Que non nos rouben a tenda de campaña

Sherlock Holmes e o doutor Watson pasan a noite nunha tenda de campaña. Na metade da noite, Holmes esperta ao seu amigo:

— Watson, mire ao ceo e dígame que ve.
— Vexo millóns de estrelas.
— E iso que lle indica?
— Astronomicamente, que hai millóns de galaxias. Astroloxicamente, que Saturno está en conxunción con Leo. Cronoloxicamente, que son as 3:15. Teoloxicamente, que somos pequenos ante o universo. Meteoroloxicamente, que mañá fará bo tempo. E a vostede, que lle indica, sr. Holmes?
— Algo elemental, querido Watson! Cada día é vostede máis parvo: roubáronnos a tenda de campaña.

Esta historia, que José Luis Larrea conta en Teoría (imperfecta) de la innovación, advírtenos de algo moi sinxelo e moi real: moitas veces perdemos o esencial por quedarmos atrapados en explicacións complexas. Mentres tratamos de entendelo todo, alguén nos desmonta o escenario.

En Galicia, mentres falamos de dixitalización, sostibilidade ou competitividade, a nosa tenda de campaña corre o risco de desaparecer. Enfrontámonos a unha urxencia silenciosa: ou transformamos a nosa economía, ou corremos o risco de converternos nun decorado de oportunidades perdidas.

Estamos nun momento bisagra. Non é unha esaxeración: a transformación verde, dixital e inclusiva da nosa economía non é unha opción, é unha necesidade. Éo para adaptarnos aos grandes desafíos globais, pero tamén para superar os nosos propios retos estruturais: o envellecemento da poboación, a produtividade, a necesidade de sectores máis innovadores, o emprego de calidade para o noso talento mozo. Galicia necesita reinventar a súa base produtiva e facelo desde unha industria que sexa, ao tempo, innovadora, dixital e sostible.

Como di Larrea: “Innóvase por necesidade, por ambición ou por curiosidade.” Necesidade non nos falta. Ambición, sempre a tivemos, pero agora ten que ser máis decidida. Curiosidade… desde logo que si. Somos un pobo afeito a preguntarse cousas. Pero sen esas tres forzas xuntas, non haberá transformación posible.

O que nos falta non é capacidade, senón unha visión compartida orientada ao valor. Valor económico, si. Pero tamén ambiental e social.

Por iso sorprende que ás veces sigamos enfocados na mellora incremental, nos procesos internos, na eficiencia… como se o contexto non estivese a mudar radicalmente. Gary Hamel explícao con claridade: “As compañías perden o futuro non porque sexa inescrutable, senón porque é desconcertante. A eficiencia é fantástica, pero fatal para a adaptabilidade.” Se seguimos afinando un sistema produtivo orientado ao pasado, dificilmente construiremos o futuro.

Hai outro punto esencial: ningunha empresa, por grande que sexa, poderá realizar esta transformación soa. A innovación sistémica que precisamos require colaboración radical. As empresas terán que tecer redes con outras -grandes, pequenas, novas, veteranas-, compartir coñecemento, mesturar disciplinas. Non abondará con ter boa tecnoloxía ou moito know how. Haberá que abrirse, explorar outros campos científicos, asumir novos modelos.

E a irrupción da intelixencia artificial xerativa está acelerando esta necesidade. Escoitei hai pouco unha metáfora reveladora: a IA xerativa actuou como un safety car nunha carreira de Fórmula 1. De súpeto, os coches (as empresas) agrúpanse. As grandes tecnolóxicas seguen tendo vantaxe, si, pero a distancia acurtouse. Para os emprendedores e para territorios como Galicia, isto abre unha xanela de oportunidade. Podemos entrar na carreira. Pero temos que decidir se aceleramos ou seguimos en boxes.

Galicia -e ampliando o foco, a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- debe verse a si mesma como un ecosistema de talento, habilidades e activos clave. Non somos un territorio baleiro, nin carente de capacidades. Temos industria, coñecemento, creatividade. Temos universidades, centros tecnolóxicos, empresas innovadoras e unha cultura de resiliencia e adaptación.

O que nos falta non é capacidade, senón unha visión compartida orientada ao valor. Valor económico, si. Pero tamén ambiental e social. Porque nesta nova etapa non se trata de escoller entre un ou outro: precisamos crear valor económico e ambiental e social. Só así poderemos construír unha industria galega do século XXI: robusta, conectada ao mundo e comprometida coa súa contorna.

E isto non o conseguiremos sen unha nova alianza entre o sector privado e o público, sen unha nova forma de pensar, sen asumir que hai que xogar en grande. O momento é agora.

Que non nos rouben a tenda de campaña.