[Alén dos espellos] A representación do poder na era Nihilista

| Alén dos espellos

Dous filmes, moi diferentes entre si, coincidiron nas pantallas en datas recentes e coinciden tamén en tratar o tema do poder político cun enfoque que, na miña opinión, é especialmente acaído para comprender a forma que ese poder está adoptando nos nosos días. Coinciden tamén en que a fondura e perspicacia do que contan acaba ficando por riba dos resultados estritamente cinematográficos. Son, si, películas imperfectas mais, malia todo, son tamén películas necesarias.

A primeira, Orwell: 2+2=5, é un documental francés do director de orixe haitiana Raoul Peck que reconstrúe o último ano de vida de George Orwell, no que o escritor británico redactou a súa visionaria distopía 1984. Nela, o poder despoxa ao individuo de calquera vestixio de liberdade e chega ata o paroxismo de impoñer unha neo-lingua que chama “paz” á guerra ou, como se recolle no título, determina que mesmo o valor das operacións matemáticas é o que o poder decide que sexa.  Sabemos que a sociedade totalitaria que a novela describe foi inspirada pola URSS estalinista, mais no filme proxéctase, penso que con acerto, o modelo totalitario orwelliano para alén desa referencia: todo poder ditatorial leva en si o xermolo de expandirse ata o control social absoluto. Así, na viaxe ao pasado histórico mediante imaxes documentais, que o filme combina con fragmentos dos varios filmes que recrearon a novela de Orwell, vemos non só a manipulación das fotos para facer desaparecer a memoria dos inimigos ou as vítimas de Stalin, senón tamén os desfiles nazis e mesmo imaxes de ditaduras militares como a franquista ou as iberoamericanas implicadas na operación Cóndor. Mais, sobre todo, esa proxección chega ata o presente, sinalando o goberno de Trump coma aquel onde a semente totalitaria medra hoxe da maneira máis perigosa e diáfana.

A segunda titúlase O mago do Kremlin, dirixida polo francés Olivier Assayas, con guión seu e do escritor Emmanuel Carrère, bo coñecedor da recente historia rusa, á que ten dedicado varias obras, incluída a recente Kolhoze. O filme adapta a novela homónima do ensaísta Giuliano Da Empoli, presentando o imprevisto ascenso ata o máximo poder na Rusia post soviética dun escuro ex axente da KGB, Vladimir Putin (interpretado por un contido Jude Law), como substituto do decrépito Boris Ieltsin. Mais o auténtico protagonista é o “mago”, novo Rasputín na sombra do novo tsar, un ficticio Vadim Baranov (formidable creación actoral de Paul Danto), inspirado nunha figura real, Vladislav Surkov, quen en efecto, coma acontece con Baranov no filme, pasou de ser xefe de relacións públicas do “oligarca” Mikhaíl Jodorkovsky a principal asesor de Putin. A disección do poder político que O mago… amosa propón unha perspectiva nova sobre a maneira habitual de afrontalo nas análises políticas ao uso, tanto de orientación marxista coma liberal, para as cales a política vén sendo un epifenómeno das estruturas económicas. Mais, se Ieltsin foi unha simple marioneta política do poder económico dos oligarcas e estes creron atopar o seu relevo ideal en Putin, Baranov comprende pronto que este ten a súa propia vontade de poder: Putin quere ser o “home forte” que o pobo reclama para escapar do “caos democrático” e el, Baranov, será o deseñador da estratexia que o fará posible, a “democracia soberana” ou “controlada”, que con todo non tardará en amosar o seu verdadeiro rostro ditatorial. Un poder persoal frío, implacable, que non só non admite ningún límite moral senón que tampouco responde a ningunha regra previsible. Un ególatra que non ten amigos senón tan só “fieis”, sempre disposto a eliminar a calquera que pretenda enfrontárselle.

Cando Nietzsche proclamou que entrabamos na era do nihilismo, na que aínda seguimos, lembrounos tamén que nela só a arte nos ofrece unha promesa de salvación. O que perturba especialmente na figura de Baranov, tal como nola presenta o filme, é que el concibe o seu traballo ao servizo do tirano coa mesma sensibilidade estética que aplicara na súa mocidade de artista de vangarda para dirixir unha adaptación teatral de Nosoutros, a distopía de Yevgueni Zamiatin que anticipou en case trinta anos o 1984 de Orwell. É Baranov un esteta que chegou a pensar, inxenuamente, que Putin sería o instrumento para a súa “gran obra” de reforma política, finalmente decepcionado ao comprobar que a súa criatura escapaba de todo control? O filme déixanos sen resposta, mais acaso cunha advertencia: coidado cos esteticismos cando se trata da acción política. O poder alimenta monstros e os monstros sempre escapan de calquera control. Estámolo vendo…