[Alén dos espellos] Europa non ten quen a filme

Ou se cadra si, e son eu quen non coñezo relatos fílmicos que teñan desenvolvido con éxito unha narrativa centrada na construción moderna desa condición que podemos cualificar como a asunción consciente dunha cidadanía europea. Non falo necesariamente da Unión Europea aínda que, contra todos os seus detractores, direi que eu son dos que a teño pola única entidade que contribuíu de forma esencial á conformación desa conciencia europea. A cal agora mesmo, segundo se pode constatar polo eco que adquiren os discursos nacionalistas de extrema dereita, é algo en perigo. A miña percepción é que a idea de Europa carece de épica e é evidente que os relatos con éxito (pola súa recepción masiva, sexan logrados ou non esteticamente) na gran pantalla (tamén na pequena) adoitan estar asociados coa épica da aventura, xeralmente bélica. Se Europa é asociada directamente coa UE o fracaso épico semella tornarse insuperable: non hai nada máis antiépico que a burocracia e a UE tense gañado, merecidamente ou non, o recoñecemento de frío aparello burócrata. Dous filmes notables teñen o nome de Europa nos seus títulos: Europa, Europa (Agnieszka Holland, 1990) e Europa (Lars von Tiers, 1991). Hai épica sen dúbida nestes dous filmes mais que lugar ocupa Europa nesa épica? Na primeira, o mozo xudeu protagonista percorre unha Europa bélica que o obriga a debaterse entre dúas identidades que exclúen a única que ata entón o define: ou fanático comunista na URSS ou fanático nazi na Alemaña expansionista. Na segunda, posbélica, as súas hipnóticas imaxes apenas disimulan unha mensaxe criptonazi: a derrotada Alemaña nazi como a potencial unificadora de Europa que acaba sendo substituída polos ocupantes americanos. Cando vemos pasar trens ateigados de persoas famélicas, corpos esqueléticos, o espectador os asocia cos infames trens que carretaban xudeus aos campos de exterminio. Mais non, de contado descubrimos que transportan os alemáns expulsados dos países do leste e Centroeuropa, “liberados” polas tropas soviéticas e aliadas. Von Tiers obriga a entrecomiñar ese “liberados” porque é obvio que cuestiona a tal liberación. Se o relato de Holland parece dicirnos que pode haber unha Europa que escape da elección entre dous fanatismos políticos mais finalmente queda ás portas de amosar que Europa pode ser esa; o do controvertido cineasta danés non deixa elección: non hai Europa se esta precisa para ser da tutela do “amigo americano”. Nesas andamos aínda hoxe. A recuperación da vella épica nacional patriótica polos grupos de extrema dereita encirra de novo as emocións máis primarias: primeiro nós (é dicir, o meu país), logo os demais (os restantes países europeos) e ningún de fóra (os inmigrantes). É obvio que isto equivale a acabar con Europa. Deixar entrar no parlamento europeo a esa xente (como parece que pensan facer moitos votantes) implica dinamitar a idea de Europa desde dentro. Implica volver á Europa das nacións Estado enfrontadas entre si, a Europa que foi un continuo campo de batalla desde a Pax Romana aos xuízos de Nuremberg. Contra ese perigo, Europa precisa a súa épica, os seus relatos. Se alguén os coñece, agradezo a información.