Ten futuro a lingua galega?

Xustifícase seguramente a repercusión que tivo a sondaxe do INE porque por primeira vez o proceso de substitución tería dobrado a barreira do 50%, ao ser o castelán xa lingua maioritaria tanto no uso familiar como no laboral ou á hora de falar cos amigos. Pero o importante non é o corte do dato concreto, senón a tendencia que se vén observando desde hai moito tempo na situación sociolingüística de Galicia; unha tendencia que non é arriscado aventurar que non se vai torcer coa superación desta porcentaxe tan significativa. 

A xeira traza un desprazamento contundente do galego polo castelán, que vén de vello e que afecta a toda a poboación, pero sobre todo aos colectivos máis novos, o que adianta que a simple evolución negativa do saldo vexetativo pode levar este idioma á marxinalidade. 

Coa brevidade que impón esta colaboración, formularémonos dúas preguntas: cales son as causas do progresivo abandono do galego como lingua habitual e que futuro pode ter unha lingua como a nosa nun mundo global. Son preguntas dunha dimensión e complexidade que sabemos que non van recibir resposta suficiente, pero coas que pretendemos contribuír a un debate argumentado.        

Sobre a perda de protagonismo social da lingua galega e as súas causas 

Os indicadores que adoitan utilizarse para describir a situación social dunha lingua son a competencia, a lingua inicial, o uso e as actitudes; catro referentes que, en conxunto, permiten establecer unha imaxe fiable do idioma en cuestión, pero que demandan análises amplas, rigorosas e multidimensionais.  

No que se refire á lingua galega, dispoñemos de estudos abondos sobre a evolución deses indicadores que demostran que o proceso seguido nas últimas décadas non se pode reducir a titulares de trazo groso. Mesmo se pode aceptar que nalgúns aspectos se matizaron eivas históricas: na competencia melloraron os usos máis asociados á norma académica, como son a escritura e a oralidade formal, e nas actitudes explícitas a incorporación a ámbitos como a escola e a certos usos públicos tamén serviu de contrapeso á súa asociación sistemática con falantes e contextos socialmente minusvalorados, aínda que esta vinculación siga existindo de forma implícita en moitos comportamentos. 

Centrándonos na conduta lingüística, é obvio que tamén cómpre fuxir de simplificacións, porque hai colectivos moi diversos e non todos van na liña da castelanización, e porque as contornas e as finalidades comunicativas tamén son variadas e condicionan de distinta maneira a escolla de código por parte dos falantes. Pero, botando man do parámetro “uso habitual”, que é no que se refunden todas esas circunstancias, é evidente que a xeira traza un desprazamento contundente do galego polo castelán, que vén de vello e que afecta a toda a poboación, pero sobre todo aos colectivos máis novos, o que adianta que a simple evolución negativa do saldo vexetativo pode levar este idioma á marxinalidade. 

Poderiamos pescudar en matices e mesmo contrastar diverxencias puntuais entre distintas fontes e estudos, pero non é o lugar nin nos parece substancial. O máis relevante é preguntármonos sobre as causas, que entendemos que remiten a dous focos:   

  • O primeiro remítenos aos cambios producidos na sociedade galega. 

O paso da Galicia rural á urbana, a diversificación da sociedade, a apertura ao exterior non só por razóns migratorias, senón tamén de ocio ou estudos, o proceso de globalización progresiva que facilita o contacto físico e virtual etc. construíron un escenario totalmente diferente do que definira a Galicia tradicional. Un escenario aberto en todos os sentidos que complica a preservación de hábitos, costumes ou formas de comunicación que se transmitían de xeito tradicional naquel nicho ecolóxico-social e que agora demanda novas estratexias. 

  • O segundo refírese precisamente ás estratexias utilizadas. 

Os cambios aos que aludiamos no parágrafo anterior esixían reformular obxectivos e medidas para afrontar ese novo contexto, moi diferente e máis complexo, pero que ten a favor recursos que non existían antes: as institucións autonómicas e as ferramentas que leva asociadas, as posibilidades de aproveitar para causas diferentes as potencialidades dos medios e das distintas redes de comunicación que se foron xerando, unha sensibilidade social progresivamente importante cara a diversidade etc.  

As políticas asentadas exclusivamente sobre o principio da ‘harmonía lingüística’ poden ser un eficiente sedante, pero resultan inútiles para a causa que din defender. Por este camiño a lingua galega será ‘un problema transitorio’, como xa están constatando os últimos resultados do INE que suscitaron esta reflexión. 

E aquí é onde non houbo respostas axeitadas e, en consecuencia, onde procede denunciar responsabilidades: asentar a política lingüística nunha filosofía de equilibrio entre linguas desiguais promove inevitablemente a marxinación da minorada; restrinxila practicamente ao eido educativo, enténdase como incompetencia ou como estratexia deliberada, leva necesariamente ao fracaso; incorporar como lingua inicial unha de maior status dificulta inevitablemente apropiarse (facer propia) e mesmo aprender a de menor status; non reaccionar ante a progresiva marxinación da lingua galega en múltiples ámbitos naturaliza a súa invisibilidade… E así poderiamos seguir, porque as políticas asentadas exclusivamente sobre o principio da ‘harmonía lingüística’ poden ser un eficiente sedante, pero resultan inútiles para a causa que din defender. Por este camiño a lingua galega será ‘un problema transitorio’, como xa están constatando os últimos resultados do INE recollidos en 2021 que suscitaron esta reflexión. 

Sobre as posibilidades de futuro para o idioma galego 

Hai, sen dúbida, factores que complican este futuro: a deriva na que navega a lingua desde hai moito tempo, o contexto de globalización en que vivimos, a presión ambiental a favor de linguas francas ou unha sensación vaga pero cada vez máis xeneralizada de que as linguas minoritarias non serven ou mesmo estorban… E un contexto destas características tan orientado ao desánimo acompáñase ás veces da idealización dun pasado perdido como argumento exculpatorio dunha claudicación inevitable. 

Pero, aceptando as dificultades que ten todo o minoritario nun mundo aberto e intercomunicado, cómpre poñer en valor tamén as oportunidades que ofrece e afirmar con rotundidade que o global se pode construír desde o local, que as linguas propias de cada territorio son compatibles con códigos francos, e que ás dinámicas dominantes de darwinismo lingüístico se poden e deben confrontar outras de orientación ecolingüística.  

É posible, pero debemos decidir se queremos. E, partindo da hipótese de que queremos, cómpre asumir que ten que ser un compromiso colectivo do que turre unha política lingüística orientada a crear unhas condicións que permitan vivir con naturalidade en galego sen que iso produza estrañeza, xere tensión ou mesmo esixa compromisos extraordinarios. A partir de aí, benvida sexa a liberdade de opción e que cadaquén use a lingua que lle pareza.  

Para esa tarefa atrevémonos a formular algunhas ideas: 

  • Calquera planificación que pretenda ter posibilidades de éxito debe formular obxectivos claros, medidas coherentes con eses obxectivos e instrumentos que as fagan viables. 

Se nos centramos no sistema educativo, o único ámbito que foi obxecto dunha regulación sistemática, poderíanse discutir os obxectivos, pero a eiva principal está en que os instrumentos que se fixan (o canto e o cando do emprego de cada lingua) e os recursos que se poñen á disposición dos centros e dos docentes non son os acaídos para acadalos. Despois de máis de corenta anos de modelo lingüístico escolar este desaxuste está ben constatado, pero a chamada é aplicable a calquera outro sector sobre o que se pretenda actuar. 

  • Ningunha política lingüística pode ser eficaz se non abrangue todos os espazos de interacción social.  

Ata agora a acción institucional centrouse case exclusivamente na educación e as críticas externas tamén se focalizaron basicamente desde aí, pero hai outros moitos ámbitos de socialización (o familiar, o laboral, o do ocio…) con moita capacidade para asentar hábitos lingüísticos. O único intento de construír un marco de política lingüística multisectorial descansa esquecido nas gabetas da Xunta de Galicia; referímonos ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) de 2004. 

O principio de non discriminación entre as linguas que veu orientando a política institucional de maneira case ininterrompida só serve para consolidar as dinámicas dominantes. Tense dito moitas veces, pero cómpre reiteralo unha máis: tratar igual ao desigual non é garantía de equidade, senón reforzo da desigualdade xa existente. 

  • O principio de non discriminación entre as linguas que veu orientando a política institucional de maneira case ininterrompida só serve para consolidar as dinámicas dominantes. Tense dito moitas veces, pero cómpre reiteralo unha máis: tratar igual ao desigual non é garantía de equidade, senón reforzo da desigualdade xa existente. Neste sentido, non sobra lembrar unha humilde achega dos tempos en que se discutía o PXNLG, sintetizada na fórmula “por defecto, en galego”, que se propuña para a relación da administración cos cidadáns. 
  • É urxente e prioritario poñer o foco na poboación infantil e xuvenil, por seren os colectivos menos galeguizados, tanto no que se refire á lingua inicial como á habitual. 

Isto reclama actuar con decisión sobre os seus espazos de socialización preferentes, como son a familia, o lecer e a educación formal e informal, fornecendo ferramentas e recursos que faciliten o desenvolvemento en lingua galega das tarefas e das inquedanzas propias da idade. 

  • Seguindo co foco nos máis novos, consideramos necesario alertar sobre os riscos asociados ao papel que ás veces se defende para as familias en relación coa lingua da primeira escolarización dos seus descendentes, porque non hai ningún proxecto colectivo que se poida construír desde a libre opción individual. E isto non se debe confundir co lícito e defendible dereito a que cadaquén fale no que queira, senón a que ten que haber itinerarios compartidos se se quere construír comunidade.  
  • É moi importante para unha lingua minoritaria e que compite con outras de maior status que sexa a primeira no asentamento funcional. A razón é que non é doado que se engada unha lingua menos necesaria cando xa se dispón doutra ou doutras que abren espazos de comunicación superiores.  

Sen ignorar a importancia sociolingüística que ten en Galicia o colectivo dos neofalantes, non se pode esquecer que o seu valor é máis cualitativo ca cuantitativo, polo que nos parece imprescindible promover a transmisión da lingua galega nos primeiros banzos da socialización. 

  • Na psicopedagoxía das linguas diferénciase entre ‘adquisición’ e ‘aprendizaxe’; o primeiro acontece habitualmente coas linguas primeiras e/ou ambientais; o segundo é máis propio das linguas engadidas e/ou de aprendizaxe escolar.  

Seguindo co argumentado na alínea anterior, que o galego sexa o idioma primario na escola é unha achega para a súa visibilidade pero tamén para que a aprendizaxe doutras linguas funcione como suma e non como resta.  

  • Finalmente, cómpre superar as barreiras que a miúdo se constrúen arredor das linguas, aínda que sexa como estratexia de autodefensa. As linguas son instrumentos de comunicación e non son responsables dos usos que fan delas os seus falantes.  

O anterior é aplicable a calquera ámbito social, pero, pensando de novo no escolar, significa que a colaboración interlingüística pode facilitar a aprendizaxe das linguas, a superación de prexuízos e a dignificación de todas elas. Só fai falta que esta colaboración sexa respectuosa e atenda á situación social de cada idioma. 

Todo o dito ata aquí pretende situarse na defensa dunha coexistencia na diversidade, moi afastada de monolingüismos serodios. Pero máis alá de opcións individuais ou circunstanciais, non se pode esquecer que unha lingua minoritaria só se xustifica se é o instrumento de comunicación habitual no seu territorio, xa que calquera outra fórmula só servirá para consolidar o seu desprazamento por outra ou outras de maior status. 

Pretender que o galego siga sendo lingua de referencia en Galicia non só é compatible co obxectivo de avanzar nunha cidadanía con competencia plurilingüe, senón a única opción para que este plurilingüismo sexa inclusivo, porque, como canta Sés, “ninguén pode amar o alleo se non estima o que ten”. 

A defensa da diversidade lingüística pasa, xa que logo, polo apoio explícito ás variedades recesivas, como sucede con calquera especie no mundo natural ou con calquera creación humana que se considere merecente de sobrevivir. Pretender que o galego siga sendo lingua de referencia en Galicia non só é compatible co obxectivo de avanzar nunha cidadanía con competencia plurilingüe, senón a única opción para que este plurilingüismo sexa inclusivo, porque, como canta Mª Xosé Silvar (Sés), “ninguén pode amar o alleo se non estima o que ten”.