Non sei en que ano puiden vela porque as pelis nunca chegaban ao cine da miña vila, Corcubión, o ano da estrea. O de El fenómeno foi 1956 pero daquela eu tería só catro ou cinco. Sei ben que era maior porque lembro ter ido coma consciente afeccionado ao fútbol e consciente tamén de que, sendo un filme protagonizado por Fernando Fernán Gómez, ía ser “de risa” (ninguén dicía por entón “comedia”). A película decepcionoume, tanto pola parte da risa como, sobre todo, pola do fútbol. Desde entón sigo agardando por un filme que concilie esas dúas miñas querenzas: fútbol e cine. Con sucesivas decepcións, máis ou menos grandes, e ningunha plena satisfacción. Moitas veces me pregunto por que, se o cine USA ten conseguido converter o cine de béisbol e de fútbol americano (baloncesto menos) en todo un xénero, con algunhas pezas notables, o cine europeo, ou mesmo doutros países onde reina sen discusión o “deporte rei”, se amosa incapaz de facer o mesmo co fútbol, desaproveitando o indubidable potencial comercial que cabería agardar dos seus innumerables seguidores. E máis, se eu tivese que sinalar cal é o filme que mellor ten recollido a emoción e a beleza do fútbol, decantaríame por Evasión ou vitoria, filme de 1980 que reconstrúe con bastantes licenzas o episodio histórico do enfrontamento entre un equipo de militares presos dos exércitos aliados con outro de soldados alemáns durante a Segunda Guerra mundial. O director do filme foi o gran John Huston, que en realidade non tiña nin idea nin interese polo deporte do balón. Parece que se baseou nun filme húngaro precedente, moito máis fiel ao ocorrido realmente (Match no inferno, Zoltan Fabri 1961). Non está entre as grandes realizacións de Huston, que seica renegaba dela, pero os amantes do fútbol nunca esqueceremos a presenza estelar do rei Pelé, o arxentino Ardiles e o inglés Moore, dando credibilidade ás xogadas do equipo de presos, aínda que, ai!, tamén é difícil esquecer o imposible gardameta interpretado polo forzudo Stallone e ao corentón Michael Caine tentando aparentar que aínda se mantiña en forma. Pero, por riba de todo, o que o filme consegue (falo no plano narrativo e emocional, á marxe do logro estético) é fusionar nunha común tensión a épica do fútbol e a da guerra, dotándoa dun plausible alento moral, aínda que fora baixo o reducionista maniqueísmo maioritario no cine comercial de aventuras.
Evasión ou vitoria foi un fracaso nos Estados Unidos, onde o fútbol (soccer chámanlle alí) segue sendo un deporte minoritario, mais un aceptable éxito en Europa. Desde entón, as cousas parecen no ter cambiado moito. O fútbol estadounidense, malia os intentos de crear unha liga competitiva fichando vellas glorias, desde Pelé a finais dos 70 ata Messi na actualidade, ou a organización de dous mundiais, primeiro en 1994 e o que comeza apenas nun mes, coorganizado con Canadá e México, segue sen arrastrar as masas (e os cartos!) dos deportes con tradición alá e, en consecuencia, a industria cinematográfica que marca tendencia no mundo continúa dándolle as costas.
Conseguirá o novo mundial cambiar o que non conseguiu o precedente? Non o sei mais, en cambio, si sei que, á marxe do que ocorra nos campos de fútbol, o ocorrido nos despachos daría para un bo filme do xénero dramático, entre político e mafioso. Xa teño falado nesta sección de como hai certo desprazamento na figura do heroe nos relatos audiovisuais recentes que fan indiferenciables o xefe mafioso e o líder político (Da violencia, os heroes e a atracción do abismo), desprazamento no que as figuras de Berlusconi antonte, e a de Trump hoxe, marcan fitos que nin a imaxinación máis quente do máis creativo guionista puido concibir. A quen se lle podería ocorrer que o presidente da FIFA, nun xesto de baixeza moral que nin o consigliere dos Corleone aceptaría, ía inventar unha medalla da paz para agradar ao ególatra señor laranxa, ofendido por non ser recoñecido como Nobel da Paz? A quen que, despois do tan vergonzoso disparate, o pacifista condecorado ía desatar unha operación de matanzas a gran escala contra outro país, Irán, operación bautizada cun nome digno dun filme do xénero distópico: Furia Épica? E, como corolario inaudito, quen podería inventar que a selección do país bombardeado, Irán, se ía ver obrigada a desprazarse a campos de fútbol dos Estados Unidos para xogar dous partidos da fase de grupos? Non hai aí unha desacougante analoxía (mesmo con toda a súa distancia) coa vella Evasión ou vitoria? Se nesta uns militares presos xogaban un partido de fútbol cos seus carcereiros, nestoutros partidos, que terán lugar en Los Angeles e Seattle, os futbolistas iranianos quizais se vexan obrigados a xogar diante do home que a comezos do pasado mes de abril lanzou un ultimato asegurando que desataría “o inferno” sobre Irán, como consecuencia da cal, asegurou, “morrerá unha civilización enteira esta noite”. Frase digna dos peores supermalvados dos máis simples filmes de superheroes. Pero esta xa non é unha película.





