[Este artigo é continuación de Jürgen Habermas: O legado político do último ilustrado (I)]
Democracia procedimental
Partindo de que o principio democrático supón que todos os destinatarios das leis han de poder asumirse como os seus autores, sería capital neste modelo a formación reflexiva e deliberativa da opinión e da vontade cidadás na participación pública. Cada suxeito non pode dar por válidas sen máis as súas primeiras preferencias, ao modo liberal, senón que tería que sometelas a un debate deliberativo cos demais. Isto daríase nos ámbitos diversos que conforman a opinión pública, dos máis informais aos máis institucionalizados, do espazo comúns entre persoas que se coñecen, aos medios diversos de comunicación, no ámbito dos partidos, sindicatos e asociacións, até o parlamento. O ideal que debería rexelo sería o dunha comunidade de deliberación na que os suxeitos desfrutan de posicións simétricas e de liberdade en que non hai outra coacción que a do mellor argumento. Sería o cumprimento desas estritas condicións o que proporcionaría lexitimidade ao seu resultado. Dese modo o cidadán autoclarificaríase sobre o que é realmente bo para el e para o conxunto. O cidadán non é, pois xa algo dado, pre-político, senón que se constitúe a través da súa mesma participación nos procesos de reflexión dialogal colectiva. Unha opinión pública así, racionalmente conformada, cuns suxeitos racionalmente auto-clarificados, pasadas as súas propostas polo filtro do que é válido e xeneralizable e o que non, trasladaría as súas posicións ao poder, e a través principalmente das formas do dereito, podería facer valer a súa orientación ás esferas económica e do poder.
É no campo do dereito e a política democrática no que a sociedade pode ser integrada, sexan cales fosen os seus plurais modos de vida, culturas e subculturas, crenzas ou ideais de vida boa.
Unha democracia así conformada non podería xa basearse en ningunha cultura única ou identidade. O desenvolvemento e complexización das nosas sociedades sobre o que xa significaba de por si a modernidade, especialmente intensificado nos últimos decenios, coa variación da súa composición, o seu carácter de multiplicidade cultural e étnica, tería como resultado que xa non fose posible pensar que unha cultura perfectamente definida, e case sempre mal entendida como algo puro, puidera ser o nexo de integración da comunidade, esixible a todo aquel que quixera incorporarse a ela. A integración nas actuais sociedades modernas xa non pode realizarse a este nivel. Aquela xa só pode darse no nivel xurídico e político. É no campo do dereito e a política democrática no que a sociedade pode ser integrada, sexan cales fosen os seus plurais modos de vida, culturas e subculturas, crenzas ou ideais de vida boa. Un nivel, pois, máis abstracto que o definido polas identidades. Só nel pode alcanzarse unha converxencia de entendemento e de valores que permitan que todos se vexan en posicións de igualdade e liberdade. A democracia neste sentido só pode ser procedimental. É a confianza no xogo normativo, debido ao simétrico lugar que concede a todos e ao feito de non estar constituído por ningún outro valor que non sexa o que garante o propio xogo democrático, o que permite a todos atopar nel o medio idóneo de participación no autogoberno da comunidade. En tal democracia a principal fonte de lexitimidade radica na garantía que a todos ofrece ese mesmo xogo. Se falamos de cultura, en conexión con isto, non pode ser outra que a cultura política que demanda a democracia mesma, os hábitos e virtudes do cidadán disposto a seguir aquelas formas de proceder. Unha cultura democrática, unha moral política enormemente esixente, se ben se mira. Por outra parte, as propias tradicións, a súa memoria histórica, os seus relatos, lendas e mitos poderían concordar en algúns aspectos con aquelas esixencias e proporcionarlles alento e arraigo.
Por suposto que isto sería no esencial unha construción normativa. Ás veces emprégase isto como unha crítica decisiva, como sinalando unha inxenuidade ou algo deste tipo. Habermas, xa o apuntamos, non sostén unha formulación normativa de carácter moralista, só baseada no atractivo duns valores, como aquilo que Marx criticaba aos socialistas utópicos. Para Habermas é vital que todo isto estea xa de entrada articulado ao que chama aprendizaxe dunha sociedade, ás estruturas da personalidade, ao desenvolvemento moral dos individuos, á evolución das institucións modernas. Particularmente ao que chama a racionalización do mundo da vida. Isto é, na modernidade, dunha maneira ou outra, tenderiamos a unha forma de individualización na que xa os ideais antes mencionados de autonomía e autorrealización subxacen ás nosas formas de vida. Queremos decidir por nós mesmos o noso futuro, individual pero tamén colectivo; temos unha actitude reflexiva sobre as nosas tradicións, non queremos que se nos impoñan sen máis, desexamos continuar unhas pero cambiar ou interromper outras. Aspiramos a ser responsables das nosas vidas, decidilas. O noso dereito na súa mesma formalidade transmite valores de (imparcialidade, equidade, xeneralidade, etc). O principio xeral de lexitimidade que se expresaría na evolución racional do dereito demanda que ningunha lei pode ser válida se non puidese ser aceptada por todos os afectados se puidesen participar na súa elaboración. As constitucións, o ordenamento xurídico, recollen principios e valores universais. A nosa moral tende a ser de tipo postconvencional, isto é, rexida por principios universais. Habería, pois, xa conformada nas nosas formas sociais e institucións, na formación dos mesmos suxeitos, unha base coa que enlazaría aquela construción normativa proposta.
Os Estados-Nación e a fase postnacional
Todos estes trazos fanse máis necesarios se cabe na situación política na que nos encontramos. Os Estados-Nación, entraran nunha fase xa postnacional (A constelación postnacional). Nela se atopan ante o desafío de proseguir as pautas universalizadoras, de integración en niveis superiores, que marcara a mesma constitución deses Estados-Nación. A construción histórica da nación, pois de ningún xeito esta é unha especie de ente natural, significara xa unha superación das fragmentación particularistas anteriores, unha forte unificación de lingua, de institucións e formas sociais; significara unha integración un pouco máis abstracta. As novas condicións demandarían agora un paso máis. No ente Estado-Nación producíase unha especie de divorcio ou tensión entre os dous elementos da súa composición. O primeiro, a nación, que impoñía unha integración en torno a costumes e formas de vida, pasaba agora a representar para o segundo, o Estado, na súa concepción republicana, un estreitamento ou lastre, pois este xa non podía responder a un colectivo que entre tanto se diversificara e xa non respondía á unificación inicial. A unidade política xa non podía ser obtida a través do construto histórico do macrosuxeito nación. Unha democracia nova, que elevara a potencia integradora anterior a un nivel máis abstracto, que era o mesmo que se conformara na racionalización do mundo da vida, si sería capaz de responder ás demandas da nova colectividade.
Os Estados nacionais xa non pode facer fronte aos diversos fins para os que xurdiron. Ningún Estado pode desde as súas fronteiras facer fronte aos novos problemas que aflixen á comunidade internacional.
Pero esta constelación postnacional conduce á necesidade tamén de conformar instancias de gobernanza transnacional, e de democratización das existentes (Zur Verfassung Europas, Sobre a Constitución de Europa). Os Estados nacionais xa non pode facer fronte aos diversos fins para os que xurdiron. Ningún Estado pode desde as súas fronteiras facer fronte aos novos problemas que aflixen á comunidade internacional: poderosos axentes económicos transnacionais, terrorismo, mafias internacionais, epidemias, emerxencia climática, fluxos de persoas impulsados por guerras, escaseza, catástrofes, etc. A seguridade, a prosperidade económica, a paz, o benestar xa non están ao alcance de ningunha soberanía nacional. Os lindes interior-exterior, nacional-internacional quedan esvaídos.
No referente ao plano internacional, Habermas detectaba tamén un proceso de aprendizaxe en certas pautas de condutas que viñan configurar a reclamación dun dereito cosmopolita. Isto é, un dereito xa non só internacional, senón un dereito que respondese, non tanto aos Estados soberanos, senón aos propios individuos con independencia do Estado a que pertenceran, que puidese ser reclamado a todo Estado. Desde a perspectiva destes individuos, a perda da presunción de inocencia dos suxeitos dos Estados nacionais, a concepción da guerra como un delito, o mesmo concepto xa acuñado de “crime contra a humanidade”, eran sinais da posta en marcha dese dereito cosmopolita. O concepto de cidadán do mundo tiña que empezar a deixar de ser mera formulación teórica, e chegar a cobrar incluso unha protección executiva.
O proxecto da Unión Europea, era para Habermas, o que mellor podía encarnar unha conformación política de goberno transnacional. Para iso era urxente un avance na unificación política, que seguía aínda nun estado embrionario. Pensaba que un impulso podería vir dunha unión en escala: nun nivel primeiro estarían todos aqueles países dispostos a avanzar nese proceso político, coa unificación de criterios fiscais, de réxime social, de áxiles tomas de decisión, etc. Nun segundo nivel quedarían os que non teñen aquela vontade o non se encontran aínda en condicións de dar o paso. O proceso político democrático tería que sosterse sobre a conformación urxente dunha esfera europea de opinión pública, de maneira que en cada país o debate político de medios e partidos integrara a perspectiva europea no debate das cuestións tamén domésticas. Sen ela non podería darse unha verdadeira democratización.
Non era este precisamente o rumbo que estaba a tomar o mundo, nin as democracias, nin Europa, nin en xeral o espazo internacional, asediados por forzas que ameazan con arruinar todo o que se fora construíndo a través de loitas sen fin. O ascenso xeral da ultradereita nos Estados e a correlativa neutralización das tan débiles como necesarias regulacións internacionais polas xa desatadas potencias desafían a precaria orde lograda.
Nese estado de cousas no son poucos, dun signo político e outro, os que tornan á dicta schmittiana e se lles aparece como ilusoria e inxenua toda outra perspectiva que non sexa cortada polo patrón da Realpolitik, sen querer admitir que baixo capa de realismo, adoita agocharse a inconfesada subordinación ao existente.
_______________
Artigo relacionado: Jürgen Habermas: O legado político do último ilustrado (I)





