O pasado 13 de Maio, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou en rolda de prensa que o Consello acordara retomar nesta nova lexislatura a tramitación do “Proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia”, remitíndoa ao Parlamento para a súa tramitación. O obxectivo, declaraba, “é que os froitos do aproveitamento dos nosos recursos naturais revertan en Galicia”.
A denominación da Lei peca do mesmo que a de toda a aparataxe lexislativa que a precede: aparentes boas intencións que contradín con rotundidade os contidos do seu articulado. Como vén sendo habitual, a absoluta ausencia de consultas e participación precede o texto que se envía á tramitación parlamentaria. Do mesmo modo, prodúcese por enésima vez unha obstrución consciente do Consello Económico e Social como mecanismo estatutario e consultivo de diálogo coa sociedade galega.
En todo caso, a contundente e acaída emenda a totalidade do BNG presentada nos primeiros días de xuño e a mais branda do Partido Socialista quedarán en auga de borrallas, como sempre ocorre nas ditaduras partitocráticas como a que nos asola.
Se analizamos polo miúdo o contido dos seus 64 artigos repartidos en sete títulos, nada dos motivos e beneficios sociais xustificativos se reflicte neles. Na práctica, o proxecto de lei fala de sete aspectos redactados “ad hoc” para satisfacer as demandas das multinacionais amigas.
Traxes á medida
Lendo atentamente o texto do borrador, repítese o de sempre. Unha exposición de motivos na que se fala de “beneficios sociais”, pacto verde, transición ecolóxica, crecemento sustentable, enerxías renovables, combate ao despoboamento, xestión responsable dos recursos, mellora da calidade de vida da poboación de Galicia… e outras expresións similares, propias dos argumentarios do greenwashing empresarial.

Parques eólicos solicitados por Repsol (Fonte: Sindicato Labrego Galego) [ampliar imaxe]
Pero se analizamos en pormenor o contido dos seus 64 artigos, repartidos en sete títulos, nada diso se reflicte neles, senón mais ben todo o contrario. Na práctica, o proxecto de lei fala dos seguintes sete aspectos, todos eles redactados “ad hoc” para satisfacer as demandas das multinacionais amigas:
1. Os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, pensando nas concesión eólicas ás que tanto apego lle teñen e nos futuros campos de enerxía fotovoltaica que aínda non viñeron pero virán, e que ademais dos impactos na paisaxe apenas deixan plusvalías nas poboacións locais pero enriquecen as empresas explotadoras.
2. Os proxectos que requiren da concesión de augas para os usos que a lei determina pensando claramente en facilitar a Altri e a súa demanda de 45 millóns de litros diarios do embalse de Portodemouros.
3. Os dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros que claramente pon a lei ao servizo das tan cuestionadas minas de San Finx, Corcoesto, Touro, Santa Eufemia, a Penouta, Muras, Santa Comba, Serra do Galiñeiro, Fragas do Eume, Terra Cha, Xinzo de Limia, Castrelo de Miño, Arnoia… Ou da “apuesta decidida” da Xunta polo “fracking”, facilitando seguridade xurídica aos contaminadores e depredadores do territorio e instrumentos públicos de financiamento para os seus proxectos.
O anteproxecto fala da eólica “off shore”, que tamén significa deslocalización . A actividade de empresas alleas que buscan territorios de sacrificio que os gobernos extractivos poñen á súa disposición. En definitiva, o que sempre se chamou “colonialismo extractivo”.
4. Como xa se avanza na Lei do Litoral, o anteproxecto fala tamén da eólica “off shore” (no mar lonxe da costa) utilizando o termo en inglés. Nun freudiano acto falido, obvian que na xerga económico/empresarial “off shore” significa tamén “deslocalización”. Termo que designa a actividade, por parte das empresas con sede nun determinado país, de mover ou construír fábricas ou centros de produción con alto impacto mediambiental noutro, onde se enfrontarán, en xeral, a menores custos laborais, e á menor regulación do goberno, á redución doutros tipos de custos, a unha suposta menor resistencia social ou sobre todo a gobernos ben dispostos á “complicidade” institucional. Isto é, industrias “de enclave” que buscan territorios de sacrificio que os gobernos extractivos poñen á sua disposición. En definitiva, o que sempre se chamou “colonialismo extractivo”.
5. Tamén se refire sorprendentemente á recuperación dos territorios afectados polos incendios forestais e crea o Fondo de Recuperación de Incendios Forestais destinado a financiar as actuacións de recuperación das zonas do territorio afectadas por eles, outra fonte de negocio para as empresas afíns. Isto cando no momento de redacción deste artigo se atopa en trámite o anteproxecto de lei de loita integral contra os incendios forestais.
6. Cunha man, o goberno galego fala nesta lei das instalacións ou infraestruturas que contribúan ao autoconsumo eléctrico (a pesar de que impide o autoconsumo para a cidadanía e a pequena empresa) e de eficiencia enerxética e sustentabilidade das empresas no marco da estratexia de transición cara á “neutralidade carbónica”, pero coa outra man pretende legalizar a macrocelulosa de ALTRI que producirá emisións de CO2 diarias equivalentes a 21.500 vehículos, ademais da producida polas ducias de camións que aprovisionarán cada día a planta de eucaliptos segundo datos da propia empresa.
7. Pretende impulsar a creación de plantas de biometano para dar saída aos residuos biometanizables xerados na Comunidade Autónoma de Galicia e en especial, daqueles da titularidade da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), pero non para o autoconsumo de granxas ou familias, senón para ingresalos nas redes das multinacionais enerxéticas. Isto é: os impactos negativos para o territorio e a poboación, e os beneficios para as multinacionais.
Como exemplo próximo no tempo, o da planta de xestión de residuos orgánicos de procedencia agrogandeira e agroindustrial, mediante dixestión anaerobia, para a produción de biometano, “con características tales que permitan inxectalo na rede gasista nacional” que a multinacional francesa VINCI pretende construír no Lugar de Lamabranca, a tres quilómetros de Lugo. Unha instalación que ademais da fracción sólida residual altamente contaminante producirá residuos gaseosos a través das súas cinco chemineas e verterá o efluente líquido teoricamente depurado ao rego de Vilalvite, afluente do río Miño. Todo isto nunha reserva da Biosfera Terras do Miño, que parece importarlle ben pouco á Consellería de Medio Ambiente e na contorna de protección da Mámoa de Barracón, sen que a Dirección Xeral de Patrimonio, por enésima vez, a última delas no Castro Lupario en Angueira de Castro, mova un dedo na defensa do patrimonio arqueolóxico.
Beneficios sociais e económicos para quen?
Como xa se comentou, o obxectivo da lei, segundo declarou Rueda, “é que os froitos do aproveitamento dos nosos recursos naturais revertan en Galicia”. Pero a patria para Rueda parece levar o signo do Euro.
A lei prioriza de feito o negocio extractivo fronte á produción agraria, que facilitaría maiores grados de soberanía alimentaria e por tanto de maior saúde pública e de descarbonización da economía.
Porque hai ben tempo que é unha evidencia que a implantación de proxectos extractivos e macro industriais no rural , onde se atopan eses “recursos naturais” aos que se refire o título da lei, non só non evita o despoboamento, senón que o xera e o acelera ao producir os seus impactos negativos a desaparición dos postos de traballo relacionados cos potenciais territoriais e coa explotación sustentable da terra. A lei prioriza, de feito, claramente o negocio extractivista fronte á produción agraria que facilitaría maiores graos de soberanía alimentaria e por tanto de maior saúde pública e de descarbonización da economía.

Cartaz informativo elaborado pola asociación de veciños de Coeses (Lugo) [ampliar imaxe]
De feito, estas iniciativas só colaboran a crear riqueza para as grandes multinacionais e as súas empresas satélite e prexudican gravemente ao territorio e aos seus habitantes, que de maneira periférica poden recoller as migallas dun gran negocio extractivo, pero que a cambio terán que asumir as moitas externalidades negativas xeradas polos proxectos enerxéticos pasteiros ou mineiros, o que, evidentemente, non compensa baixo ningunha circunstancia.
A este respecto , a contundente emenda á totalidade do BNG advirte con acerto: “O fondo da lei tamén agudiza unha folla de ruta que bebe da falta de planificación e ordenación en materia enerxética, e que pretende estendelo ao ámbito da extracción mineira, impulsando un lavado de cara verde noutros ámbitos para,en realidade, continuar coa nova fase dun modelo económico espoliador e depredador que é contrario aos intereses ambientais, sociais e económicos de Galiza.
O Proxecto ignora ademais, ou como moito considera elementos secundarios, as persoas que viven no territorio e a propiedade das terras. Unhas terras de vocación agrogandeira, forestal, e de industria alimentaria de proximidade que posúe grande interese paisaxístico e ecosistémico . Aspectos que son obxecto da especulación e da explotación industrial, previa recualificación e revalorización, grazas a un marco normativo favorábel que este proxecto de lei pretende perfeccionar e branquear.
Non podemos obviar outra das graves consecuencias que vai supoñer a entrada en vigor desta lei: o crecemento da eucaliptización de Galicia ao servizo das pasteiras, que empobrece o chan e fai desaparecer a rica biodiversidade do bosque autóctono.
Así, o texto non recolle a singularidade galega no tocante ao papel que as comunidades de montes xogan na dinamización da sociedade rural, nin a xestión que realizan sobre as boa parte do territorio da Galiza. Igualmente, non se teñen en conta as comunidades de augas nin a protección da auga para o consumo doméstico. Aínda que o RDL 1/2001 polo que se aproba o texto refundido da lei de augas establece un marco de protección para as concesións de auga para consumo doméstico, non se fai referencia ao beneficio que as traídas veciñais achegan en canto a xestión responsable e sostibilidade; contra os que se deberían avaliar os efectos que os proxectos recollidos nesta proposta poden ter, e primar o interese da veciñanza por diante do interese económico das grandes multinacionais.
En definitiva, o beneficio “social ” que reclama o título da lei parece referirse mais ben ao beneficio para as sociedades anónimas e limitadas dos emporios empresariais para quen lexislan.
Sacrificio de dama
Non contentos con tódalas consecuencias negativas que a aplicación dista lei traerá, a final do mes de xuño entrou en vigor o Plan de Xestión de residuos industriais de Galicia 2023-2030 (PRIGA), no que a Xunta de novo ocultou e fixo desaparecer da súa web o informe crítico do consello Consultivo a pesar das denuncias do sindicato CIG.
O PRIGA 2023-2030, entre outras medidas, autorizará a creación de plantas de residuos industriais en solo rústico. Novamente sacrificando o territorio rural e da Galicia interior utilizado outra vez como sumidoiro da actividade económica contaminante que alimenta as contornas urbanas. Non esquezamos o carácter gravemente lesivo para o medio ambiente e a saúde humana dos residuos industriais: entullos da construción de formigón e ladrillo, plantas de pneumáticos, depósitos de baterías obsoletas dos vehículos eléctricos, terras contaminadas con metais pesados, depósitos de pas de aeroxeradores, vertedoiros de lixo electrónico ou de lixo hospitalario…
Non é un dato demasiado coñecido que en Galicia existen xa 603 plantas de tratamento de residuos, das cales 267 están na provincia da Coruña, 176 na de Pontevedra, 98 en Lugo e 62 en Ourense. Unha densidade xa aterradora e que o PRIGA fará sen dúbida medrar. Porque Galicia recibe ao dia a escandalosa cifra de máis de 400 toneladas de residuos industriais doutras comunidades co beneplácito da consellería de Medio Ambiente. As empresas propietarias das seiscentas plantas que as acollen obteñen sen dúbida pingües beneficios, pero o territorio e a poboación esmorecen sufrindo os impactos e as deseconomías que estas plantas xeran sobre o medio ambiente, a produción alimentaria e por tanto na saúde pública, sen contar por parte da administración autonómica co apoio que estas comunidades necesitan urxentemente para a súa supervivencia.
A Xunta ocultou desde xaneiro a solicitude pola empresa mineira Cobre San Rafael dun novo megaproxecto mineiro en Touro para o que esta lei lle facilitaría o camiño. Ocuparía máis de 800 hectáreas, cun estanque de residuos tóxicos de 23 millóns de metros cúbicos e 1,6 km de lonxitude.
Na sua liña habitual de xogo sucio, acabamos de saber que a Xunta ocultou desde xaneiro até xuño a solicitude dun novo megaproxecto mineiro en Touro ao que esta lei que inicia trámite parlamentario facilitaría o camiño.
En xaneiro, a empresa mineira “Cobre San Rafael” entregou a documentación dun novo proxecto, que ocuparía máis de 800 hectáreas, cun estanque de residuos tóxicos de 23 millóns de metros cúbicos e 1,6 km de lonxitude. A empresa solicita tamén que sexa considerado un Proxecto Industrial Estratéxico, segundo indican máis dun centenar de colectivos nun comunicado conxunto, para “facilitar a súa tramitación expresa e impedir a participación pública”.
Pero os colectivos contra a mina anuncian unha “mobilización masiva e sen precedentes para evitar a fraude que supón declarar unha proposta que xa foi declarada ambientalmente inviable como proxecto industrial estratéxico”.
Outra vaca no millo.
Non podemos obviar por último outra das graves consecuencias que vai supoñer a entrada en vigor dista lei : O crecemento da eucaliptización de Galicia ao servizo das pasteiras, que empobrece o solo e fai desaparecer o bosque autóctono e a sua rica biodiversidade.
Lembremos a este respecto que, a solicitude do entón Alcalde de Teo, Rafael Sisto, o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a través do seu Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres ditaminou o 3 de xaneiro de 2017 que “se debería incluir en el Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras regulado por el R.D. 630/2013, de 2 de agosto, bajo el criterio de la IUCN (2000), a todas estas especies: Eucalyptus camaldulensis, E. globulus, E. gomphocephala, E. gunnii, E. nitens y E. sideroxylon, así como cualquier otra especie de este género cuyo destino sea la explotación forestal, debido al alto riesgo de invasión por estas especies consecuencia de sus características biológicas, fisiológicas y ecológicas.”
Con toda esta casuística situada no taboleiro de xadrez do desenvolvemento futuro do país, cabe preguntarse: paga a pena sacrificar a dama do inmenso capital territorial e humano que atesouramos , que inclúe as poboacións que co seu traballo sosteñen de modo respectuoso o territorio, para conseguir un xaque mate que non sería ao desaproveitamento dos recursos naturais como pretende a Xunta senón ao noso futuro como pais, só por garantir o enriquecemento das elites extractivas que o depredan?
Rueda e o marxismo
Visto o visto, non cabe senón concluír que Rueda é marxista.
Mais en concreto marxista grouchista.
Porque dadas as dramáticas circunstancias ás que nos leva a marea lexisladora que por terra, mar e aire vai continuar facilitando a obsolescencia programada do rural para convertelo en territorio de sacrificio ao servizo das multinacionais extractivas, paréceme que a metáfora mais acaída da situación que vive o país é a da famosa escena do tren do famoso filme de 1940 “Os Irmans Marx no Oeste”.
Nun dos “gags” mais celebrados da película, a locomotora é alimentada pola propia madeira dos vagóns do tren que acaba sendo destruído só, para que o convoi continúe marchando a toda máquina cara ao abismo do crecemento desaforado.
E mentres un Harpo enlouquecido continúa a estragar os vagóns a golpe de machado, Groucho alimenta a caldeira ao grito de: “Máis Madeira! Máis Madeira!”.