[Alén dos espellos] Do quixotismo ao bovarismo e de Conrad a Unabomber

(Continuación)

Por que a crenza na ficción é a máis radical de todas as crenzas? Con esta pregunta pechaba eu o anterior Alén. En realidade, Piglia non di que fose “a máis”, senón tan só máis ca aquela que movía a mocidade revolucionara que abrazou a vía violenta nas décadas dos 70 e 80. De algún xeito podemos entender que, cando o escritor arxentino enlaza a figura cervantina de Don Quixote coa Madame Bouvary de Flaubert, está propoñendo unha apoloxía do poder da ficción literaria. Así o explica en El camino de Ida: “Bovarismo era o termo para designar o poder que ten o home para concibirse outro do que é e crearse unha personalidade imaxinaria. (…) Nunha sociedade que controla o imaxinario e impón o criterio de realidade como norma, o bovarismo debería propagarse para fortalecer ao home e salvagardar as súas ilusións…”.

Contra ese poder ficcional, a tecnociencia emerxe como imposición dunha realidade que afoga calquera pretensión de abrir espazos para a expresión do máis auténtico que caracteriza ao humano. Aparece dese xeito unha paradoxal antinomia: o sabio matemático (Kaczinsky Unabomber / Thomas Munk) rebélase contra o uso que da ciencia se está a facer nas universidades, cómplices da transformación acelerada da natureza por parte da tecnociencia industrial. Mais, acaso non supón ese poder da ciencia contemporánea a ampliación ilimitada dos limitados potenciais humanos? Non implica, xaora, aquela multiplicación do campo dos posibles coa que soñaban os irados mozos e mozas que se manifestaron polas rúas do París de 1968? Contra esa interpretación en positivo, Unabomber anticipou o receo ecoloxista que recoñeceu o reverso distópico da promesa tecnocrática. Moito antes de que os discursos trans e posthumanistas fixeran a súa aparición, moito antes de que os plutócratas tecnobros aceleraran a destrución de todo pasado comunitario e de calquera límite á expansión das máquinas, o eremita da cabana nos afastados bosques de Montana desatou a súa furia contra un futuro intolerable. Velaí o paradoxo: a ampliación ilimitada dos posibles humanos acaba anulándose a si mesma. Toda ampliación que aspire a ser autenticamente humana implica simultaneamente reservar un espazo para pensar os seus límites. En caso contrario, a tal ampliación conduce inevitablemente á destrución. A voz e a acción de Unabomber érguense así, contra aquela desmedida pretensión, tal que o berro profético dunha nova Casandra a quen, ai!, ninguén escoitará. O que non exclúe que a súa praxe asasina, coma o terrorismo anarquista de comezos do século XX que recrea O axente secreto de Conrad, que el tanto admiraba, nos pareza contaminada dun nihilismo igualmente destrutor.

Mais confeso tamén que a dupla don Quixote / madame Bovary, que Piglia nos propón na súa novela, me causa algunha perplexidade. Acaso o primeiro é modelo de transformación masculino, coma a segunda de transformación feminina? Porque, en efecto, non hai donas quixotas. Hai, si, un monsieur Bovary, pero que en ningún caso será presa de bovarismo. Falamos, logo, de dúas figuras ideais segundo unha diferenciación de xénero? Mentres que o quixotismo, coma é ben sabido, consiste na entrega a uns valores situados nun pasado imaxinario (valores rexidos pola entrega desinteresada ao ben da humanidade) que o presente corrompeu; o ideal de amor romántico ao que aspira Emma Bovary, e que a empurrará a abandonar ao seu home e ao seu fillo, responde máis ben a un moderno individualismo (futuro emerxente) que  libera á muller do rol familiar no que a tradición (pasado) a encerra. Obviamente o que une as dúas figuras é que constitúen representacións extremas, e patolóxicas, dese poder da ficción (don Quixote lector de novelas de cabalerías, Emma Bovary lectora de novelas de amor) que Piglia proxecta sobre o seu Munk lector de O axente secreto. Mais, ao situar a radicalidade da crenza na ficción por riba da funcionalidade pragmática do real tecnocientífico, o escritor arxentino fai unha elección na que, confeso, non sempre resulta doado seguilo. O que sería erróneo ver coma unha obxección porque, non o esquezamos, a virtude dese poder ficcional reside tamén na súa resistencia a deixarse reducir nunha mensaxe simplificadora. O que non sempre (case nunca?) atopamos nas ficcións cinematográficas. Se cadra non por acaso o Don Quixote e Madame Bovary, novelas extraordinarias que foron levadas tanto ao cine como á pequena pantalla en varias ocasións, aínda agardan unha translación á súa altura, malia ter trala cámara a insignes directores como Orson Welles (proxecto inacabado), Grigori Kozintsev (1957) e Manuel Gutiérrez Aragón (1991 e 2002), no caso da primeira; Jean Renoir (1934), Vincente Minnelli (1949) e Claude Chabrol (1991), no da segunda.