“Os dogmas do tranquilo pasado son inadecuados para o tormentoso presente. Son tempos estes de grandes dificultades. E dado que a situación é nova, debemos pensar dun xeito novo e actuar dun xeito novo” (Abraham Lincoln, 1862)
A prosperidade dun país está directamente vinculada á súa capacidade de adaptación ás novas necesidades ambientais, sociais e económicas. Resolver retos ambientais como o cambio climático ou a transformación do modelo enerxético, responder a desafíos sociais como lograr que as persoas maiores teñan vidas saudables e independentes ou atopar tratamentos para algunhas enfermidades como o cancro, avanzar economicamente mediante a modernización tecnolóxica do tecido industrial ou a produción de bens de alto valor engadido de xeito sustentable, crear en definitiva unha sociedade mellor para os nosos fillos e fillas. Galicia necesita solucións para grandes problemas que, sendo globais, afectan á vida cotiá das persoas.
Sen dúbida, ainda que non sexa condición única, unha aposta a longo prazo en innovación é condición sine qua non para resolver estes retos. Requírese un esforzo ambicioso e intelixente en I+D, é necesario conectar a ciencia con problemas concretos, débese mellorar a competencia para producir investigación de calidade e potenciar o grao de conexión da tecnoloxía co tecido socio-económico.
Sen esforzo non hai premio. Investimento en I+D
Comecemos falando do esforzo inversor. No ano 2000, a Unión Europea trazou a denominada Estratexia de Lisboa para converter á UE na economía máis competitiva do mundo para o 2010 baseada no coñecemento e no emprego. Para alcanzar este propósito, marcábase como obxectivo realizar un investimento do 3% en I+D en relación ao PIB.
Se observamos a evolución do dato da proporción do gasto en I+D en relación ao PIB na década pre-pandémica -2010 a 2019-, a realidade actual é que este indicador non so está practicamente conxelado en Galicia e en España respecto ao ano 2010, senón que a fenda respecto á media europea é maior agora que hai dez anos.
Os datos do 2019 revelan ademais que o sector privado contribúe co 56% do gasto total de I+D sobre PIB en España, mentras que na media da UE esta proporción sube ata o 66% do total.
Poderíamos buscar pretextos -algúns chamaríanlle razóns- a esta desconexión respecto do grupo de países que encabezan a estatística.
Un pretexto podería ser que a Galicia lle falta dimensión poboacional, e por tanto músculo financeiro, a respecto dos países con maior investimento en I+D, pero observamos que un Estado como Eslovenia, cunha poboación similar á de Galicia, posúe un investimento dúas veces superior.
Poderíase dicir que determinados sucesos, como a crise financeira do 2008, mudaron as prioridades sociais e limitaron a capacidade de investimento en I+D, pero sabemos que os países máis innovadores non só mantiveron o seu esforzo inversor senón que o incrementaron. Os países que lideran o ranking europeo, Suecia e Alemania, melloraron case un 7% e un 16% o seu ratio de gasto en I+D sobre PIB entre 2010 e 2019, respectivamente.
E temos tamén o pretexto tecnolóxico. Galicia non conta cunha industria tecnolóxica tan avanzada como a doutros territorios, o que dificulta que as empresas realicen ou absorban actividades de I+D, pero tampouco é esta unha situación inmutable. Eis o caso de Corea do Sur (4,6% I+D/PIB), que experimentou un crecemento industrial e económico espectacular nas últimas décadas.
Pero deixemos por un momento de analizar e viaxemos ao futuro. Supoñamos que as institucións públicas e o sector privado van destinar un 3% dos seus orzamentos anuais a I+D. Resolto o problema do esforzo inversor, que faltaría?
Misións inspiradoras, audaces, ambiciosas e inclusivas
Imaxinemos que a “I+D+i” fose unha molécula composta por tres elementos básicos: Investigación (I), Desenvolvemento (D) e innovación (i) e visualicemos que ocorrería se puidéramos peneirar ese composto.
En primeiro lugar, extraeríamos a Investigación, a actividade de que dá lugar a un novo coñecemento. Teriamos por outro lado o Desenvolvemento, que é a aplicación do coñecemento ao deseño ou fabricación de procesos, produtos, sistemas ou métodos novos ou mellorados de forma substancial. E na peneira quedaría finalmente a innovación, a actividade da que resulta a obtención de novos produtos ou procesos, ou dunha mellora significativa dos xa existentes.
Visto así, a fórmula “I+D+i” pode parecer lineal, pero non o é. Na “I+D+i”, a “I+D” mide o esforzo en termos de coñecemento xerado ou tecnoloxía desenvolvida, e o “i” mide o resultado en termos de obtención de novos ou mellorados produtos ou procesos. I+D non é igual a innovación, nen a I+D se convirte en innovación de xeito automático.
Unha empresa pode realizar un investimento moi grande en I+D, e isto non significa necesariamente que teña éxito no mercado. Nokia non só triplicaba o investimento en I+D respecto aos seus competidores, senón que era líder indiscutible en produción de patentes. Porén, non soubo anticipar as consecuencias da irrupción dos teléfonos intelixentes.
Tampouco existe unha relación causal directa entre o investimento en I+D dun país e o seu nivel de prosperidade. O coñecemento e a tecnoloxía só terán valor real se se poñen en práctica e xeran solucións que supoñan avances económicos, ambientais e sociais.
Tampouco existe unha relación causal directa entre o investimento en I+D dun país e o seu nivel de prosperidade. O coñecemento e a tecnoloxía só terán valor real se se poñen en práctica e xeran solucións que supoñan avances económicos, ambientais e sociais.
No seu libro Misión Economía, Mariana Mazzucato aborda a necesidade dos países dun cambio de modelo de gobernanza. Cun enfoque baseado en misións inspiradoras, audaces, ambiciosas e inclusivas que permitan enfrontar os grandes desafíos da Humanidade, conseguiríase mobilizar recursos públicos e catalizar a innovación cara os axentes do tecido socio-económico.
Mazzucato presenta como modelo central o programa Apolo, a aposta dos EEUU para superar á URSS na carreira espacial na década de 1960. J.F. Kennedy comunica a súa visión nun discurso na Universidade de Rice: “Eliximos ir á Lúa. Eliximos ir á Lúa nesta década, e tamén enfrontar outros desafíos, non porque sexan fáciles, senón porque son difíciles, porque esta meta servirá para organizar e medir o mellor das nosas enerxías e aptitudes, porque é un desafío que estamos dispostos a aceptar, que non estamos dispostos a pospoñer, que temos toda a intención de gañar”
O Apolo 11, ademais de lograr o soño de JFK no 1969 ainda que el non chegara a velo, selou alianzas entre actores públicos e privados e deu lugar a innovacións tecnolóxicas nen sequera previstas ao comezo da misión, como os paneis solares, a resonancia magnética, os sistemas de purificación de auga ou o computador portátil.
Domingo Fontán investiu dezasete anos da súa vida noutra misión audaz. Tiña un propósito ambicioso e non dispuña nen de todo o coñecemento nen de toda a tecnoloxía antes de comezar a desenvolver a carta xeométrica de Galicia. Determinou o punto de partida na Torre da Berenguela, percorreu 27.000 km facendo cálculos e triangulacións, e sorteou as dificultades técnicas e económicas que supuña na época realizar un grabado dunha carta de tal dimensión. O seu traballo non só serviu para poder visualizar con precisión e rigor científico a fisionomía de Galicia, senón que se utilizou para trazar a primeira liña de ferrocarril entre Cornes e Carril.
Estratexia de reconstrución
A resposta ante a crise da Covid-19 puxo de manifesto que é fundamental dispor de capacidade estratéxica local.
Comprobamos como é tan importante contar con competencias científico-técnicas como posuir capacidades industriais vinculadas ao deseño, manufactura e distribución dos bens que a sociedade demande. Observamos como o investimento en I+D non se traduce en solucións se non se dispón da capacidade organizativa e gubernamental para que estas solucións cheguen ao conxunto da sociedade, independentemente da súa situación xeográfica ou socio-económica.
Para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia, o Consello Europeo acordou en xullo do 2020 lanzar un Fondo de Recuperación coñecido como Next Generation EU.
Os dous instrumentos de maior volumen do Next Generation EU son o Mecanismo de Recuperación de Resiliencia (MRR) -que ten por finalidade apoiar o investimento e as reformas nos Estados membros para lograr unha recuperación sustentable e resiliente, ao tempo que se promoven as prioridades ecolóxicas e dixitais da UE- e os Fondos REACT-EU -que operan como fondos estruturais, pero con maior flexibilidade e axilidade na súa execución.
España recibirá 140.000 millóns de euros entre subvencións e préstamos ata 2026 dentro do MRR, e algo máis de 12.000 millóns de euros no período 2021-2022 do Fondo REACT-EU.
Co obxectivo de orientar estratexicamente este investimento económico tan extraordinario, Galicia vén de definir a súa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), a estratexia global para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable e de calidade a través de innovación.
A RIS3 Galicia 2021-2027 será a estratexia integral para articular todas as actuacións de I+D+i en Galicia, e incorporará os grandes obxectivos da Unión Europea para este período: unha nova política industrial marcada pola sustentabilidade, polo Pacto Verde Europeo e pola transformación dixital.
Non se trata de investir en investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación industrial de xeito independente, senón de orientar os recursos de investigación e tecnoloxía cara sectores estratéxicos capaces de competir globalmente.
Repensar a industria desde a tecnoloxía
En Galicia contamos con excelentes investigadores e investigadoras, algúns deles situados en postos destacados a nivel mundial, que seguro contribuirán a resolver desafíos tan importantes como atopar un tratamento para o cancro, pero centrémonos no reto da innovación industrial. Nun contexto de disrupción tecnolóxica, a decisión non é escoller entre o sector textil, o de automoción, o alimentario, o da madeira ou o biotecnolóxico. A solución pasa por facer apostas selectivas e ambiciosas que integren a ciencia, a tecnoloxía e a industria. Non se trata de investir en investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación industrial de xeito independente, senón de orientar os recursos de investigación e tecnoloxía cara sectores estratéxicos capaces de competir globalmente.
Escollamos tres retos da RIS3: mobilidade, alimentación saudable e construción sostible. A escolla é intencionada, ao tratarse de industrias nas que Galicia conta con capacidades e recursos diferenciáis, e selectiva, xa que os recursos naturais non son inesgotables, os recursos económicos son finitos e dispomos dun tempo limitado para efectuar un gran cambio.
Arredor do concepto da mobilidade, desdebúxanse hoxe as fronteiras sectoriais. No sector de automoción, tradicionalmente conformado por empresas fabricantes de vehículos e compoñentes, cobran unha importancia superlativa o desenvolvemento de software e os semiconductores. A innovación é disruptiva e vén desde a tecnoloxía. Ser o paradigma industrial da eficiencia de proceso e da excelencia operacional durante 50 anos non é suficiente cando un axente como Tesla pon patas para arriba todo un sector. Os liderados e quen liderará o sector son agora unha desconcertante e apasionante incógnita.
O futuro do sector da alimentación pasa por desenvolver e producir alimentos funcionais e saudables, pola economía circular e pola aplicación de tecnoloxías como a intelixencia artificial. Non abonda con que as empresas fabricantes resolvan problemas de eficiencia incremental, de xestión da produción ou da cadea loxística. É necesario considerar como un todo os sectores da alimentación, da biotecnoloxía e das TIC para transformar a industria. Tamén necesitamos que as grandes empresas consideren as startups e pequenas e medianas empresas de base tecnolóxica como aliados e non como meros provedores puntuais. Os retos son maiúsculos e só coa tecnoloxía seremos quen de pasar dun crecemento lineal a unha transformación en progresión xeométrica.
Débense estender e integrar os sectores da madeira, da construción e o enerxético. A construción sostible conleva manter o valor dos recursos o maior tempo posible desde o inicio do proceso construtivo ata o fin da vida útil da edificación; implica escoller materiais naturais e reciclados que á vez sexan reciclables ou reutilizables, e significa deseñar a vivenda en termos de conservación da enerxía e de incorporación de enerxía de fontes renovables. En definitiva, industrializar a construción e avanzar cara a súa transformación sustentable.
Presente futuro
Nun mundo dirixido pola tecnoloxía non compiten os centros de investigación ou tecnolóxicos ou as empresas de xeito individual, senón os sistemas de innovación de cada un dos territorios. A prosperidade dun país non xurdirá da calidade e cantidade de coñecemento que sexa capaz de producir senón da axilidade e capacidade industrial que teña de transformar o coñecemento en solucións de valor.
Debemos duplicar o noso investimento en I+D e debemos facelo con visión e estratexia, de xeito que a innovación se convirta no impacto económico, social e ambiental que necesitamos.
Os fondos Next Generation deben ser unha panca de cambio, pero se non temos interiorizada a nosa visión e os retos que queremos resolver, os estímulos externos pasarán desapercibidos ou non estaremos preparados para explotalos.
Transitar as fronteiras da ciencia e da tecnoloxía para unha industria sen fronteiras.