traballando con ferramentas de hai medio século para resolver os problemas de hoxe. É hora de revisar o marco de referencia, actualizar as necesidades nutricionais en base á evidencia actual e dar resposta aos desafíos reais dunha poboación que vive máis, pero non sempre mellor. 

O magnesio non é novo. Mais a súa aplicación clínica, ben formulada, ben administrada e ben combinada, pode marcar un antes e un despois en como vivimos o corpo a partir dos corenta. Este é un convite a pensarmos na saúde con seriedade, con ciencia e con humanidade. 

Porque a dor non pode seguir a ser normalizada. Porque non é admisible que o “é a idade” sexa a única resposta. Porque temos coñecementos, ferramentas e precedentes para facer mellor as cousas. 

_______

Sobre a autora 
Ariana Fernández Palomo é farmacéutica, doutora en comunicación e especialista en formulación dermofarmacéutica. Coordina o Máster en Dermocosmética, Suplementación e Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e preside tanto a Asociación de Cosmética Galega como a asociación A Ciencia é Femenino. Desde a súa experiencia profesional impulsa unha liña de investigación aplicada sobre magnesio biodispoñible e saúde musculoesquelética, centrada en mellorar a calidade de vida a través de formulacións baseadas na observación clínica, rigor científico e evidencia real.