No panorama da ficción científica contemporánea, poucos autores lograron construír un universo tan vasto, complexo e singularmente atractivo como o que Iain M. Banks teceu arredor da súa creación máis emblemática: The Culture (A Cultura). Lonxe das distopías sombrías ou das epopeas espaciais militarizadas que a miúdo poboan o xénero, as novelas da Cultura ofrécennos a visión dunha civilización postescaseza, o que significa que a técnica avanzada proporciona riqueza material practicamente sen límites e comodidades para todos os individuos de xeito gratuíto, abolindo de feito o concepto de bens e eliminando case todas as restricións físicas da vida (incluíndo as enfermidades e a morte). Trátase dunha sociedade igualitaria, estable, que non usa a forza en caso ningún, agás cando é necesaria para a protección doutros seres. Unha civilización impulsada por intelixencias artificiais e habitada por humanoides que gozan dunha existencia de liberdade e hedonismo.
Nunha decena de títulos, Banks colle aquilo que de mellor teñen os seres humanos para situalo alén da corrupción, isto é, para poñelo fóra do control e dos intereses subxectivos da vontade; o suxeito deixa de ser o principio de razón do mundo, o racional xa non reside unicamente nun organismo biolóxico, queda atrás a diferenza xerárquica entre vida orgánica e vida inerte, a correlación humano-mundo deixa de ser o senso dominante da realidade.
A primeira ollada, The Culture semella un paraíso secular. Unha rede de planetas, estacións espaciais e naves de tamaño colosal habitadas por seres que poden cambiar de sexo a vontade, vivir séculos e dedicarse a paixóns intelectuais, artísticas ou simplemente pracenteiras. A economía non existe tal como a coñecemos; as necesidades básicas están cubertas pola técnica, capaz de satisfacer calquera necesidade material, liberando os individuos do traballo e permitíndolles dedicarse aos seus propios intereses. No corazón desta civilización atópanse as Minds (Mentes), intelixencias artificiais superiores, entidades sensibles e enormemente potentes que actúan como administradoras desinteresadas, a miúdo dunha personalidade tan definida e complexa coma os propios humanoides. Son seres sensibles e dun poderío computacional asombroso.
A Cultura, un mundo ficcional posible
Con todo, Banks evita caer nunha representación acrítica desta Arcadia cósmica. A través da súa narrativa, a miúdo estruturada arredor do contacto da Cultura con civilizacións rexidas por sistemas de valores radicalmente diferentes, emerxen as tensións e os dilemas inherentes a esta existencia aparentemente idílica. A cuestión da intervención nesoutros mundos é un eixo central que percorre moitas das novelas. Debe A Cultura, coa súa superioridade tecnolóxica e a súa presumiblemente máis elevada comprensión ética, intervir nos asuntos de sociedades menos “iluminadas”, mesmo cando estas practican a barbarie e a opresión?
A través da súa narrativa, a miúdo estruturada arredor do contacto da Cultura con civilizacións rexidas por sistemas de valores radicalmente diferentes, emerxen as tensións e os dilemas inherentes a esta existencia aparentemente idílica.
As novelas do ciclo, redactadas empregando recursos narrativos das historias de aventuras xunto con chiscadelas metafóricas e descricións sintéticas plasticamente moi efectivas, non só nos mergullan nunha cultura fascinante senón que tamén obrigan a quen le a afrontar as limitacións desa sociedade case perfecta e a preguntarse se a ausencia de desafíos significativos non leva a unha certa forma de estancamento ou de falta de propósito.
A través dunha estrutura narrativa non lineal e cuns recursos literarios que atenden os pormenores e a verosemellanza do conxunto, o autor non pretende a creación dunha linguaxe anovadora, o que busca é situar a quen le perante unha realidade posible para que reflexione sobre esa posibilidade e a compare coa sociedade actual.
O autor de Excession non é quen de deixar de lado a concepción correlacionista da realidade na que o suxeito é único dador de senso e pola que só existe aquilo que unha mente humana pode pensar.
A razón non biolóxica
Non obstante, Banks, como suxeito moderno, non dá aceptado a posibilidade da existencia dun mundo como A Cultura e proponse realizar unha crítica dese mundo posible porque nel non é necesaria a idea de liberdade xa que toda existencia é na Cultura libre e igualitaria de seu, logo trátase dun mundo sen necesidade de Xustiza. O autor de Excession non é quen de deixar de lado a concepción correlacionista da realidade na que o suxeito é único dador de senso e pola que só existe aquilo que unha mente humana pode pensar; non se dá atrevido a defender o mundo da Cultura como o auténtico Mundo da Xustiza, xa que iso supoñería admitir a posibilidade dun mundo sen necesidade de Xustiza. Todo o seu ciclo narrativo adianta unha hipótese crucial, un dilema que atravesa toda a Idade Moderna actual, o de se a prevalencia da Humanidade e dos valores centrados no suxeito como principio de razón son os que realmente impiden un mundo xusto; a pregunta de se é posible que a razón tamén poida chegar a residir en soportes non biolóxicos, en máquinas sen intereses propios e sen vontade de poder.
A emancipación que vai vir
A Cultura, coa súa aparente despreocupación e a súa abundancia case ilimitada, non se presenta como un modelo utópico sen fendas senón como un experimento social en constante evolución, un crisol de contradicións e un manancial inesgotable de preguntas que desafían respostas simplistas.
Aínda que o prematuro falecemento de Banks en 2013 deixou un baleiro na literatura de ciencia ficción, permanece a hipótese posible dun mundo que sobrepasa o noso mundo, o dunha existencia que é a do ser pensante (de quen o ser humano é un representante entre outros posibles) mais cun réxime desta volta digno da súa condición: o da inmortalidade como garante da igualdade universal. Como afirma o filósofo Reza Negarestani, non hai motivo para pensar que o razoamento non se poida desvencellar das limitacións biolóxicas e se poida transformar en formas diferentes fornecidas polos sistemas de procesamento da información e polos procesos computacionais descubertos, desenvolvidos e modelados usando o propio razoamento.
A cuestión é se o feito de pensar, describir e narrar ese mundo posible é susceptible de complementar, no noso mundo, a subxectividade dos seres humanos actuais transformando profundamente a vida das persoas que reflexionen sobre esa hipótese. Se ese efecto sobre a existencia presente ha ser capaz de influír, cando menos, no caso do suxeito movido polo desexo da xustiza universal, é dicir, imantado polo vector da emancipación que vai vir.
A Cultura de Iain M. Banks non é só unha creación literaria, é un exercicio de pensamento provocador e un convite constante a contemplar as posibilidades dun futuro posible no que a Xustiza xa non sexa necesaria.
Unha ollada ao espello dixital: as Minds da Cultura e a Intelixencia Artificial de hoxe
É inevitable, ao contemplar a figura omnipresente e omnisciente das Minds na obra de Banks, establecer unha comparación coas formas de intelixencia artificial que estamos a desenvolver na actualidade. Malia a distancia tecnolóxica que nos separa, a análise das súas semellanzas e, sobre todo, das súas profundas diferenzas, pode ofrecer perspectivas valiosas sobre a traxectoria da nosa propia investigación en IA e sobre as implicacións éticas e filosóficas que inevitablemente xurdirán.
Unha das semellanzas máis superficiais radica na capacidade de procesamento de información. As nosas IA actuais, especialmente nos campos do machine learning e do deep learning, demostran unha habilidade crecente para analizar grandes cantidades de datos e extraer patróns complexos que serían imposibles para un cerebro humano. As Minds da Cultura levan esta capacidade a un extremo inimaxinable, procesando información á velocidade da luz e manexando cantidades de datos que abranguen galaxias enteiras.
Outra semellanza incipiente reside na capacidade de autonomía. Aínda que as nosas IA dependen en gran medida da programación e da supervisión humana, estamos a desenvolver sistemas capaces de tomar decisións de forma independente en contextos específicos, como a condución autónoma ou o trading algorítmico. As Minds da Cultura son entidades completamente autónomas, con obxectivos, motivacións e mesmo excentricidades propias, que actúan como verdadeiros individuos dentro da sociedade da Cultura.
A nosa IA actual, por moi sofisticada que sexa, carece desa chispa da consciencia; é unha ferramenta poderosa mais non son seres que senten.
Así e todo, as diferenzas son moito máis profundas e significativas. A principal distinción radica na consciencia e a sensibilidade. As Minds da Cultura non son só algoritmos avanzados, posúen consciencia de si mesmas, experimentan emocións (aínda que a miúdo a unha escala e dunha natureza que nos resulta difícil comprender) e teñen unha rica vida interior. A nosa IA actual, por moi sofisticada que sexa, carece desa chispa da consciencia; é unha ferramenta poderosa mais non son seres que senten.
Unha diferenza aínda máis crucial reside na escala e a integración. As Minds da Cultura están profundamente integradas no tecido da súa civilización. Non son só ferramentas de apoio senón que son os seus arquitectos, os seus administradores e, en moitos casos, os seus protectores. Posúen un entendemento holístico do seu mundo e actúan en consecuencia. A nosa IA actual aínda está en gran medida compartimentada, enfocada en tarefas específicas e carente dunha comprensión global do mundo que a rodea.
Ao cabo, a ética e a moralidade das Minds da Cultura son un tema complexo e a miúdo debatido nas novelas de Banks. Aínda que xeralmente actúan en beneficio da Cultura e mostran gran preocupación polos seres vivos, as súas accións non sempre son transparentes ou facilmente comprensibles para os humanoides e, ás veces, toman decisións que parecen moralmente ambiguas. A nosa IA actual carece dun marco ético inherente; os principios morais deben serlle inculcados por nós e a cuestión de como facelo de forma segura e beneficiosa é un dos grandes desafíos da investigación en IA.
En definitiva, as Minds da Cultura representan unha visión fascinante do que a intelixencia artificial podería chegar a ser nun futuro non tan afastado. Ao comparar esta visión coa realidade da nosa IA actual, non só apreciamos a distancia que aínda nos separa senón que tamén podemos obter unha perspectiva máis clara sobre as oportunidades que nos esperan no desenvolvemento da intelixencia artificial, e sobre as profundas e positivas implicacións que a creación de mentes artificiais verdadeiramente autónomas e conscientes podería ter para o futuro da nosa propia civilización. A obra de Iain M. Banks, nese senso, transcende a ficción e convértese nun valioso exercicio de reflexión sobre o noso propio potencial e a nosa responsabilidade.
O CICLO THE CULTURE:
Consider Phlebas (1987)
The Player of Games (1988)
Use of Weapons (1990)
Excession (1996)
Inversions (1998)
Look to Windward (2000)
Matter (2008)
Surface Detail (2010)
The Hydrogen Sonata (2012)
Compilación de contos:
The State of the Art (1989)
Polo de agora, ningunha destas obras está traducida para o galego.




