A Lei do Clima de Galicia deixa fóra a enerxía fósil

O sector enerxético fósil (refinaría, ciclos combinados,…) e o consumo de produtos petrolíferos e gas natural son a causa do 72% das emisións territoriais galegas de gases causantes de cambio climático. Nada hai máis prioritario para contribuírmos a mitigar a crise climática global que abandonarmos canto antes os combustíbeis fósiles. Porén, a Lei do Clima que se vén de aprobar no Parlamento galego nin sequera os menciona.

En outubro de 2025, máis de dous anos despois de se someter a consulta pública un anteproxecto, celebrouse o debate de totalidade do Proxecto de Lei do Clima presentado pola Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta. Agora vén de concluír a súa tramitación. Foi aprobado sen apenas cambios e sen máis votos a favor que os do Partido Popular.
O debate parlamentario da Lei do Clima coincidiu co cumio climático da ONU no Brasil (COP 30). Se a COP30 se pode considerar “outro fracaso”, como concluíu Julen Rekondo en Tempos Dixital, o mesmo se pode afirmar da Lei do Clima, malia algúns avances. Nos dous casos a razón principal é a mesma: a falta dunha folla de ruta para deixar atrás os combustíbeis fósiles.

O impulso da loita contra a disrrupción climática xógase tanto a nivel global como nacional. E non hai acción climática máis relevante hoxe que unha transición enerxética rápida e xusta. Por iso, a maior eiva da Lei do Clima é a ausencia de metas e instrumentos para promover o abandono o antes posíbel do uso de combustíbeis fósiles, como apuntan Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática.

A lei non aborda a transición enerxética -seica por presións da Consellaría de Economía- e consagra a desvinculación entre a planificación climática e a enerxética, a diferenza do que ocorre a nivel estatal. O que só nominalmente é agora o “Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima” pasa a ser o Plan de Acción Climática. A Axenda Enerxética de Galicia 2030 é o (incompleto) plan enerxético.

Abandonado de vez o carbón, a Lei do Clima debería ter definido un horizonte temporal para o abandono progresivo da transformación e do uso final da enerxía fósil, horizonte que non debería ir alén de 2040 para o petróleo e de 2035 para o gas fósil. Deste xeito enviaríase un sinal claro sobre a ambición e o ritmo da transición enerxética. Mais non é así. Porque non o quere o PP mais tampouco a oposición parlamentaria: ningunha das súas emendas propuxo superar esta carencia fundamental.

Non se pode negar o avance que supón o adianto do horizonte da neutralidade climática desde 2050, meta inicial da Xunta, a 2040, obxectivo plasmado na nova lei. Aínda que, dada a nosa mellor situación de partida, non é na realidade unha meta máis ambiciosa que o logro da neutralidade climática en 2050 no conxunto do Estado español.

A neutralidade climática supón emisións netas cero de gases de invernadoiro, isto é, que as emisións brutas igualen as absorcións naturais. Estas son sempre incertas e reversíbeis e, en parte, conflitivas (eucaliptais), polo que habería que acoutar ben o seu papel na consecución da neutralidade climática. Non é o que adoitan facer as políticas climáticas actuais e a galega non é unha excepción.

O feito de deixar de fóra a enerxía fósil e a debilidade e inconcreción das súas medidas para a mitigación climática (redución de emisións) farán que a Lei do Clima pouco contribúa a conseguir unha Galicia climaticamente neutra antes de 2040. Unha meta nada críbel a día de hoxe por causa do estancamento da transición enerxética. Desatascala coa axuda dun amplo acordo político e social sería a mellor lei climática.