O Escoitadoiro do Compostela Máis Solidaria puxo luz nas marxes

Santiago de Compostela acolleu entre finais de maio e comezo de xuño o VIII Compostela Máis Solidaria, un foro de proxectos e organizacións de cooperación ao desenvolvemento por un mundo máis xusto impulsado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, e que conta co apoio do Concello de Santiago a través da UAMI, a Unidade de Atención as Migracións.

Esta oitava edición pechouse cun Escoitadoiro, un espazo de encontro e conversa vagarosa de distintas realidades, próximas ou afastadas, de cooperación e compromiso. Unha actividade que xuntou persoas expertas pero tamén deu voz ás persoas implicadas para falar de traballo migrante, do feminismo do Sur global ou da cuestión palestina.

Esta última é unha das situacións máis dramáticas da actualidade -a pesar de que o conflito se remonta a oito décadas atrás-. Por iso tivo tamén o seu espazo no Escoitadoiro, da man da activista gazatí Sara Ashour, veciña de Compostela e membro da Asociación Galaico-Árabe Jenin, e de Felipe Noya, cooperante de Médicos do Mundo e unha persoa de alargada experiencia sobre a realidade de Gaza. Acompañounos Maruxa González Flores, integrante de SUG x Palestina e investigadora especializada en feminismo anticolonial da ESOMI. Gema Filgueira, presidenta de Médicos do Mundo en Galicia, guiou unha conversa que axudou ao público a comprender como está sendo a vida da poboación palestina na franxa de Gaza tras oito meses de guerra.  

A seguinte conversa da tarde permitiu coñecer os feminismos do Sur e a súa realidade cotiá. Este apartado contou coa activista feminista e ecoloxista Juana Ferrer, quen achegou as súas reflexións tras unha loita histórica na República Dominicana a prol do recoñecemento das mulleres do mundo rural. Tamén participou a directora executiva do Centro de Investigación para a Acción Feminina, Syra Taveras. Moderou esta conversa a coordinadora de Agareso, Lorena Seijo. A charla incluíu aspectos como os dereitos reprodutivos, de saúde, de diversidade, de mulleres rurais e campesiñas. Avaliouse o camiño feito ata agora, pero tamén os retos por diante e a necesidade de defender o acadado.  

Os coidados invisibles 

Adys Trujillo e Elisabeth Matute, representantes en Galicia do Sindicato de Trabajadoras del Hogar y los Cuidados SINTRAHOCU, xunto coa escritora e investigadora Zinthia Álvarez Palomino, introduciron a cuestión do traballo doméstico levado a cabo por mulleres migrantes, en ocasións de forma irregular. Nunha realidade onde o traballo feminino é hexemónico como é o traballo doméstico, así como os coidados, as mulleres migrantes son un colectivo con gran presenza pero decote escasa voz. Os traballos domésticos funcionan como unha alternativa laboral para mulleres en situación irregular, pero tamén para outras legalmente establecidas no Estado pero carentes doutra alternativa de ingresos. Durante a charla, a súa realidade saíu á luz: ausencia de oportunidades, trato degradante e abusivo e, por suposto, racismo. Pero tamén, na outra cara da moeda, empoderamento e capacidade de autoorganización. Finalmente, o Escoitadoiro pechouse cos versos de Luiza Mezinha Fernandes.

***

Felipe Noya, cooperante de Médicos do Mundo

Entrevista 

Felipe Noya, Médicos do Mundo Galicia 

“Do sistema sanitario gazatí non queda nada”

Felipe Noya, médico traumatólogo e cooperante de Médicos do Mundo, ten unha ampla experiencia e coñecemento da situación en Gaza, que compartiu no Escoitadoiro co tecido do movemento de cooperación galego. Achegaches ao Escoitadoiro a túa experiencia…  Coñezo o terreo. Médicos do Mundo leva traballando na zona máis de 20 anos. Estiven alí varias veces. O que fixen no Escoitadoiro foi trasladar impresións da situación actual, pero tamén do contexto que nos trouxo aquí.   Como era o sistema sanitario en Gaza antes da guerra? Que queda del?  Non queda nada. Ruínas. Era un sistema moi dependente polo bloqueo israelí. Non falo só dos hospitais e centros de saúde, senón da dependencia que había a respecto da vontade de Israel no acceso a auga, alimentos, electricidade…. Todo isto condicionaba moito a forma de xestionalo. Pacientes con doenzas complexas precisaban de permisos especiais para poder acudir a hospitais de Cisxordania: oncolóxicos, de diálise… Actualmente, moitos hospitais foron atacados directamente, incluso con pacientes dentro. A situación é de absoluto arrase.  

“Israel recoñece ter atacado centros de saúde, ambulancias, hospitais… Independentemente de cal sexa a causa deses ataques, as autoridades recoñécenos e xustifícanos de forma etérea polo que houbera neses hospitais. É unha clara vulneración do dereito internacional”. 

A situación en Gaza, xa antes da guerra, amosaba  algunha característica rechamante dende o punto de vista sanitario pola complexa situación que vivía?  Gaza non é unha terra inhóspita. Tiña unha infraestrutura máis ou menos adaptada ás circunstancias. O problema fundamental era que o sistema tiña pouca capacidade para dar resposta ao tipo de doenzas que precisan unhas instalacións que Israel interviña sen deixar desenvolver: oncoloxía, cirurxías complexas… Moitos profesionais altamente cualificados non podían saír polo bloqueo. A capacidade das autoridades para distribuír recursos sanitarios dependía de se o material podía entrar, o que condicionou moito as posibilidades de desenvolver un sistema normalizado. Os meus colegas médicos tiñan que solicitar permisos e permisos para cousas tan simples como saír para facer un curso de formación. A primeira acción de Israel, cando limitou o tráfico e o acceso á auga e luz, afectou primeiro aos pacientes vulnerables. Axiña comezou a escoitarse sobre mortes de neonatos en incubadoras, de pacientes de diálise… Era unha consecuencia directa do bloqueo, antes incluso de que comezasen a alagarse as unidades de urxencia baixo a chegada masiva de civís.   Israel utiliza a negación do acceso á saúde como unha arma máis de guerra?  Recoñecen ter atacado centros de saúde, ambulancias, hospitais… Independentemente de cal sexa a causa deses ataques, as autoridades israelís recoñécenos e xustifícanos de forma etérea polo que houbera neses hospitais. É unha clara vulneración do dereito internacional.  Desde o punto de vista medico e da cooperación, cales son as urxencias hoxe?  A inmediata, un alto o fogo definitivo e real. En segundo lugar, simultaneamente, que se permita o acceso a axuda humanitaria. No momento en que se criminaliza a axuda humanitaria prolóngase a agonía e desesperación. Este problema non xurdiu o 7 de outubro. Leva décadas.  

***

Sara Ashour, activista gazatí

Entrevista 

Sara Ashour, activista gazatí

“Israel quere conquistar a franxa de Gaza” 

Sara Ashour é unha moza palestina que reside en Galicia. Veciña de Compostela, é membro da Asociación Galaico-Árabe Jenin. No Escoitadoiro compartiu a súa experiencia entre dúas patrias.   A situación empeora en Palestina…  Está a ser cada vez máis difícil. O 7 de outubro estabamos todos en shock, pero non pensamos que a guerra fose chegar a tanto. Falo coa familia cada varios días a través de mensaxes. Falta comida, morre xente… Pero a xente resiste. Seguen resistindo co mínimo e comparten o que sexa.   A guerra empezou a partir do 7 de outubro. Pero se foi unha operación de castigo por aqueles sucesos, xa se prolongou moito máis do previsible. Cales son para ti os motivos de fondo?  Se o que sucede fose unha resposta ao que fixo Hamás, xa tería rematado. O obxectivo de Israel é rematar coa poboación de Gaza e conquistala, especialmente polo norte. É a zona onde está o porto. Desaloxaron a toda a poboación para o sur, e os que non marcharon matáronos. O porteiro da casa da familia de miña nai non quixo irse. A súa muller tendía a roupa no xardín e morreu por un dron. O corpo quedou alá, porque se o marido saía da casa tamén o mataban. Da xente que quedou, moita morreu. Eles controlan o norte e ninguén pode cruzar de volta. Cando desaloxaron a xente de Rafah dixéronlles que fosen para a casa. Que casa?  A xente está vivindo nas ruínas, con sabas a modo de ventá ou de porta.  

“Os palestinos convivimos. Os sionistas non queren convivencia, queren un Estado seu. Os altos cargos de Israel din que a solución en Gaza é unha bomba atómica”. 

 Parece difícil chegar á convivencia cun país punteiro en tecnoloxía militar que non ten reparo en probar en civís.  Os palestinos convivimos. Os sionistas non queren convivencia, queren un Estado seu. Os altos cargos de Israel din que a solución en Gaza é unha bomba atómica. Aínda que non esteamos de acordo coa solución de dous estados, imos aceptala. Só queremos acabar con este pesadelo.   Como valoras o recoñecemento de España do Estado palestino? Chega tarde? É dabondo?  Cando vin a felicidade do meu pobo ante o recoñecemento, para min foi moi bonito. É certo que non ten sentido vender armas, á vez, a Israel. Pero o recoñecemento foi unha medida necesaria.  Serían máis útiles sancións?  Gustaríame que se tomasen as mesmas medidas que se tomaron contra Rusia despois da invasión de Israel. Por que se veta a Rusia en Eurovisión pero non a Israel?  Os palestinos que residides en España sentídesvos escoitados?  Pola xente si, polas institucións non. Cando comezou a guerra, Pedro Sánchez reuniuse coa comunidade israelí, e despois coa comunidade musulmá, que non representa a Palestina. Non é un problema relixioso. Nós estamos a traballar coa Fundación Aragüaney en charlas en institutos. Queren escoitar a túa versión, as túas historias… Pero a nivel institucional, non importas.   Ti levas dende os cinco anos en Galicia. Como é medrar entre dous países?  É difícil. Saín de nena de Gaza. Meu pai puido estudar cunha beca en España. Doutorouse, conseguiu praza na universidade, e quedamos. É difícil medrar sen unha parte da familia, pero por sorte nós podiamos ir cada verán ata 2014. Meu pai botou oito anos sen ver a súa nai e irmáns. Perdes familiares e non podes sequera despedilos. Por sorte aquí recibíronnos ben. Sempre digo que son palestina-galega ou galega-palestina e Galicia será sempre a miña casa. Tivemos que escoller entre quedar alí sen saber o que pasaría ou marchar para ter unha vida digna.