Dicía eu, na precedente entrega, que estes comentarios sobre os relatos das múltiples pantallas (con especial atención aos cinematográficos e os televisivos) son críticos malia non pretender facer “crítica” (cinematográfica ou do medio televisivo). Nesa anterior entrega explicaba o que eu entendía por facer crítica neste segundo sentido. Toca agora explicar en que consiste a dimensión crítica dun comentario que, en principio e paradoxalmente, renuncia a ser unha “crítica”.
A cuestión ten que ver cun reducionismo no uso da palabra, atribuída, cando non se acompaña dunha maior precisión, á valoración en exclusiva da dimensión estética dunha obra con pretensións artísticas (neste caso, un relato audiovisual). Mais a crítica pódese aplicar sobre moitas outras dimensións: por caso, a ética, a política, a sociolóxica, a económica. A teoría clásica sobre as axencias de socialización en valores das sociedades modernas identificaba tres: a familia, a igrexa e a escola. Os estudos da segunda metade do século XX certificaron a caída en influencia da segunda nas sociedades democráticas occidentais laicizadas. A irrupción dos medios de comunicación de masas sacou á escena un novo axente cuxa influencia non deixou de medrar. Na modernidade líquida que, segundo o arquicitado diagnóstico de Bauman, predomina desde o cambio de século, rematou por ser maior da que cabe atribuír á familia e a escola.
Deste xeito, o poder persuasivo dos relatos audiovisuais eríxese como o máximo construtor de valores e sentido, nun contexto social no cal as institucións mediadoras (aquelas vellas axencias clásicas de socialización, mais tamén as redes asociativas civís, partidos políticos, sindicatos…) tenden a se diluíren nuns procesos de deslexitimización converxentes coa entronización do individualismo propio do suxeito atomizado fabricado polo capitalismo neoliberal. É probable que fose Berlusconi o primeiro en saber acomodar, nas sociedades democráticas, o seu discurso e práctica políticos a ese novo contexto. E é obvio que Trump é o seu discípulo más avantaxado.
Deste xeito, o poder persuasivo dos relatos audiovisuais eríxese como o máximo construtor de valores e sentido, nun contexto social no cal as institucións mediadoras […] tenden a se diluíren.
A cuestión clave, desde o punto de vista dos valores, é que, nesta última etapa de proliferación das redes sociais, as mensaxes dos medios, baixo unha aparencia de máximo pluralismo e liberdade, conseguiron levar ao máis alto grao de perfección o ideal capitalista de borrado de toda distancia entre a orde disciplinaria do poder e a obediencia disciplinada dos suxeitos sometidos a ese poder. Aquela “servidume voluntaria” que tan ben identificou Étienne de la Boétie hai case cinco centos anos. Os miles, millóns de espectadores, que aseguramos gozar coas imaxes da penúltima (sempre é “penúltima”) serie de moda ou filme de éxito, endexamais poñemos en cuestión que se trata exactamente do noso gozo, da nosa elección. Coma ningún dos votantes, onte de Berlusconi, hoxe de Trump, dubidan de que ese é o seu voto libremente escollido. Porén é aí onde debería comezar a crítica, é aí onde pretende comezar a crítica destes comentarios Alén dos espellos. Comezar logo por dubidar das nosas eleccións, dos nosos gozos, en tanto que dubidosos nosos. O que esixe recoñecer o carácter construído de todos os espellos, ou o que é o mesmo: contra o poderoso efecto realidade que a reproductibilidade técnica ten conseguido acadar, ata o arrouto desmesurado que anuncia a IA, sabérmonos sempre alicias que, ao traspasaren o espello, deixan a “realidade” polo País das Marabillas. Mais sabendo tamén que ese Wonderland produce realidade.
Os comentarios destes Aléns son, logo, uns (entre outros, sempre entre outros, porque o peor comentario, o máis erróneo, sería aquel que pretendese presentarse como o “único verdadeiro”) intentos de revelado dos códigos dominantes na construción dos mundos que ateigan as múltiples pantallas. Porque se cadra, e entre outras cousas, nese revelado poden aparecer algunhas das claves que nos axuden a entender, por exemplo, por que o Gran Home Laranxa, no canto de ser visto como un ignorante excéntrico e incompetente, tanta xente o ve como unha nova encarnación do Amado Líder.





