Resulta indiscutible a relación que existe entre a liberdade de prensa e a democracia. Os países cun desenvolvemento social máis equilibrado e maior estabilidade democrática tamén son aqueles que tanto respectan os dereitos humanos vitais como as liberdades de expresión e de prensa. Unha liberdade de prensa que aparece condicionada cando os medios dependen das subvencións directas ou da publicidade institucional, xa que tal dependencia conduce a que se comporten moi compracentes co goberno e a administración pública que lles concede a axuda limitando así o papel da prensa como contrapoder.
Nos círculos mediáticos galegos é de sobra coñecido que moita son moitos os medios impresos que non sobrevivirían sen as numerosas e substanciosas axudas públicas que reciben por parte da Xunta de Galicia. Axudas públicas, a xeito de subvencións, convenios directos, publicidade e subscricións que son condicionadas a que eses medios actúen de botafumeiros do goberno galego de quenda (PPdeG) e de arietes contra a oposición galega (BNG/PSdeG) e o goberno español de progreso (PSOE/Sumar). As evidencias son indiscutibles, incluso vergoñentas, e abonda con botar unha ollada aos seus titulares de portada e tamén a moitos dos seus artigos de opinión para confirmar o que subliño.
Se a crítica, o desprestixio e o infundio contra os partidos galegos de esquerdas son diarios, tamén son frecuentes os ataques ao actual goberno español de progreso que, neste caso, comezaron coa moción de censura triunfante contra o goberno corrupto de Mariano Rajoy e se fixeron máis agresivos e continuos logo de que fracasase a investidura de Alberto Núñez Feijóo. Un comportamento xornalístico que primeiro tivo como centro dos seus ataques a PODEMOS e os seus aliados para logo, unha vez que estes abandonaron o goberno e viron moi reducida a súa influencia política, pasar a poñer na diana o PSOE e, máis en concreto, o seu líder Pedro Sánchez xunto o seu círculo máis próximo.
Nestes últimos días estamos tendo constancia do que sinalamos. Son días nos que, se o PSOE está pasando por un momento crítico polos problemas de corrupción que afectan a algúns dos seus dirixentes e líderes políticos -casos Mascarillas, Plus Ultra, Zapatero…-, o partido da oposición -PP- non está libre de pecado, nin moito menos -Púnica, Kitchen, Montoro…-. Co agravante de que, mentres no caso do PP estamos claramente diante dunha corrupción sistémica que incluso afecta ao financiamento dese partido, no caso do PSOE, a pesar da persecución inquisitorial de maxistrados franquistas, non se atopan probas de financiamento partidario irregular.
Nada disto se recolle nestes medios fortemente subvencionados. Máis aínda, mentres os casos que afectan ao PSOE copan portadas, titulares e artigos de opinión -nos que se lles condena sen atender á presunción de inocencia, incluso antes de que empece o xuízo-, os que atinxen ao PP ben ocupan un lugar informativo secundario, ben son simplemente ignorados cando non se lles exime. Para comprobar isto que afirmo abonda simplemente con repasar as últimas noticias e ver como José Luis Rodríguez Zapatero, José Luis Ábalos e, por suposto, Pedro Sánchez son noticia diaria, mentres que os promotores e beneficiarios das últimas tramas corruptas do PP -Mariano Rajoy, Dolores de Cospedal, Isabel Díaz Ayuso, Cristóbal Montoro, Jorge Fernández Díaz…- simplemente son ignorados. Os primeiros son culpables; aos segundos ben se lles exime, ben son inocentes. Toda unha lección de liberdade e independencia informativa!
Estamos así diante dunha estratexia informativa que, alimentada desde a actual Xunta de Galicia (PP), lle causa un tremendo dano á credibilidade dos medios galegos de información e opinión e tamén á profesión xornalística. En definitiva, á liberdade de prensa.
Son as miserias propias duns medios fortemente subvencionados.





