Nos próximos días do mes de xullo está convocada unha manifestación diante do Tribunal Supremo por parte de tres asociacións xudiciais e dous de fiscais (todas menos as progresistas Xuízas e Xuíces para a Democracia e a Unión Progresista de Fiscais), así como tres días seguidos de folga. Protestas que esas asociacións profesionais condicionan á retirada íntegra da reforma das carreiras xudicial e fiscal promovida polo Goberno e en trámite no Congreso dos Deputados/as.
O proxecto de lei orgánica para a ampliación e fortalecemento das carreiras xudicial e fiscal, que así se chama, foi publicado no boletín oficial do Congreso do pasado vinte e dous de maio. Xa que logo, o primeiro que chama a atención é a rapidez das asociacións para convocar as protestas, posto que o primeiro paro tivo lugar o pasado once de xuño. O segundo que chama a atención é a esixencia da retirada íntegra dunha reforma en fase de tramitación ante o poder lexislativo. O terceiro é a falta, por parte desas asociacións profesionais, de críticas construtivas ao contido da reforma. As asociacións xudiciais e fiscais que convocan as protestas parece que simplemente consideran que todo debe seguir como ata o de agora e que non hai nada que mudar no eido das carreiras xudicial e fiscal. Con esa esixencia de retirada íntegra do proxecto de lei parecen entender que o que atinxe as carreiras xudicial e fiscal queda extramuros do poder lexislativo, ou que os deputados e deputadas só poden lexislar co seu consentimento expreso ou tácito.
O proxecto de lei pretende mellorar a igualdade e a transparencia na preparación do acceso as carreiras xudicial e fiscal.
A postura das asociacións que convocan as manifestacións e a folga tamén se estende ao recente anteproxecto de lei co cal o Goberno pretende modificar o Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal. Unha reforma relacionada cun novo modelo do proceso penal no que as tarefas de investigación corresponderán o Ministerio Fiscal na liña dos países do noso entorno xurídico.
Sexa como for, neste artigo voume centrar na primeira das reformas referidas, xa en trámite como proxecto de lei orgánica. Así mesmo vou intentar explicar tres das cuestións que, para sorpresa de moitos, máis rexeitamento provocan nas asociacións que convocan as medidas de protesta. Tres cuestións -todas relacionadas co acceso as carreiras xudicial e fiscal- que, como poderán comprobar, están lonxe de supoñer un risco para o Estado de dereito ou para a independencia xudicial, como repiten as asociacións convocantes.
En primeiro lugar, o proxecto de lei pretende mellorar a igualdade e a transparencia na preparación do acceso as carreiras xudicial e fiscal. A día de hoxe a preparación das probas desenvólvese a partir da figura dos “preparadores”, os cales son integrantes desas carreiras que elixen os opositores/as e dirixen o seu adestramento. Polo tanto, ata o de agora temos un sistema de preparación xestionado, por regra xeral, de xeito privado polos propios “preparadores” e sen a suficiente transparencia. Tamén sen a garantía de que calquera opositor/a poida atopar quen o prepare. Atopar un preparador/a depende hoxe, en boa medida, dos contactos persoais ao non existir un sistema público que se ocupe desas tarefas.
O proxecto introduce máis igualdade, transparencia e o fin da preparación do acceso as carreiras xudicial e fiscal como unha actividade exclusivamente privada.
Ante esta situación, a reforma, por unha banda, establece axudas públicas para a preparación coa garantía dunha cantidade de polo menos o SMI. En segundo lugar, a reforma obrigará a solicitar aos preparadores/as a compatibilidade en todo caso, para o cal se establece un rexistro público no que terá que figurar quen se dedique a esas tarefas. En terceiro lugar, a reforma instaura tamén un sistema público para a preparación das probas de acceso a través dun organismo autónomo (Centro de Estudios Xurídicos da Administración de Xustiza) e coa previsión de que poida estender as súas actividades ao longo de todo o territorio do Estado.
Como pode verse, o proxecto introduce máis igualdade, transparencia e o fin da preparación do acceso as carreiras xudicial e fiscal como unha actividade exclusivamente privada.
O segundo gran reto da reforma, no relativo ao acceso as carreiras xudicial e fiscal, é a modificación das probas previstas na oposición libre. Ata o de agora os opositores/as tiñan que superar un test e dúas probas orais, nas cales “cantan” -isto é, repiten de xeito memorístico- varios temas extraídos ao azar. Dende logo o actual sistema pode medir a memoria e a capacidade de sacrificio despois de catro ou cinco anos -de media- preparando o extenso temario, e repetindo os temas unha e outra vez, semana tras semana. Pero, máis alá dos riscos dese longo illamento de anos de estudo en soidade, o sistema actual non valora as fundamentais capacidades que un xuíz/a ten que amosar no seu traballo: a habilidade para elaborar argumentos xurídicos e para escribir de xeito comprensible para a cidadanía; a capacidade para interpretar probas e normas xurídicas; e o coñecemento do alcance social, e para as partes, dos conflitos que se lle someterán a súa decisión.
Para avaliar estas capacidades o proxecto de lei substitúe unha das dúas probas orais por unha proba escrita, a cal consistirá na resolución dun ou de varios casos prácticos. Ademais introduce a garantía do carácter anónimo deses casos prácticos, e, tamén como novidade, recolle o rexistro da proba oral para que existan posibilidades reais de impugnación no seu caso.
Polo tanto, neste segundo punto o proxecto introduce máis garantías, e tamén unha máis completa avaliación das habilidades, na liña do que xa se fai noutras oposicións.
En terceiro lugar, o proxecto de lei establece un proceso extraordinario para acabar co abuso da temporalidade nas carreiras xudicial e fiscal. Nestas veñen actuando de xeito regular, segundo os cálculos do Ministerio do ramo, máis de mil xuíces/as e fiscais substitutos/as. Moitos levan anos nesa situación de precariedade, a cal, por exemplo, limita ou dificulta o seu acceso a formación e a prevención de riscos, ou non lles permite desenvolver outro traballo durante o período no que non atenden unha substitución. A todo iso engádese que estamos ante un colectivo formado sobre todo por mulleres, co cal pode existir unha discriminación por esa condición.
O problema actual dos xuíces/as e fiscais substitutos/as non é só un problema de posible abuso da temporalidade no emprego público […], tamén afecta á independencia xudicial e a calidade do servicio público da xustiza.
Neste contexto o proxecto de lei recolle un proceso extraordinario, cunha fase de oposición e unha de concurso, e aberto a outros xuristas máis alá dos citados xuíces/zas e fiscais substitutos/as. E certo, por outra banda, que a solución que o proxecto de lei propón para corrixir o problema da temporalidade no eido das carreiras xudicial e fiscal ten unha boa marxe de mellora. Por iso dende Xuízas e Xuíces para a Democracia, en vez de convocar folgas e manifestacións, optamos por propor melloras na reforma proxectada. Todo isto para que a eliminación da situación de precariedade na que se atopan os xuíces/as substitutos/as non diminúa as lexítimas expectativas profesionais, en especial das promocións máis recentes e dos actuais opositores/as. Nesta liña propuxemos, por exemplo, o incremento das prazas nas convocatorias da oposición libre e da cuarta quenda, o cal tivo en principio unha positiva acollida por parte do Ministerio. Tamén solicitamos unha avaliación real do mérito e da capacidade na solución que poida darse ao problema da temporalidade na carreira xudicial e fiscal.
Polo demais é certo que nin a coñecida cláusula 5 do Acordo Marco da Directiva 1999/70/CE, nin a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), establecen unha solución normativa única e pechada para combater a excesiva temporalidade no emprego público, e tampouco no caso das carreiras xudicial e fiscal. Pero ao que si obriga a citada normativa da UE, e a xurisprudencia do TXUE, é a adoptar medidas efectivas cara a remediar o abuso na temporalidade.
A maior abastanza, o problema actual dos xuíces/as e fiscais substitutos/as non é só un problema de posible abuso da temporalidade no emprego público, o que xa esixiría unha pronta solución. Manter o actual sistema, e isto non debemos esquecelo, tamén afecta á independencia xudicial e a calidade do servicio público da xustiza. Temos así, por exemplo, os actuais déficits de transparencia no funcionamento das bolsas de substitutos/as, así como as dificultades para a especialización ante a súa constante mobilidade entre os distintos ordes xurisdicionais.
É moito o que está en xogo con esta lexítima reforma das carreiras xudicial e fiscal, a cal ten contidos moi positivos e tamén algúns mellorables. Polo tanto, é o momento da responsabilidade e das achegas e críticas construtivas ao proxecto de lei, de xeito que se reforce a confianza da cidadanía no servizo público da xustiza. Pola contra, cando temos a oportunidade dunha modernización das carreiras xudicial e fiscal, non parece o momento do inmobilismo, nin da instrumentalización partidista da xustiza. Porén, isto é o que parece motivar a folga de xuíces/as e fiscais que a cidadanía, coido que un tanto estupefacta, terá que presenciar neste mes de xullo. Nesta situación sería desexable que as asociacións xudiciais e fiscais que convocan a folga e as protestas abandonasen a posición de confrontación cos órganos constitucionais titulares do poder lexislativo.





