O anuncio da emisión en Netflix dun filme inspirado no enigmático Unabomber (xa existe unha serie de oito episodios de 2017) empúrrame a volver sobre El camino de Ida (2013), unha extraordinaria novela do arxentino Ricardo Piglia que coñecín, e lin, este mesmo verán. Resultan evidentes as concomitancias entre o auténtico Unabomber, un matemático chamado Theodore Kaczynski, e Munk, personaxe de El camino de Ida. Coma Kaczynski, Munk foi de mozo un brillantísimo estudante de matemáticas e posteriormente profesor universitario; tamén coma Kaczynski, Munk abandona a universidade e vive illado nunha cabana que el mesmo constrúe nun afastado bosque de Montana, desde onde emprenderá unha campaña de atentados con bombas que teñen por obxectivo a científicos seleccionados aleatoriamente (neste punto hai algunha diferenza: entre as vítimas dos atentados reais de Kaczynsy, dous deles mortais, contáronse tamén empresarios e mesmo un avión de pasaxeiros, aínda que neste caso o explosivo fallou). As concomitancias continúan en moitos aspectos da investigación do FBI que conclúe coa detención, tanto do Munk novelesco coma do auténtico Kaczynski, e na vida no cárcere, onde o visita o protagonista da novela de Piglia.
Interésame contrastar a reflexión -tanto implícita como explícita na novela- sobre as interdependencias entre realidade e ficción, e a maneira en que, ao longo destes Alén, vimos analizando a continúa interacción entre a representación mediática (cine, televisión) do real e a repercusión desa representación na realidade. A sinistra espectacularidade da conduta de Kaczynski Unabomber, propón desacougantes paralelos co estereotipo do científico louco e malvado que tanto éxito ten, por exemplo, no universo cinematográfico dos superheroes, exportado desde a banda deseñada. Pensemos no arquinimigo de Superman, Lex Luthor, coa oposición entre a bondade inxenua do primeiro, posta ao servizo dun superpoder que nada debe ao esforzo intelectual, e a perversa racionalidade do segundo, que accede aos seus poderes mercé ao uso hábil do enxeño tecnolóxico. Unha figura máis do anti-intelectualismo, que ten antecedentes nunha desconfianza, por outra banda perfectamente razoable, respecto dos perigosos potenciais que a nova ciencia vén desencadeando desde o século XIX.
E que deu lugar na literatura a mitos coma os dos doutores Frankestein (Mary Shelley, 1818), Jekyll (Robert Stevenson, 1886) ou Moreau (H. G. Wells, 1895), todos eles con continuas revisións cinematográficas de maior ou menor acerto estético. Piglia, no canto de ceder á tentación de ver a Munk coma un máis desa longa tradición de científicos “tolos”, preséntanolo coma un intransixente defensor da estrita racionalidade dos seus actos. Mais toma un dato ben coñecido da biografía de Kaczinsky para proxectar unha nova luz (ou, se cadra, unha nova escuridade) sobre a endiañada dialéctica entre realidade e ficción. O dato é o da fixación que Ted Kaczinsky tiña, desde a súa adolescencia, coa novela de Joseph Conrad O axente secreto, que confesou ter lido ata unha ducia de veces. “Non era a realidade a que permitía comprender unha novela, era unha novela a que daba a entender unha realidade que durante anos fora incomprensible”, afírmase no texto de Piglia.
Tirando dese fío, as bombas de Munk (tamén as de Kaczinsky?) emularían as accións terroristas dos anarquistas da novela de Conrad, un terrorismo nihilista que non reclama nada: “non había nada que pedir, había que atacar directamente ao centro do poder cunha mensaxe nidia e enigmática”, que sitúa como albo a ciencia e a tecnoloxía, constituídas en “relixión moderna” que sostén a “estrutura do poder”. Por iso, asenta Piglia, Munk sería moito máis radical ca os mozos e as mozas que nos chamados anos de chumbo (as décadas dos 70 e 80: Kaczinsky cometeu os seus atentados entre 1971 e 1991) se sumaron aos diferentes grupos violentos que daquela proliferaron. El (Munk) optou, “como Alonso Quijano”, dinos o escritor arxentino, “por crer na ficción”. Quédamos por descubrir por que a crenza na ficción é a máis radical de todas as crenzas.
(Continuará)





