Un relato sobre o PSG: memorias dun “militante de aluvión”

As claves dun “fracaso”

Nestes días de calor abafante caeu nas miñas mans un libro, cun título bastante longo, Unha historia mínima do Partido Socialista Galego, o socialismo democrático no nacionalismo galego: da clandestinidade ás primeiras eleccións autonómicas (1963-1981), publicado por Companha Editora (2026), que, pola miña condición, no seu día, de «militante de aluvión» do PSG e de ser un dos que finalmente «se foron ao PSOE», espertou unha certa curiosidade, ademais de traerme algunhas nostalxias e saudades de antigos compañeiros e amigos xa desaparecidos (q. e. p. d.), como Ceferino Díaz, Fausto Dopico, Xosé L. Rodríguez Pardo, Manolo Caamaño, Mario Orxales, Francisco G. Amadiós, Salvador García-Bodaño, Valentín Arias, Salvador Rei, Bonifacio Borreiros, Ramiro Fonte, Antón Louro… e algúns outros dos que lamento non lembrarme neste momento.

Entrando en materia, quero comezar dicindo que, na miña equipaxe ideolóxica e tamén na formación política, o PSG (Partido Socialista Galego) ocupou un papel fundamental, entre outras razóns porque me axudou a conciliar a formación teórica —de base marxista— coa realidade social na que un vive —neste caso, Galicia—. Algo que Karl Marx nos aconsellaba en practicamente todos os seus traballos e estudos. Quero tamén engadir que son da opinión de que o «fracaso» do PSG marcou o devir político de Galicia, deixando un baleiro que, deica o día de hoxe, ningunha outra forza política foi quen de cubrir axeitadamente, coas consecuencias coñecidas, como a dun longuísimo dominio das dereitas galegas.

Un «fracaso» no que interviñeron factores varios, tanto externos como internos, pero que, en non poucos casos, se repetiron posteriormente noutras organizacións políticas galegas que tentaron ocupar o mesmo espazo, traendo á memoria a historia do PSG.

Na procura de conquistar o seu propio espazo político en Galicia, o PSG optaría por dúas alianzas políticas que resultaron negativas, aínda que a priori parecesen moi atractivas.

Entrando en materia, quero empezar puntualizando que o PSG, como organización política, hai que encadralo ideoloxicamente no campo da socialdemocracia, do socialismo democrático na súa vertente clásica —«o noso socialismo… non é nacionalista polo que a Galicia se refire, mais na conciencia do que significa ser socialista»—, que o vello Friedrich Engels deixara escrito no prólogo dun dos últimos traballos de Karl Marx —A loita de clases en Francia—, e onde sinalaba con toda claridade que «os elementos revolucionarios prosperan máis empregando medios legais, é dicir, cando entran no xogo político, no parlamentarismo, que cando usan medios ilegais ou subversivos». En definitiva, o PSG defendeu sempre a vía democrática ao socialismo sen por iso deixar de tentar enlazar esta visión co galeguismo de esquerdas («un socialismo coas raíces na terra») e o federalismo («a alianza cos outros pobos do Estado español»). Unha simbiose nada fácil, pero que durante anos tivo un acollemento favorable, especialmente entre as clases medias e intelectuais urbanas e sectores do mundo agrario e pesqueiro máis populares, sendo, polo contrario, entre as clases traballadoras urbanas onde lle resultaría máis difícil. Un déficit, este último, que acabaría sendo mortal, pois deixaría o camiño libre á penetración neste espazo dun rival político-ideolóxico como era o PSOE, neste caso grazas á UGT. Un déficit nunca recoñecido, froito da carencia dunha estratexia xenuinamente sindical para as clases traballadoras. Entre os meses de xaneiro e febreiro de 1977 houbo no seo do PSG un debate intenso e duro sobre a materia, no que destacarían dúas posturas claramente diferentes: a que defendía unha aposta sindical clara, focalizada neste caso na USO, e a que apostaba por unha difusa Fronte dos Traballadores. Como é sabido, saíu triunfante esta última, o que, como se fixo evidente a continuación, sería unha das razóns da débil implantación do PSG nos núcleos industriais de Vigo e Ferrol. Como sucedeu ao longo da historia, cando un partido socialista non conta co apoio das clases traballadoras do seu país, non é quen de ter un papel relevante na sociedade e acaba esmorecendo.

Esta carencia dunha forte base traballadora sería compensada, parcialmente, polo menos ata as eleccións xerais de 1977, polo indiscutible atractivo que tiña Xosé Manuel Beiras entre as clases populares galegas, o principal activo político do PSG. Un atractivo que, como se demostraría nas citadas eleccións, non sería suficiente para confrontar electoralmente co PSOE en Galicia, a pesar de que este carecía de referentes cun mínimo nivel político, pero que sería compensado polo atractivo que seguían tendo as siglas PSOE.

Na procura de conquistar o seu propio espazo político en Galicia, o PSG optaría por dúas alianzas políticas que resultaron negativas, aínda que a priori parecesen moi atractivas. A primeira sería o chamado Consello de Forzas Políticas Galegas (1976); a segunda, a Federación de Partidos Socialistas (1974). A primeira tiña como marco político de referencia «a ruptura co franquismo», que, desde o punto de vista democrático, non carecía de razóns e lóxica políticas. Na práctica, aparecía como inviable, dada a correlación de forzas nese momento, que maioritariamente apuntaban a unha «ruptura pactada» coas forzas máis liberais do vello réxime franquista. Por se isto non fose suficiente, desde o primeiro momento se fixo evidente que a convivencia entre as forzas do Consello ía ser moi difícil, entre outras razóns polo elevado sectarismo dunha UPG que se negaría en redondo a buscar alianzas coas demais forzas democráticas que tiñan as súas plataformas, o que provocaría que o CFPG tivese unha vida moi curta, pois ese mesmo ano (1976) se disolveu. Un fracaso político que lle pasaría factura ao PSG, que, co tempo, tiña que ver como as plataformas a nivel estatal —Junta Democrática, nucleada en torno ao PCE, e Plataforma de Converxencia Democrática, en torno ao PSOE e ás distintas familias democratacristiás— se fusionaban (marzo de 1976) nunha soa asociación, Coordinación Democrática, que sería coñecida popularmente como a Platajunta e que aparecía como o principal referente democrático antifranquista. Un escenario do que o PSG quedaba excluído, ao tempo que o seu rival ideolóxico (PSOE) se fortalecía. Un illamento que tería grandes custos políticos e electorais, como o tempo se ocuparía de demostrar.

Cómpre destacar que no seo do PSG houbo, nos meses previos ás eleccións xerais, un forte debate sobre as posibles alianzas: mentres un sector era partidario de ir en solitario, outro sector defendía a procura dunha alianza co PSOE —na liña do que se sabía de Catalunya, onde o PSC iría en alianza co PSOE desa comunidade—.

Por se isto non fose suficiente, a Federación de Partidos Socialistas (FPS) non correría mellor sorte. Esta Federación, creada no ano 1976, tiña os seus antecedentes tanto na inicial Coordinadora Socialista Federal Ibérica (1964) como na posterior Conferencia Socialista Ibérica (1974), e tiña como obxectivo federalizar a unión de todas as organizacións socialistas nacionais e rexionais. Pero a inicial negativa do PSOE a disolverse na CSI e a propia realidade da FPS, na que as únicas forzas políticas realmente relevantes a nivel autonómico eran o PSC (Catalunya), o PSPV (Valencia) e o PSG (Galicia), á parte das claras diverxencias, tanto sobre a natureza da propia FPS como da relación co PSOE, xunto con indiscutibles ambicións persoais, levaron a que a FPS tivese unha vida política curta e apenas relevante, para acabar disolvéndose apenas un ano despois, en 1977.

Neste difícil escenario sería no que o PSG se presentaría ás eleccións xerais de xuño de 1977, co resultado coñecido de non conseguir representación parlamentaria e obter apenas 27.000 votos (2,7 %), mentres o seu rival en Galicia (PSOE) sacaba tres deputados e 175.000 votos (15,6 %). O electorado galego dáballe as costas ao PSG e optaba polo PSOE como representante da socialdemocracia en Galicia. Cómpre destacar que no seo do PSG houbo, nos meses previos ás eleccións xerais, un forte debate sobre as posibles alianzas: mentres un sector era partidario de ir en solitario, outro sector defendía a procura dunha alianza co PSOE —na liña do que se sabía de Catalunya, onde o PSC iría en alianza co PSOE desa comunidade—. Este último sector estaba convencido de que iso non ía supor unha disolución do PSG no PSOE, dada a grande diferenza que había a nivel de cadros políticos e de programas a prol do PSG, ademais de que este contaba cun líder político (Xosé Manoel Beiras) que non tiña rival. Finalmente, triunfaría a primeira opción, a de ir en solitario, cos resultados citados, mentres, pola súa parte, o PSC sacaba 15 deputados e, ao superar os 870.000 votos, sería a forza máis votada en Catalunya, o que poñía en evidencia o acertado da súa alianza co PSOE.

Que tería pasado en Galicia se finalmente no PSG triunfase a opción que apostaba por ir en alianza co PSOE?

A realidade foi que as eleccións xerais de xuño de 1977 foron o canto de cisne do PSG, que, para maior desgracia, tivo que ver como o seu principal líder e referente político (Xosé Manoel Beiras) quedaba fóra de xogo por unha cruel e inesperada doenza. O sucedido a continuación destas eleccións xerais, na miña opinión, carece de interese. Simplemente, cómpre dicir que o PSG desapareceu da escena política e o seu lugar no espazo do socialismo democrático foi ocupado en Galicia pola Federación Galega do PSOE.

Así o vivín e así o conto. Deixo aí unha serie de feitos que espero que sirvan para entender por que o PSG non foi quen de callar en Galicia como tería sido desexable. Alguén pode pensar que era inevitable que pasase e outros, polo contrario, pensamos que foi todo un cúmulo de erros políticos o que nos levou a ese final. Pero non busquedes culpables porque non os houbo.