O pasado mes de abril soubemos a triste nova da morte prematura (faltábanlle uns días para cumprir os 63 anos) do director de cine francés Laurent Cantet. O seu filme Entre les murs (distribuído en España co título La clase) foi Palma de Ouro no Festival de Cannes de 2008. Baseado no diario dun curso nun conflitivo centro de secundaria da banlieu parisina, escrito polo profesor François Bégaudeau (hai versión galega: A clase, Xerais, 2008), está rodado nun ton documental. Foi o propio Bégaudeau e o seu alumnado quen se interpretaron a si mesmos no filme. Porén, non é a “verdade” do que se conta, no sentido de que ese profe é en efecto un profe existente e existentes os seus alumnos e alumnas (non hai cousa que más me poña á defensiva que ver nunha pantalla o aviso “inspirado nun feito real”) o que a min me interesa. Interésame a verdade xeral do que o filme describe, á marxe dunha fidelidade a uns determinados feitos concretos. Esa verdade xeral é a constatación de que na maioría dos países occidentais ditos “avanzados” se está xeneralizando un progresivo deterioro dos centros de ensino público encargados da escolarización da poboación de familias de clase traballadora, especialmente daquela de orixe inmigrante e racializada. Deterioro que converte en case misión imposible o labor do profesorado, enfrontado a un alumnado previamente persuadido de que nada do que faga nas aulas lle vai supoñer ningún cambio na súa vida. Son eles, alumnos e alumnas, quen aparentemente se converten nos principais inimigos da súa propia mellora educativa, cómplices involuntarios deses simplistas discursos antipedagóxicos que acusan do fracaso da escola aos novos programas didácticos e á “baixada de nivel dos contidos” promovidos polas reformas educativas. Cantet e Bégaudeau poñen o foco nunha realidade ben diferente: a dificultade do bo docente, o que cre na súa función de acompañar ao seu alumnado sen dar a priori por perdido ou incapaz a ningún, para se enfrontar cunha situación obxectiva -familias desestruturadas, graves problemas económicos, violencia, racismo…- na que o éxito escolar nin sequera figura nas expectativas. Como ensinar nesas condicións? Aí os grandes ideais da cultura humanista, ou mesmo as destrezas no cálculo matemático ou as habilidades gramaticais básicas, ocupan o menor lugar entre os intereses e as preocupacións dos adolescentes que sentan nas cadeiras da aula. Nesas condicións, o mestre que continúa crendo no seu labor e non se rende é un auténtico heroe do noso tempo. Como Bégaudeau no seu centro da banlieu de Entre les murs. Mais, isto deixa unha segunda lección que, aínda quedando alén do que se amosa na pantalla, é tanto ou máis importante ca o que si se amosa: que un sistema educativo fundado na escolarización universal non pode depender de heroes senón de simples funcionarios. Ou o que é o mesmo: a causa do fracaso contemporáneo da escola (o que non quere dicir que antes non se dese outro tipo de fracaso, mais esa é outra historia) non se pode facer recaer nos docentes nin no alumnado, tampouco nas leis reformistas e “novas pedagoxías”!, mais si nos procesos privatizadores que levan anos impoñendo unha dobre rede de escolarización, centros públicos cada vez peor dotados para o alumnado de familias de clase baixa, centros privados subvencionados para o de familias acomodadas.