Cando estoupou a guerra entre El hormiguero e o novo programa de TVE1 finalmente chamado La revuelta, non vin aí materia para este Alén. A vontade de ir alén dos espellos implica xustamente escapar das polémicas que xa andan en boca de todos. Non por gusto polo minoritario ou pola excepcionalidade, senón por tentar afondar no que adoita ficar agochado no discurso público dominante, o que tantas veces non se ve (ou é invisibilizado) no reflexo recoñecido do que emiten os medios. Que hai de novo para que agora si me atraia esta regueifa da que tantos falan? Cando Broncano, na xa famosa emisión do 21 de novembro, decidiu facer público o veto de El hormiguero que o deixou no último momento sen o seu entrevistado desa noite e pechou o programa con quince minutos de imaxes de animaliños, confeso que me pareceu unha forma de protesta ao principio enxeñosa, mais logo excesiva. Cambiei de canle. Cando logo descubrín que os animaliños mantiveron a audiencia fiel á pantalla, nun xesto que foi interpretado como solidariedade coa protesta, fiquei ben sorprendido. Resulta que hai un público televisivo, por caso o dos seguidores de La revuelta, que nestes tempos de lealdades fluídas diante de estímulos ultra cambiantes, onde manda o zapping, o salto entre pantallas e a atención dividida, condutas que se atribúen especialmente á xente nova que seica é dominante entre os revoltosos (permítanme o adxectivo, aínda que supoño que a Broncano e os seus máis lle gustaría rebeldes), hai un público, digo, que nega ese retrato. Ben, non vou eu ir por aí, non aspiro a facer socioloxía do espectador televisivo, outros xa se ocuparán dese eido. O que a min me interesa é salientar o que esta batalla amosa da persistencia dun fenómeno que algúns xa daban por morto. Isto é: a capacidade que aínda mantén a televisión en aberto de marcar a axenda da conversa pública, algo que se daba por concluído coa irrupción das redes sociais e as múltiples canles. Isto observouse xa cando a fichaxe de Broncano foi interpretado por sectores da opinión publicada coma un intento por parte da Moncloa (nada menos!) de contrarrestar a influencia de Pablo Motos, obviamente escorado á dereita. Mais neste último episodio falamos xa de algo distinto, porque non creo que ninguén pense que o entrevistado (o recente campión mundial de motociclismo Jorge Martín) fose erixirse en portavoz de ideas esquerdistas. Falamos en realidade de algo moi vello, falamos da guerra polas audiencias e como nesa guerra as empresas que aspiran a mandar no ranking loitan por preservar a exclusiva dos entrevistados famosos e, correlativamente, como os aspirantes a famosos ou famosas (ou os famosos e famosas que pretenden seguir séndoo) se someten ás esixencias de exclusividade dos programas que garanten máis audiencia. Obviamente eu penso que nesa guerra non todo vale e aplaudo a decisión de La revuelta de denunciar o xogo sucio de El hormiguero. Mais non deixo de pensar que, para que estas batallas se poidan producir, é indispensable unha condición: que dous programas diferentes aspiren a entrevistar aos mesmos “famosos”. E velaí a miña decepción: o que a min me gustaría é comprobar que La revuelta ía amosar a súa vontade de rebeldía (aquí si, rebeldía ao xeito de L’homme revolté de Albert Camus) concedendo protagonismo a quen adoita non telo. Cousa que seica as veces fai mais non tanto como para fuxir das trincheiras onde lle agarda o corpo a corpo coas hostes do Pablo Motos.