Fotografía de Rama, Wikimedia Commons, Cc-BY-SA-2.0-fr
A morte de Jean Ziegler (10 de xuño de 2026) déixanos un pouco máis orfos de referentes intelectuais e políticos na longa batalla polos dereitos humanos, a igualdade e a paz no mundo. Hoxe, os países do Sur global choran a súa morte, pois están tamén un pouco máis sós na súa batalla por erradicar a fame e por liberarse das débedas odiosas.
“A masacre anual de decenas de millóns de seres humanos producida pola fame é un escándalo no noso século”. Se estas declaracións foron feitas hai case 15 anos, cando morría de fame un neno cada cinco segundos, a situación só mudou para ir a peor: na actualidade, 757 millóns de persoas no mundo padecen fame negra e 45 millóns de nenos sofren emaciación, a forma máis letal de desnutrición aguda.
Unha situación que, segundo Jean Ziegler, está moi relacionada coa actuación dos mercados financeiros sobre os mercados alimentarios, nos que provocan fortes alzas nos prezos de tres alimentos básicos (millo, arroz e trigo), ao tempo que acaparan terras cultivables no Sur global coas que rematan especulando. Se en 2011 o montante ascendía a 41 millóns de hectáreas, é seguro que hoxe en día son moitas máis: no ano 2023, novecentos sesenta fondos de investimento especializados en activos agrícolas e alimentarios posuían propiedades por valor de máis de 150 millardos de dólares.
Pero, á hora de denunciar os causantes da fame no mundo, Jean Ziegler non só puxo o foco na actuación das grandes empresas transnacionais e dos fondos especulativos sobre os mercados agrícolas. Paralelamente, como bo estratego, non deixou de denunciar o papel cómplice de institucións internacionais como a Organización Mundial do Comercio (OMC), o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial (BM), aos que denominaba “os tres cabaleiros do apocalipse”.
Se na loita contra a fame no mundo Jean Ziegler foi unha voz moi autorizada e valente, non menor foi a súa crítica dos paraísos fiscais e, moi especialmente, do cinismo das autoridades e da banca suíza —J.Z. era natural de Thun, cidade suíza pertencente ao cantón de Berna, e viviu moito tempo en Xenebra, onde morreu— en relación co segredo bancario e coa especulación alimentaria. Unhas denuncias que lle reportaron desgustos no seu propio país, pois os suízos levan anos fachendosos da súa capacidade para separar os negocios bancarios da liberdade, a democracia e a igualdade no mundo. Que un compatriota denunciase o papel que, por exemplo, Suíza desempeña tanto na especulación cos prezos dos alimentos como na ocultación de grandes fortunas de orixes máis desprezables nunca foi ben aceptado entre os cidadáns suízos. Pero esta actitude de moitos dos seus compatriotas non foi quen de impedir que Jean Ziegler, membro durante case tres decenios do Parlamento Nacional -o que indica que contaba con apoios no seu país-, dedicase toda a súa vida a criticar sen pelos na lingua o seu país natal e a desmesurada influencia que exerce sobre o resto do mundo por mor da súa condición de paraíso fiscal e centro especulativo.
Por estas e por moitas outras razóns, Jean Ziegler xa ocupa un lugar na historia xunto con todos aqueles europeos e europeas que dedicaron a súa vida a loitar pola xustiza, a igualdade, a liberdade e a paz, sen preocuparse polos ataques que reciben de quen se opón a elas.
Boa viaxe, Jean; que a terra che sexa leve… e grazas.





