Auto-sociobiografía e “transclase”
Cando Annie Ernaux recibiu o Nobel, no ano 2022, a reacción no seu país, Francia, non estivo exenta de controversia. Se o habitual é que a poboación en xeral, mesmo a non lectora, acolla con contento patriótico a celebración do seu concidadán ou concidadá, neste caso unha parte do sector cultural marcou distancias, poñendo en dúbida os méritos da escritora. A escrita de Ernaux foi cualificada de “plana” (un cualificativo que ela non rexeita pero ao que concede un sentido moi diferente do que aplican os detractores da súa obra), escasamente elaborada, mais os seus defensores axiña viron detrás desta crítica un carácter político, polo compromiso radical, feminista e de esquerdas, da autora.
Ao contrario do que ten ocorrido con outros autores, para os cales o recoñecemento do Nobel supuxo un verdadeiro descubrimento para un amplo lectorado, Ernaux gozaba xa dun amplo recoñecemento, con traducións a varios idiomas, entre eles o castelán e o portugués (a primeira tradución ao galego non aparecerá ata o 2023). En 2021, un filme baseado na súa novela de 2020, L’évenement (dirección de Audrey Diwan), obtivo o León de Ouro da Mostra de Venecia. A novela e o filme narran con crueza o aborto ao que a propia autora se someteu na súa mocidade, cando o aborto aínda era ilegal en Francia. Annie Ernaux recoñece o carácter autobiográfico das súas novelas, mais propoñendo o termo alternativo de “auto-sociobiografía”, unha precisión sen dúbida moi relevante cando comparamos a súa forma de afrontar a memoria persoal coa propia dos expoñentes considerados máis representativos da chamada autoficción ou “literatura do eu”, coma o noruegués Karl Ove Knausgard ou o tamén francés Emmanuel Carrère. Nestes é visible unha pulsión exhibicionista, narcisista, do eu persoal que Ernaux explicitamente elude. Ao contrario, ela proponse escapar da “trampa da individualidade”, facendo moi presente que non existe un “eu puro” senón que, ben ao contrario, en toda subxectividade está sempre presente o social, polo tanto, non só o pasado histórico e o presente político, senón tamén, e moi especialmente, os “outros”.
Mesmo na figura do “self made man“, cara á mitoloxía do individualismo capitalista, permanece un substrato discursivo segundo o cal a distinción de clase alta / baixa marca unha escisión indiscutida, a primeira coma unha aspiración ascensional, a segunda coma ameaza rexeitable.
O ensaio de Chantal Jaquet Révolutions transclasses. Une nouvelle théorie de l’émancipation (PUF, 2026), ao introducir o concepto de transclase (que xa propuxera nunha obra anterior: Les Transclasses ou la Non-Reproduction, PUF, 2014), veu proporcionar unha nova perspectiva respecto da incomodidade que xera nalgúns a figura da escritora premiada. Con este concepto Chantal Jaquet delimita un modo específico de afrontar o fenómeno do desclasamento, é dicir, do abandono dunha determinada clase social para acceder a outra, escapando dos enfoques habituais cos que adoita ser comprendido, baixo os apelativos de “transfuguismo”, “traidores á súa clase” ou mesmo “parvenus”, en todos os cales subxace unha connotación pexorativa. Mesmo na figura do “self made man“, cara á mitoloxía do individualismo capitalista, permanece un substrato discursivo segundo o cal a distinción de clase alta / baixa marca unha escisión indiscutida, a primeira coma unha aspiración ascensional, a segunda coma ameaza rexeitable. Fronte a isto, para Jaquet “o valor dunha traxectoria é menos en función da posición que se vai ocupar ca da maneira de vivila e de tratar aos outros”, polo cal o ascenso de clase, que é “un progreso desde o punto de vista económico”, non o é “necesariamente desde o punto de vista ético ou político”, porque o enriquecemento pode ser valorado non só no plano material senón tamén no humano e social [ver entrevista na revista Philosophie Magazine].
Baixo a ascendencia de bourdieu
A obra literaria de Annie Ernaux, a carón doutros autores cuxo vínculo coa escritora é notorio (incluída a común militancia ou proximidade co partido La France Insoumise), coma o sociólogo Didier Eribon e o tamén novelista Edouard Louis, ocupa un lugar principal na análise de Jaquet. Todos eles coinciden en ter nacido en rexións afastadas do núcleo parisiense e no seo de familias de clase baixa, desenvolver estudos universitarios e finalmente acadar recoñecemento como intelectuais, mellorando o seu status social. Son, logo, figuras aparentemente idóneas para representar o éxito meritocrático do estado democrático. Mais, adoptando a revisión da teoría da reprodución proposta polo enfoque sociolóxico de Bourdieu, Jaquet sinala que na reconstrución biográfica que se pode seguir na obra destes tres autores hai unha refutación expresa desa visión compracente do funcionamento do “ascensor social” na Francia da segunda metade do século XX. Didier Eribon, non por acaso discípulo directo de Bourdieu, en Retour à Reims fai unha disección moi precisa de como, efectivamente, sendo certo que o seu acceso aos estudos secundarios e posteriormente á universidade foron obvias condicións para acabar desenvolvendo as súas investigación sociolóxicas, a súa orixe social e precariedade económica actuaron coma un lastre que constantemente ralentizaron, cando non impediron, os seus progresos profesionais. No impresionante documento sociobiográfico (seguindo o concepto adoptado tanto por el coma por Ernaux), Retour à Reims, amosa de que xeito para un fillo da clase obreira continuar os estudos para alén do ensino obrigatorio supuxo unha ruptura coa súa “cultura” de orixe, que con todo non deixou de operar coma un atranco insuperable nas súas aspiracións a acceder á carreira docente, ata que finalmente fracasa nas probas de acceso, o que en Francia denominan o CAPES (certificado de aptitude para ser profesor de ensinanza secundaria): “Eu non tiña os medios para continuar os meus estudos máis tempo, para poder orientarme cara unha carreira universitaria, constatará, … era evidente que só os ‘herdeiros’, social e economicamente privilexiados, podían conseguilo. Fuxira do meu medio social mais estaba atrapado polas miñas orixes”. Nese “herdeiros” hai evidentemente unha referencia expresa a Les héritiers (1964), a obra xa clásica de Bourdieu e Passeron na que probaron, cun aparello estatístico esmagante, a maneira en que a escola republicana lexitima as diferencias sociais, mediante a exclusión dos estudantes das clases inferiores mentres fabrica unha “aristocracia escolar” que garante o éxito dos “herdeiros” das clases burguesas.
As catro obras constitúen documentos inapelables de como o capitalismo destrúe o corpo e a mentalidade dos traballadores, narrado dunha forma tan descarnada coma obxectiva, documentos tanto máis imprescindibles canto raramente os corpos da clase obreira, e menos aínda os corpos vellos, ocupan o primeiro plano dos textos, sexan literarios ou sociolóxicos.
Para alén desta refutación do mito da “igualdade de oportunidades” atribuído á escola pública nas sociedades democráticas, hai en Ernaux, Eribon e Louis unha segunda flexión sobre a que me parece especialmente importante chamar a atención. É o recoñecemento de que o seu acceso á cultura escolar, primeiro, logo á “alta cultura” do espazo intelectual, pasou por unha fase de vergonza e rexeitamento da súa “cultura” de orixe. Mais esa fase, que nun determinado momento fixo que fuxiran, e mesmo racharan co seu entorno familiar, posteriormente dá lugar a outra na que se produce un proceso, non desde logo de acrítica reivindicación, mais si de certa reconciliación coas orixes. Tanto Annie Ernaux (Une femme, 1988) coma Didier Eribon (Vie, vielllese et mort d’une femme du peuple, 2023) dedican textos especialmente centrados nas súas nais, mentres que Edouard Louis dedica outro ao seu pai (Qui a tué mon père, 2018), cousa que Ernaux xa fixera en La place (1983). As catro obras constitúen documentos inapelables de como o capitalismo destrúe o corpo e a mentalidade dos traballadores, narrado dunha forma tan descarnada coma obxectiva, documentos tanto máis imprescindibles canto raramente os corpos da clase obreira, e menos aínda os corpos vellos, ocupan o primeiro plano dos textos, sexan literarios ou sociolóxicos.
No caso da obra de Louis cabe falar dunha auténtica reconciliación, tanto máis notable canto a súa condición homosexual fora causa dun choque particularmente violento co pai durante a súa adolescencia. En Eribon, tamén homosexual (ten dedicado unha obra esencial ao estudo da condición homosexual na contemporaneidade: Reflexions sur la question gay, 1990), a reconciliación nunca se produce. En Retour à Reims evoca como no seu caso a orientación sexual supuxo unha marca adicional de ruptura co seu ámbito familiar e social, salientando de que modo na cultura da clase obreira a homofobia era (e seguramente segue sendo) un risco de exclusión nun grao superior ao do que se daba nas clases burguesas. Non hai logo ningún embelecemento dos valores “de clase” senón que, ben ao contrario, Eribon descubre que a súa familia, os seus pais e os seus irmáns, que votaban sempre comunista, porque iso era o que votaban os obreiros, pasan logo a ser votantes do Front National, un paso no que observa, non unha ruptura, senón mesmo unha certa continuidade, en tanto que a “cultura” obreira na que el medrou era xa homófoba e racista, ademais de anti-intelectualista, mentres que o compoñente revolucionario sempre foi superficial.
A singularidade, segundo creo verdadeiramente excepcional, destes tres autores é que a lucidez no retrato da súa clase de orixe, da que recoñecen terse avergonzado no seu proceso de acceso ao ámbito selecto dos “intelectuais” parisienses, non lles impide tornar cara ela para lle proporcionar a voz de que carece.
Dar voz a quen non dispón dela
A singularidade, segundo creo verdadeiramente excepcional, destes tres autores é que a lucidez no retrato da súa clase de orixe, da que recoñecen terse avergonzado no seu proceso de acceso ao ámbito selecto dos “intelectuais” parisienses, non lles impide tornar cara ela para lle proporcionar a voz de que carece. No seu discurso de recepción do Premio Nobel, Annie Ernaux proclamou provocadoramente que coas súas obras se propuña “vingar a súa raza”. Nun debate con Chantal Jaquet, o sociólogo Gérald Bronner denuncia nesta frase da novelista a adopción dunha “forma de mitoxénese” que se instala nunha “cólera” dominada polo motivo da vinganza, e acaba atribuíndo á tríade dos escritores transclase -Ernaux, Eribon, Louis- unha “matriz estereotipada”. Contra esa interpretación, Jaquet retruca que, mediante a fórmula da vinganza, Annie Ernaux se propón “ultrapasar a vergonza e a dor, romper a fatalidade social, para rehabilitar aos seus e afirmar unha forma de orgullo… trátase menos de tomar un desquite sobre o pasado ca de afirmar unha potencia de actuar a través da escrita”.
Mais nesta dación de voz ábrese un problema do que a novelista é moi consciente, e que Eribon ten afrontado de forma especial cando en Retourn à Reims comprende, primeiro, que a súa nai é incapaz de entender os seus escritos e, logo, cando esta posteriormente accede a unha versión traducida, interpreta a descrición das condicións de vida na que habitaba a familia nos anos sesenta coma un insulto. Velaí un tema, na miña opinión, de importancia capital que aquí só apenas se apuntará. Un tema que ofrece unha dobre faciana. Dunha parte, ese sentirse insultada da nai mostra a resistencia do oprimido a aceptar o seu propio retrato, mesmo aínda que iso se faga para denunciar a súa opresión. Como facelo sen despoxar ao retratado da súa humana dignidade? Mais tamén: como facelo de xeito que o propio retratado perciba esa dignidade cando o discurso do poder ten impregnado as figuras da pobreza de connotacións pexorativas, desprezables, mesmo ridículas, risibles? Mais, sobre todo, como facer accesible en xeral a reconstrución intelectual dos mecanismos da opresión, a denuncia dos seus efectos e as propostas de acción emancipadora de maneira que o rigor e complexidade desa reconstrución non a faga inaccesible para quen deberían ser os seus destinatarios? Aparece aquí a tentación da simplificación dos discursos dirixidos aos sectores populares, unha simplificación que o momento populista que ao parecer vivimos pretende impoñer coma opción inescusable.
Detéñome neste punto deixando, quizais, para outra ocasión a exploración de posibles respostas para estas preguntas. Ás que se cadra cumpriría engadir aínda outra (que son outras): por que este debate, o debate arredor da “transclase”, permanece aparentemente sendo un debate exclusivamente “francés”? Acaso non é esta unha cuestión que afecta tamén aos límites na mobilidade social (de clases) noutros países democráticos e capitalistas, por caso tamén en Galicia, tamén en España? Hai no noso contexto próximo intelectuais (filósofos, sociólogos, novelistas) que puidesen proporcionar de algunha forma materiais para proseguir esta reflexión? De certo que os debe haber. A exploración ha, logo, continuar.





