Pódense previr os incendios ou son un mal endémico?

O título deste artigo é a mesma pregunta que facemos para nós mesmos cando lembramos os incendios, agora que se achega o verán.

O pasado 21 de maio presentouse a campaña estatal contra os incendios forestais, que se adiantou ao 1 de xuño por decisión do Comité Estatal de Coordinación e Dirección (CECOD) do Plan Estatal de Protección Civil para emerxencias por Incendios Forestais, tendo en conta “un contexto de temperaturas extremas e episodios de calor prolongados”. 

No caso de Galicia, a Xunta mantén como campaña de máximo risco os tres meses que van do 1 de xullo ao 30 de setembro, pero coa excepción de que, se se dan as circunstancias, pódense declarar períodos de alto risco fóra dese intervalo de datas. Isto suporía ampliar a “dispoñibilidade horaria” dos brigadistas, segundo indica a Consellería do Medio Rural, para atender esta situación de alto perigo polos incendios, pero agora non se reúnen as condicións para dar ese paso. 

Na presentación da campaña estatal contra incendios déronse a coñecer novos dispositivos de cara ao verán. Cada ano refórzanse medios e capacidades, sobre todo de extinción de incendios, pero debemos dicilo con claridade: a verdadeira prevención non comeza cando chegan as altas temperaturas. A prevención debe estar presente todos os días do ano.

A prevención non pode recaer exclusivamente nos servizos de extinción. Debe converterse nunha política permanente do territorio e nun compromiso compartido entre administracións, empresas e sociedade civil.

Os incendios forestais xa non son unicamente un problema ambiental. Son unha ameaza económica, social e humana de consecuencias incalculables. Destrúen ecosistemas, comprometen a biodiversidade, arrasan explotacións agrícolas e gandeiras, poñen en risco vivendas e vidas humanas e xeran enormes custos económicos e emocionais que tardan décadas en recuperarse. 

Por iso, a prevención non pode recaer exclusivamente nos servizos de extinción. Debe converterse nunha política permanente do territorio e nun compromiso compartido entre administracións, empresas e sociedade civil. 

Necesitamos concellos preparados, con verdadeiros plans de actuación fronte aos incendios forestais, actualizados, coordinados e coñecidos pola poboación. Non abonda con dispoñer de documentos administrativos; é imprescindible convertelos en ferramentas reais de prevención e resposta. Cada euro investido en prevención evita custos infinitamente maiores en extinción e reconstrución. E, sobre todo, necesitamos unha auténtica cultura da prevención. A información, a formación e a concienciación deben chegar a toda a poboación, especialmente á mocidade. Debemos educar desde a escola no respecto ao medio natural, no coñecemento do risco e na corresponsabilidade colectiva. 

Porque os incendios non se combaten unicamente con helicópteros e camións. Combátense durante todo o ano, desde o territorio, desde a educación, desde a xestión forestal e desde o compromiso de toda a sociedade. A prevención non pode ser unha campaña estacional. Debe ser unha estratexia permanente. 

Non podemos seguir falando de incendios forestais só cando chega o verán ou cando o lume xa está fóra de control, como ocorreu o ano pasado. Nas comunidades antigas, a supervivencia era un esforzo colectivo. Desde a infancia aprendíase a identificar e xestionar riscos. Hoxe, pola contra, a sociedade delega esa responsabilidade en corpos especializados, policía, bombeiros e protección civil, cuxo labor é indispensable. Mais a súa presenza transmitiu, de forma implícita, unha mensaxe perigosa: a cidadanía pode vivir despreocupada, desligándose do deber de autoprotección e corresponsabilidade. Así, o benestar moderno adormece a nosa capacidade preventiva. 

Previr é construír comunidade, fortalecer vínculos e promover unha sociedade máis consciente e resiliente. Por iso, a prevención non debe nacer unicamente da obriga legal, senón da convicción ética de que coidar o presente é tamén coidar o futuro. 

Por que arde o monte? En moitas ocasións dise que é porque hai combustible para arder. Porén, as causas polas que arde o monte, segundo os datos oficiais das últimas décadas tanto da Xunta de Galicia como dos distintos ministerios implicados, indican que arredor dun 5% dos incendios se producen por causas naturais, fundamentalmente raios de tormentas secas. Un 38% son neglixencias, que inclúen queimas non autorizadas ou mal controladas, faíscas derivadas do uso de maquinaria agrícola, rozas en tempadas de risco extremo, grelladas, cabichas, pirotecnia etc. Engadindo un 5% cuxas causas son descoñecidas, quedaría a maior parte, arredor dun 52%, que son provocados deliberadamente. 

Quen queima o monte? O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, presentou o pasado verán o seu propio plan de incendios, o chamado “Plan integral de axuda, recuperación e prevención para o medio rural e forestal”, cunha iniciativa algo sorprendente, como a creación dun Rexistro Nacional de Pirómanos para identificar os condenados por incendios e impor pulseiras telemáticas, que constitúe un intento máis de eludir responsabilidades na xestión dos incendios. 

Porén, as estatísticas oficiais diferencian entre pirómanos (un trastorno psiquiátrico) e incendiarios. Ao lendario pirómano, entendendo que se trata dunha persoa cunha enfermidade mental que o impulsa a provocar incendios, atribúeselle como máximo un 7%. 

Tal e como sinala o educador e divulgador ambiental Antón Lois, nun artigo publicado en El Salto Diario, “a inmensa maioría dos incendiarios son persoas perfectamente conscientes do que fan e teñen unha motivación para facelo. Deberiamos comezar por aclarar que non existen tramas organizadas nin grupos terroristas incendiarios. En todos estes anos de investigación xamais se atopou unha soa proba de organización ningunha. O incendiario actúa de forma individual e podemos situalo xeograficamente: é un veciño da zona. Con base en todos os datos das persoas detidas durante os últimos 50 anos por provocar incendios sabemos que o incendiario é un home, de entre 30 e 58 anos, solteiro, cun emprego pouco cualificado e que vive nun radio inferior a uns 15 quilómetros de onde provoca os incendios e, en ocasións, é reincidente”. 

Aínda que o cambio climático non provoca directamente os lumes, o quecemento producido polas actividades humanas xera incendios devastadores e cada vez máis frecuentes. 

Segundo Antón Lois, os datos recompilados pola estatística oficial durante os últimos anos ofrécennos cifras como as seguintes: labregos para eliminar matogueira e residuos agrícolas (26,8%), pastores e gandeiros para rexenerar o pasto (18,3%), pirómanos (5,9%), outras motivacións (5,2%), vandalismo (3,6%), cazadores para facilitar a caza (2,0%), vinganzas (1,2%), escorrentar animais (lobos, xabarís) (1,1%), modificación no uso do solo (0,3%), oposición ao acoutamento da caza (0,2%), animadversión contra repoboacións forestais (0,1%), delincuentes para distraer a Garda Civil ou a policía (0,1%), discrepancias sobre a titularidade dos montes públicos ou privados (0,1%), rexeitamento á creación ou existencia de espazos naturais protexidos (0,1%), favorecer a produción de produtos do monte (0,1%), vinganzas por multas impostas (0,1%), contemplar os labores de extinción (0,1%), ritos pseudorrelixiosos (0,1%) e baixar o prezo da madeira (0,1%). 

Ao falar dos incendios, tamén é importante salientar que, aínda que o cambio climático non provoca directamente os lumes, o quecemento producido polas actividades humanas xera incendios devastadores e cada vez máis frecuentes. 

Son os chamados Grandes Incendios Forestais (GIF), aqueles que superan as 500 hectáreas de superficie queimada, que se converteron no principal problema nesta materia. E nesta clase de incendios é case imposible poñerlles fin; só se pode poñer a salvo ás persoas, intentar protexer estruturas sensibles e agardar. 

Tamén se popularizou moito nos últimos tempos a expresión “limpar o monte”. O catedrático de Botánica da Universidade de Vigo, Luis Navarro, vén dicir no seu blog, titulado Limpar o bosque… ata que non quede bosque?, que “é triste ver que, tras máis de medio século acumulando coñecemento sólido sobre ecoloxía do lume, aínda chamemos ‘maleza’ á vida do bosque. Triste é escoitar, unha e outra vez, que ‘os incendios apáganse no inverno’ con ‘limpezas’ que deixan o monte peiteado como un green: homoxéneo, brillante e, sobre todo, desprovisto do que non encaixa na postal. A mensaxe cala porque é simple; pero o problema é moito máis complexo”. 

E pregúntase: significa iso que non debemos xestionar? Ao contrario: xestionemos, si, pero sen arrasar, sen repetir os erros que nos trouxeron ata aquí. A prioridade, pensando nas próximas décadas e sobre todo nas seguintes xeracións, é cortar a cadea humana de ignicións na súa orixe: educación, vixilancia intelixente e sancións efectivas para quen prende lume ao noso maior tesouro. Só despois falemos de xestión ecolóxica —non de “limpeza”— e debatamos, con datos fiables, sobre a necesidade ou non de crear mosaicos que rompan a continuidade do combustible, recuperar usos do territorio (o tan manido pastoreo dirixido e a silvicultura ben planificada) e aplicar, onde proceda e con criterios científicos, queimas prescritas e rareos selectivos. 

Non só debemos ver rendibilidade económica, senón tamén os bens e servizos ecosistémicos que nos brindan os bosques; o monte non é só madeira e pasta de celulosa. 

Como tamén di o biólogo e profesor da Universidade de Oviedo, Alfredo Fernández Ojanguren, a Biblioteca Nacional está chea de combustible potencial. Eliminamos os libros da Biblioteca Nacional para evitar un incendio? A ninguén se lle ocorrería eliminalos polo valor que teñen, mais, con todo, pensamos que a matogueira e a vexetación silvestre dun bosque carecen de valor. 

Que hai que “limpar” na Devesa da Rogueira, as Fragas do Eume, o Bidueiral de Montederramo ou o Teixadal de Casaio? Sen dúbida, asfaltar os nosos montes e converter os bosques en campos de golf evitaría que ardesen. É iso o que necesitamos? Non só debemos ver rendibilidade económica, senón tamén os bens e servizos ecosistémicos que nos brindan os bosques; o monte non é só madeira e pasta de celulosa.