[Alén dos espellos] Unha romaría entre a diglosia e a heroína

| Alén dos espellos

Adoro o cine de Carla Simón (Estiu 1993, 2017; Alcarràs, 2022), e o seu último filme (Romería, 2025) non me decepcionou. Unha vez deixado claro que, ao meu xuízo, se trata dun excelente filme que ningún espectador esixente debería perder, quero centrar o foco en dous aspectos que en si mesmos non constitúen factores determinantes para a súa valía estética (o segundo, se cadra, si en parte): a representación, por un lado, da condición diglósica do uso da lingua no noso país e, por outro, das mortes derivadas da heroína nos anos 80. Respecto do primeiro, no filme, que se desenvolve na súa práctica totalidade en espazos da ría de Vigo (fóra dun moi breve episodio portugués), escóitase falar en catro idiomas: o castelán, claramente dominante, o catalán no que fala por teléfono a protagonista coa súa familia, e moi marxinalmente o francés e … o galego. A pregunta que se impón, logo, é esta: por que unha directora (e coguionista), que nas súas dúas películas anteriores, ambientadas en lugares da súa Cataluña natal, optara claramente polo catalán, con presenza marxinal doutras linguas, neste caso reduce o uso do galego ao canto dunha canción tradicional na sobremesa dunha familia á que en ningún outro momento se lle escoitará nada en galego?Un rexistro, dirán algúns, que semella, xa non o retrato, senón a caricatura do fenómeno diglósico: o noso idioma confinado ao espazo folklórico emocional. Mais eu devolvo a pregunta: é realmente unha caricatura ou máis ben a caricatura hai tempo que en certos segmentos sociais (por caso, o dunha burguesía acomodada, que é a que aparece no filme de Simón) é un feito sociolóxico innegable. Non teño a menor dúbida de que fan ben os nosos creadores -literarios, teatrais ou cinematográficos- obviando a fractura diglósica da nosa sociedade cando constrúen unha Galicia ideal monolingüe en galego, erguendo esa representación ideal como un lexítimo recurso contra o devalo, tamén construído, da fala de nós. Mais, fóra de que esa lexitimidade non exclúe outras que aquí obvio explorar, cabe esixírllelo tamén aos creadores de fóra cando nos retratan?

En canto ao segundo, lin algunha crítica que acusa a Romería de embelecer o tremendo drama da heroína, que decimou a toda unha xeración en Galicia, como ben sabemos, estetizando a adicción dos pais mozos da protagonista coma un elemento máis da paixón amorosa. Fóra de que, desde logo, carece de sentido esixir á creadora artística unha condena moral da conduta das súas criaturas (nin creo que esa fora a esixencia do crítico), tampouco me parece que estea obrigada (falo duna obriga artístico creativa, naturalmente) a amosar a parte destrutiva da adicción. Coido que o relato fílmico, que é esencialmente a reconstrución por parte da protagonista da memoria que lle fora negada dos amores entre o seu pai e a súa nai, proporciona nidiamente o sentido desa elección. Primeiro, porque o momento destrutivo ocorre nun tempo posterior ao que é evocado no filme, que é o recollido no diario da nai; segundo, porque hai unha clara elección por parte da moza protagonista (que saibamos que é en boa medida un alter ego da propia directora non fai senón reforzar a identidade entre a elección do personaxe e a elección do propio relato fílmico) de afirmar a memoria negada mediante a reivindicación dun amor gozoso e mesmo dunha liberdade que non excluíu a exploración de condutas de risco. Que non excluíu finalmente o erro, a dor, a morte. Nós sabémolo, sábelo, ela, a protagonista, desde o comezo do filme. O que ignoraba era a historia de amor e iso é o que nos quere contar, o que nos conta admirablemente.