[Alén dos espellos] Ciencia ficción capitalista ou o secuestro do futuro imaxinado

| Alén dos espellos

Lin hai pouco un breve ensaio do autor de relatos de ciencia ficción arxentino Michel Nieva, cuxa lectura recomendo: Ciencia ficción capitalista. Cómo los multimillonarios nos salvarán del fin del mundo (Anagrama 2024). De principio, pareceume unha volta máis a esa figura, que nesta sección eu mesmo xa teño visitado, que se encerra na frase que algúns atribúen ao teórico da posmodernidade literaria Fredric Jameson, outros ao filósofo esloveno Zizek, outros en fin ao ensaísta británico xa falecido Mark Fischer (e que máis dá quen o dixo primeiro?): “É máis doado imaxinar a fin do mundo ca non a fin do capitalismo”. A idea, xa saben, é como os relatos dominantes nos medios de masas levan anos proporcionando variantes dese xénero que temos dado en chamar “catastrofista” e, dentro del, o subxénero “post apocalíptico”, que presentan unha Terra arrasada, ben por unha guerra nuclear, pola crise climática ou por un fenómeno extremo xeolóxico (terremotos) ou astronómico (choque dun meteorito). Relatos, logo, que nos convidan a imaxinar unha posible fin do mundo, aínda que nos máis deses relatos adoite aparecer un ou varios heroes que acaban salvándoo da destrución total. O peculiar, que pretende ser significado mediante a frase devandita, é que, malia que en non poucos deses relatos non se esconde a responsabilidade do capitalismo depredador na xeración desas catástrofes apocalípticas, o mundo que segue (post apocalíptico) amósasenos reducido a unha loita hobbesiana de todos contra todos en disputa polos escasos recursos alimenticios e enerxéticos de que se dispón, é dicir, un mundo no que os valores capitalistas (o individualismo, a competitividade, a redución de todo a mercadoría, o éxito económico como máxima aspiración) persiste. O capitalismo trae a fin do mundo mais o capitalismo persiste alén desa fin.

O capitalismo trae a fin do mundo mais o capitalismo persiste alén desa fin.

A singularidade do ensaio de Nieva é a conexión que establece entre este modelo de relato e un tipo de neocapitalistas que xa agora mesmo está tomando e exercendo o poder a escala global,. Alguén os ten cualificado como neofeudais: novos señores feudais que están impoñendo os seus intereses por riba do dos estados e contribuíndo a destruír todos os (por outra banda sempre débiles) consensos que permitiron construír o (débil, repito) sistema de equilibrios dominante desde a fin da Segunda Guerra Mundial. Elon Musk e Jeff Bezos proporcionan o paradigma emblemático destes novos señores do diñeiro. Os dous coinciden en investir en empresas dedicadas á explotación das viaxes aeroespaciais. Musk en particular non agocha a súa ambición de colocar nun prazo relativamente próximo unha colonia habitada en Marte. Hai xa uns cantos anos, no espazo expositivo da Fundación Telefónica en Madrid puiden ver unha exposición presentada baixo o título “Norman Foster. Futuros comunes”. O que aquí vén a conto é que, entre os materiais expostos, houbo un que me deixou un forte impacto: un módulo habitable, deseñado polo prestixioso arquitecto para ser construído mediante robots semiautónomos especializados. Aí foi cando comprendín que a colonización de Marte, para algúns, non é un simple soño senón un proxecto no que investir xa mesmo cartos. Porque Foster non é precisamente un arquitecto que traballe gratis.

Elon Musk e Jeff Bezos proporcionan o paradigma emblemático destes novos señores do diñeiro.

Agora ben, Nieva proporciónanos información segundo a cal xente coma Musk e Bezos son perfectamente coñecedores da conexión entre o modelo de desenvolvemento do capitalismo industrial expansivo e a crise climática, conscientes do inminente esgotamento dos recursos terrestres así como do progresivo deterioro das condicións de vida por efecto do quecemento global e a contaminación atmosféricas. Pero a lóxica que os move non contempla en ningún caso atender ás advertencias do movemento ecoloxísta e a axenda verde. Para eles non se trata de tomar medidas para frear ese desenvolvemento senón de tomalas… para escapar deste planeta a outro. É dicir: xa que a Terra se esgota, traslademos a explotación a outro planeta cuxos recursos son aínda virxes. E, seguindo a mesma lóxica, claro, unha vez fagamos o mesmo con Marte, sigamos con outro. Sen esquecer que, naturalmente, non todos os afectados e afectadas pola fin da civilización terrestre van ter a posibilidade de gozar do privilexio de formar parte de nova civilización marciana. Previsiblemente, os protagonistas desta nova gran migración serán os señores capitalistas neofeudais, as súas familias e a selecta corte dos servidores especializados destinados a garantirlles o mantemento da súa privilexiada forma de vida.

A pregunta é: non alimentan este destrutivo (e quizais mesmo suicida) imaxinario os máis dos relatos de ciencia ficción que consumimos como inocuas e case desideoloxixadas aventuras, desde as sagas de Star Trek e Star Wars ata Dune?