[Alén dos espellos] Cervantes homosexual e os que nunca se avergonzan de “nuestra historia”

| Alén dos espellos

Aínda se pode atopar nas carteleiras El cautivo, o último filme de Alejandro Amenábar. Non é o seu mellor traballo pero tampouco é un mal filme, segundo o meu parecer. O director, cuxa condición homosexual el mesmo nunca agochou, decide centrar o seu relato nos anos de prisión que Miguel de Cervantes sufriu en Arxel, explotando unha hipótese nunca probada mais tamén imposible de desmentir: que o feito de que se lle perdoase a vida, malia tentar varias veces fuxir, cando é ben sabido que quen fracasaba no intento era castigado, ben cunha cruel mutilación ou ben coa morte, só se explica porque o Baxá de Arxel tivo unha especial deferencia con el. E si, o relato fílmico fará que nesa deferencia “especial” xogue un papel a homosexualidade, aínda que tamén a habilidade do Cervantes cativo para cativar el á súa audiencia, Baxá incluído, coa súa imaxinación na invención de historias ou na narración das inventadas por outros (o seu maior éxito é coa interpretación do Lazarillo de Tormes). Cervantes coma unha nova Xerezade que se gaña o dereito a vivir cos seus contos. Mais esta segunda dimensión ficou opacada pola primeira, contradicindo a opinión do propio Amenabar que, en declaracións durante a promoción do filme, dicía (penso que máis como desexo ca convicción) que a estas alturas xa ninguén se tería que escandalizar por presentar un Cervantes homosexual. Pois seica non é así.

Certamente, pódese compartir (ou non) a opinión de Jordi Gracia (biógrafo do autor do Quixote) segundo o cal esa elección respondería a un afán de “sentimentalización” que prexulga os gustos do público á baixa, aínda que el mesmo recoñece que esa é unha inclinación de toda a industria cinematográfica. Só do cine histórico producido en España, como parece dar a entender no seu artigo (El País 20/09/2025)? Se así fose, equivócase: abonda con lembrar Shakespeare in Love (John Madden, 1998). Ou a cuestión da “sentimentalización” aplícase só aos amores homosexuais?

Siro é máis directo: acusa a Amenábar de “levar a brasa para a súa sardiña”, nun afán de “sumar outro nome glorioso” para o movemento gai, cando na actualidade “unha maioría amplísima da poboación respecta o movemento LGTBI e pasa da orientación sexual do veciño” (La Voz de Galicia 15/09/2025). Teño para min que xusto artigos coma o seu son unha proba de que a conquista dese dereito non está tan consolidada. Porque, que é o que molesta na fabulación dese Cervantes homosexual cando, tanto Siro como Gracia, recoñecen que xa en tempos do propio Cervantes circulou a “acusación” de homosexualidade? Non podo eludir a sospeita de que hai aí unha resistencia a aceptar para a “gloria nacional” unha condición que non sería problemática se, como no caso do seu coetáneo inglés no filme devandito, se amosase un Cervantes sedutor… de mulleres. A ver se a cousa vai diso que o noso ínclito ex presidente acaba de dicir con gran solemnidade, en relación coa petición diplomática de desculpas polo pasado de violento colonialismo español na conquista de México: “Yo no me voy a avergonzar de la Historia de mi país”. Se para iso cómpre dicir que a conquista de México foi un pacífico labor de evanxelización ou esquecer que España foi o derradeiro país europeo en abolir a escravitude, dise e esquécese. Ou será que Feijoo considera que non hai nada vergonzoso na ocupación violenta doutras terras e xentes nin na escravitude?

E, como por desgraza é ben posible que Siro se equivoque e a homofobia está en ascenso en sectores que a dereita tradicional semella empeñada en imitar, poida que a virtude das “glorias nacionais” de novo sexa para algúns incompatible con condutas que a moral inquisitorial condenaba. A fin de contas a Santa Inquisición tamén forma parte desa Historia (con maiúsculas!) da que cómpre non avergonzarse.