O Grupo ABN dedica a súa actividade á fabricación e distribución de sistemas de tubaxes e accesorios plásticos para edificación, obra civil e industria. Conta con planta produtiva en Medina del Campo (Valladolid) e centro loxístico na Coruña. Desenvolve innovacións como almacéns intelixentes e exporta a varios mercados internacionais.
Dende ABN temos como unha das nosas prioridades a innovación, pensando sempre na mellor maneira de facilitarlle a vida aos clientes. Así xurdiu un dos nosos proxectos tecnolóxicos máis sobresaíntes, coñecido como “Stock Digital”. A nosa premisa era facer chegar os produtos ao cliente a pé de obra, empregando para iso almacéns desatendidos para o autoabastecemento dos clientes. Baseándonos na técnica de identificación individualizada de pezas por radiofrecuencia (RFID), deseñamos sistemas autónomos que permiten ir alén da loxística convencional, actuando como parceiros tecnolóxicos.
O reto consistía en crear un código electrónico de produto para dar cabida a toda esa información: debería axustarse á norma EPC Global mais permitindo modificacións para convivir con outros códigos non mundiais.
Non se trata unicamente de almacenar produtos senón de proporcionar unha solución completa con control de accesos, control de inventarios e sistemas de reposición intelixentes, empregando “intelixencia de negocio” para adaptarnos á demanda do cliente.
Todo isto evita a necesidade dos clientes de crear ordes de pedido, almacenar o produto, clasificalo, etc. A reposición faise adaptada sempre ás demandas da obra e tendo en conta a rotación dos materiais e os hábitos de uso, empregando sistemas de control de stocks. Xéranse informes automatizados de consumo, indicando quen accede ao material, que día e a que hora, e para que centro de custo ou obra se vai empregar.
Cando xurdiu a idea, comezamos a desenvolvela na mellor maneira de satisfacer estas necesidades, e pensamos en montar os almacéns en contedores marítimos de 20 e 40 pés. Por varias razóns: permítennos levalos e depositalos a pé de obra, son un entorno completamente illado desde o punto de vista radioeléctrico, unha “gaiola de Faraday” que favorece a lectura de identificadores por radio (etiquetas) en modo estático, e, ademais, dispoñen de espazo dabondo para almacenar material.
Comezamos deseñando un sistema para comandar un número elevado de almacéns, permitindo ter control de cada un deles de forma independente. Tamén deseñamos un dispositivo de control para cada almacén, que rexe localmente a domótica, a sensórica, luces, alarmas etc. Finalmente, deseñamos unha lóxica de funcionamento para o cliente acceder a un almacén e que, de maneira automatizada, se executen diversos automatismos, como diodos luminosos de estado ou iluminación.
Actualmente abríronse mercados novos, dada a posibilidade de controlar os consumos e os stocks en remoto.
A lóxica consiste en que un usuario aproxime a súa identificación á porta do almacén (ou conxunto de almacéns que ten asignados), o sistema de control de accesos verifique a súa identidade e, se for recoñecido polo sistema, lle permita o acceso, acenda luces e desconecte a alarma. Daquela o operario accede e colle o material preciso para a obra, pecha a porta e nese momento lánzase un inventario automático. Durante o proceso acéndese un piloto vermello e impídese o acceso ao almacén ata que remate o inventario.
Unha vez rematado o inventario, transmítese toda a información, incluída a do usuario que accedeu ao sistema. Todo o sistema conéctase coas bases de datos da empresa.
Na parte de análise, deseñouse unha codificación para recoñecer calquera aspecto relativo a fabricante, empresa, produto, familia, gama, lote e serie, á parte dos datos de xestión. O reto consistía en crear un código electrónico de produto para dar cabida a toda esa información: debería axustarse á norma EPC Global mais permitindo modificacións para convivir con outros códigos non mundiais.
Outro reto a superar era a creación de interfaces axeitadas a diferentes roles. Por exemplo, fíxose unha versión en modo quiosco para os operarios a pé de obra; outra de panel para a empresa instaladora que manexa varias obras e quere levar por separado a contabilidade de cada unha, máis control de accesos a almacéns e imputacións dos custos. Tamén se fixo unha versión do programa de xestión SuperAdmin con acceso a todas as operacións nos almacéns, con permisos de altas, baixas, creación e asignación de usuarios, creación e codificación de etiquetas de RFID.
Un máis dos problemas a resolver era a maneira de xerar códigos únicos, imprimilos e codificalos en cada unha das etiquetas, de xeito que mostren de forma visual a transcrición do código, referencia do produto, tamaño, cotas etc.
Outro problema básico era o das comunicacións entre almacéns, empresas e usuarios individuais provistos de dispositivos móbiles (mormente teléfonos). Resolveuse cunha plataforma global que facilitase facer probas de conexión, xestionar os consumos, xeolocalizar o almacén en calquera lugar do mundo e engadir en modo dinámico máis datos se, chegado o momento, se esgotaren os artigos nalgún almacén de produción.
Ese concepto xerou un sistema xestionado e comandado con independencia do número de almacéns a controlar. Isto -que a priori non se adoita ter en conta cando se desenvolve o sistema- resulta crucial á hora de facelo medrar. É a vantaxe de empregar métodos de enxeñería nos proxectos: non é o mesmo facer unha casa ca levantar un rañaceos. De partida en ambos casos trátase de edificios, mais a cantidade de factores e dificultades a prever multiplícase no caso do rañaceos.
Unha vez desenrolado o sistema, tivemos que afinalo correctamente, xa que o principal escollo a superar é a propia singularidade dos sistemas de identificación con etiquetas de RFID: o lector é moi preciso cando xogamos co movemento e cos distintos ángulos de lectura, mais non tanto nun escenario estático (de lector fixo), en que chegar a unha porcentaxe do 100% na lectura é difícil; e téñase en conta que o inventario medio dun sistema de Stock Digital do grupo ABN supera os 3.000 elementos.
O último punto que fai deste sistema algo distinto é a trazabilidade completa de cada un dos produtos con que traballamos, xa que sabemos dende a que lote de produción pertence ata onde foi instalado, pasando por todos os lugares intermedios onde estivo. Aínda máis, permítenos –logo de rematada a obra— recoñecer onde se instalou dito elemento e saber cando foi fabricado.
A trazabilidade é moi importante, sobre todo á hora de solucionar problemas coma o dos lotes defectuosos. Cómpre localizalos e saber a onde se enviaron, e ata recoñecer as pezas dentro do almacén aínda que estean mesturadas con outras da mesma familia. Ditas pezas retíranse e son substituídas por outras que cumpran coas normas de calidade.
Actualmente abríronse mercados novos, dada a posibilidade de controlar os consumos e os stocks en remoto. Por exemplo, en Chile montamos estes tipos de almacén e podemos levar un control exhaustivo de consumos e reposicións. Esta baza é moi importante xa que levar material ao estranxeiro implica unha loxística determinada polos tempos de transporte, aduanas etc. Nestes casos, prever con tempo os envíos garante podermos entregar material no seu destino e no momento adecuado.
En resumo, tentamos acomodarnos a un mercado en que cada vez é mais complicado afinar a loxística para anticipármonos ás necesidades dos clientes. Á parte, ofrece un servizo a pé de obra e axuda os nosos clientes a ter control absoluto de que material se consume, para que centro de custo, e que persoa o fai. Todo isto axuda a evitar minguas e desaprovisionamento, facilita as devolucións e incluso colabora na sustentabilidade, xa que evita desprazamentos innecesarios pois o produto está sempre dispoñible.
_____
Xosé Antonio Rial é responsable de I+D no Grupo ABN





