[Alén dos espellos] De zombis e videoxogos.

Cando sentei a ver a primeira temporada de The Last of US foi porque ignoraba que fose unha adaptación para televisión dun… videoxogo de zombis! Cando vin aparecer o primeiro morto vivinte pensei en deixala, pero xa me tiña atrapado. Non se trataba só de matar mortos, os personaxes protagonistas estaban ben deseñados, respondían a unha psicoloxía complexa, os intérpretes eran excelentes. E a cousa aínda mellora cando aparece a rapaza Ellie, todo un achado. Mais sobre todo hai un episodio que é en si mesmo unha magnífica mediametraxe: unha historia de amor homosexual entre dous homes de ideas e caracteres case antagónicos, que en circunstancias normais nunca se terían namorado, narrada cunha gran delicadeza.

Os zombis na maioría dos episodios son tan só unha latente ameaza que, desde logo, condiciona todas as condutas pero en ningún caso se apodera do desenvolvemento da acción. Ata chegar aos últimos episodios e especialmente o último, co que se pecha a primeira tempada, onde definitivamente o esquematismo do videoxogo ao uso se apodera por completo da acción, mais coa particularidade de que as vítimas da violencia indiscriminada do protagonista, Joel non son os corpos sen alma dos zombis senón absolutamente todo ser humano que se lle pon por diante. Por que este estoupido de agresividade incontrolable? Joel vese confrontado a un dilema que os filósofos morais coñecen moi ben: está xustificado poñer en grave perigo a vida dunha soa persoa coa finalidade de salvar así a vida de moitas outras? É o dilema que opón a ética do deber kantiana (todo ser humano é sempre un fin en si mesmo e endexamais debe ser usado como medio) coa ética consecuencialista do utilitarismo (unha acción é boa se proporciona o maior benestar ao maior número de persoas co mínimo prexuízo para o menor número).

Aparentemente, a conduta de Joel negándose a que Ellie sexa operada podería ser interpretada como propia dun radicalista kantiano que se opón á instrumentalización dunha persoa para salvar a outras. Mais daquela que dicir do seu absoluto desprezo da vida de cantos obstaculizan o seu intento de impedir a operación? Non, a acción de Joel ten tan pouco que ver co imperativo categórico kantiano como a do nazi Eichman, quen chegou a xustificar o seu papel no transporte masivo de xudeus aos campos de exterminio pola obriga de cumprir a lei, que culpa tiña el de que fora unha lei racista e asasina! O imperativo que move a Joel non é outro que o que subxace na maioría dos filmes violentos de produción USA: a protección da familia, do grupo próximo, pouco importa que aquí Ellie non sexa familiar directo seu porque é a prolongación da súa filla, morta no primeiro episodio.

E con isto chegamos a auténtica catástrofe ética de todos estes relatos que suman a dobre violencia dos videoxogos e os relatos de zombi: a redución da vida a unha desapiada loita pola supervivencia individual e grupal, fronte a individuos e grupos hostís, a imposibilidade de calquera forma de deliberación democrática para acordar normas e decisións. Se cadra o capitalismo, a realidade última onde habitamos, xa chegou á conclusión de que non precisa da democracia.