Nas palabras de Chus Pato na entrevista de decembro de 2024, advertíase unha posición de, como mínimo, prevención respecto do que a poeta cualificaba de intervención “imperialista” respecto do quefacer poético. En realidade, ben se podería dicir que non se trata dun cualificativo para o que non falten argumentos nin tampouco precedentes. E non só desde a perspectiva poética. Tamén outras artes, e mesmo a ciencia, teñen visto con receo a inclinación prescriptiva de certos discursos filosóficos sobre as prácticas dos artistas e dos científicos: quen son eses filósofos para nos dicir a nós, artistas e científicos, en que consiste o bo facer estético ou onde está a liña divisoria entre a “verdadeira” ciencia e as pseudociencias?
O primeiro é constatar que resulta difícil soster que as fronteiras de xénero clásicas entre “poesía” e “prosa” actuaran coma un espazo de escisión para o logos filosófico.
Mais, unha vez constatado que os receos non se restrinxen só ao eido poético, nestas notas, que carecen de pretensión exhaustiva e son apenas uns apuntamentos de lecturas brevemente comentadas, falarase das relacións entre filosofía e poesía. O primeiro é constatar que resulta difícil soster que as fronteiras de xénero clásicas entre “poesía” e “prosa” actuaran coma un espazo de escisión para o logos filosófico. Entre os primeiros filósofos -os chamados presocráticos- hai algúns, nomeadamente Parménides, que fixeron uso expreso da poesía, sen que poida dicirse que, ao facelo, deixara de facer filosofía. Os textos aforísticos de Heráclito a miúdo foron interpretados como próximos ao falar poético, se é que tal distinción -que Platón e Aristóteles xa teorizarán expresamente- fose pertinente no intre en que foron escritos. E, naturalmente, entre os antigos destaca a figura sobranceira do poeta latino Lucrecio que, no seu De rerum natura, recorreu á poesía para difundir as ideas do hedonismo epicúreo.
George Steiner: a poesía do pensamento
O polímata George Steiner, en La poesía del pensamiento. Del helenismo a Celan (Siruela, 2012), defende unha unidade esencial entre o discurso filosófico e poético en tanto que os dous, contra a interpretación tópica segundo a cal o primeiro sería eminentemente racional (logos) e o segundo irracional (a-logos), non só participan dun obvio común instrumento, a linguaxe, senón que ambos os dous se ven empurrados a, por así dicir, converter ese instrumento no obxecto da súa pescuda, moitas veces forzándoo a desvelar as súas dimensións máis veladas, máis opacas á recepción interpretativa. De feito, asenta Steiner, poesía e filosofía non son senón as dúas expresións, historicamente codificadas, dun dualismo inexistente: o que opón forma e contido. Se aparentemente o xénero poético é a manifestación máis expresa do predominio formal (non hai poesía sen medida, sen ritmo, sen a música das palabras), o texto filosófico denotaría un menosprezo da forma porque a esixencia do pensar, non só non requiriría os límites formais que a poesía impón, senón que estes derivarían nun atranco para o rigor no dicir que o pensar impón. Contra iso, Steiner asegura que a dimensión formal (que, en tanto que distinta do “contido”, non é máis que o resultado dunha operación analítica, non unha calidade separable por si mesma) sempre está presente e determina o valor (incluída a atribución de significado) de toda mensaxe lingüística. Mais, tamén o valor do pensar, é dicir, o coñecemento que atribuímos aos discursos filosóficos, non son alleos á forma da que foron dotados. E, por iso mesmo, a poesía constitúe unha forma de coñecemento ou, o que é mesmo, ningún auténtico poema é só forma baleira ou “pura”, senón que é sempre unha forma de coñecemento do mundo que comeza na indagación da palabra mesma en tanto que obrigada mediación entre o pensar e o real.
A poesía constitúe unha forma de coñecemento ou, o que é mesmo, ningún auténtico poema é só forma baleira ou “pura”, senón que é sempre unha forma de coñecemento do mundo que comeza na indagación da palabra mesma.
Alain Badiou: da incompatibilidade entre o poeta e a polis
Mais, se iso é así, podemos preguntarnos nós, froito serodio da civilización grega que nos legou tanto o logos filosófico coma a tradición poética (de Homero e Safo a Dante, de Goethe a Rosalía) que alimentan o noso acervo cultural, por que o vello Platón decidiu expulsar aos poetas da súa República? Obviamente é ese o intre fundacional da tese sobre a escisión entre a irracionalidade do poeta e a intransixente racionalidade do filósofo. Alain Badiou, filósofo que se move nunha liña converxente coa de Steiner, os dous debedores do influxo heideggeriano (entre os principais textos de Heidegger sobre poesía: Arte y poesía, FCE, varias edicións; ¿Para qué poetas?, UNAM, 2004; Interpretaciones sobre la poesía de Holderlin, Alianza Editorial 2016) ten concedido unha especial atención a este momento en varios dos seus textos (L´âge des poètes, Presses Universitaires-Paris Nanterre, 2014; Que pense le poème? Nous, 2016).
A incompatibilidade entre o poeta e a polis inscribiríase, salienta Badiou, en que a “verdadeira política” só é posible en tanto a subxectividade colectiva é protexida do “encanto poderoso do poema”.
A incompatibilidade entre o poeta e a polis inscribiríase, salienta Badiou, en que a “verdadeira política” só é posible en tanto a subxectividade colectiva é protexida do “encanto poderoso do poema”, sen o cal a cidade non pode ser regulada de acordo coa esixencia do “concepto”, propio do logos. E isto é así porque non hai concepto sen mathema que, como é sabido, é o banzo que permite á razón superar a dependencia da mímese, é dicir, da sensorialidade, e erguerse ata a dialéctica e o saber puramente eidético. A lei da República só é xusta en tanto que expresión dese saber. Vémonos abocados, logo, ao mesmo dilema (logo, segundo vimos, revelado como falso dilema) do que partiu Steiner, aínda que o que naquel era a oposición forma (poema) / contido (pensamento) aquí pasa a ser o impensado (poesía) fronte ao pensable ou conceptuable (mathema): “… o poema é un pensamento impensable. Mentres que a matemática é un pensamento que se escribe inmediatamente como pensamento, un pensamento que non existe máis ca en tanto que é pensable”.
Pero Badiou salientará que o propio Platón nunca puido ser de todo consecuente coa súa esixencia de proscrición do intuitivo (o non discursivo, dianóico, matematizable) no pensar filosófico: “… aló onde está en xogo a apertura do pensamento ao principio do pensable, cando o pensamento debe absorberse na suxeición de aquilo que a institúe como poema, velaí que o propio Platón somete a lingua á potencia do dicir poético”. E neste punto o filósofo francés entronca coa tradición hermenéutica contemporánea (de novo o influxo poderoso de Heidegger) que ve na primacía do mathema en Platón unha ruptura (ruptura non de todo consumada, como vemos, e velaí o Platón do Banquete ou do Ión) co pensar orixinario do logos presocrático a favor da cesura pitagórica. Para Badiou esta inconsecuencia, ou indecisión, platónica tería definitivamente desaparecido na modernidade, onde por unha parte o poema ten asumido o “deber do pensamento”, sometendo o desexo e a sensaorialidade ao réxime da necesidade, mentres que o espazo do mathema, é dicir, o logos matematizado (non outra cousa é a ciencia contemporánea), a partir dos teoremas de Cantor, Godel e Cohen, recoñece unhas aporías que fan imposible o ideal da axiomática formal platónica. Dese xeito, Badiou poderá falar dunha “idade dos poetas” (o século XX) na que o rigor (ou, mellor que rigor, a fondura ou radicalidade) do pensar metafísico acadaría a súa expresión máis acabada nos “poetas metafísicos”, que el identifica en seis grandes figuras: Mallarmé, Rimbaud, Trakl, Pessoa, Mandelstam, Celan.
De Heidegger e Celan a María Zambrano e Valente
En todas estas referencias -Heidegger, Steiner, Badiou-, o filósofo fala sobre a poesía, e mesmo fala de poetas e de filósofos poetas (algo menos), pero os poetas receosos do “imperalismo” filosófico (por caso, Chus Pato) poderían con razón dicir: son sempre poetas mediados pola interpretación dos filósofos. Mais, que din os poetas mesmos? Produciron as palabras destes filósofos algún efecto na palabra poética? O célebre encontro de Celan e Heidegger podería moi ben ser invocado a xeito de refutación desa suposta capacidade. Certo, a forma en que ese encontro (desencontro?) se produciu permanece aberta a moitas reconstrucións, mais as palabras escritas polo poeta no libro de citas da cabaña de Todtnauberg, onde pasou unha noite convidado polo filósofo, oriéntanse máis cara a unha lectura decepcionada por parte do poeta, ca non a un espazo de recepción enriquecedora:
neste libro a liña escrita sobre unha esperanza hoxe
que dun pensador veña unha palabra do corazón
Esa esperanza frustrada nunha palabra que endexamais chegou é decote interpretada no sentido de que o poeta xudeu que escapou dos campos de exterminio nazis, onde pereceu case toda a súa familia, agardaba do mestre alemán que caera baixo a funesta atracción hitleriana un sinal (e atoparlle a este substantivo un adxectivo -“redentor”, “reconciliador”, “sandador”- é xa unha operación que, para escapar da súa evidente insuficiencia, precisaría da intervención reveladora do propio falar poético) que lle foi negado.
María Zambrano: a razón poética
Nunha liña en boa medida converxente con Badiou e Steiner (e, a partir deles, tamén Heidegger) podería ser contemplada a “razón poética” de María Zambrano (Filosofía y Poesía, Fondo de Cultura Económica, 1996; Claros del bosque, Cátedra / Alianza Editorial, ed. orix. 1977). Tamén na pensadora malagueña hai un chamado a retornar ao logos presocrático, onde a escisión entre o falar poético e o discurso filosófico aínda non se tería producido. Mais, a diferencia dos devanditos, en María Zambrano si pode constatarse un influxo expresamente asumido por parte dos propios poetas. É ben coñecida a amizade que vinculou á filósofa nos seus últimos anos (que tamén foron os do poeta, morto prematuramente) co gran poeta galego (aínda que maioritariamente escritor en castelán) José Ángel Valente e, a través del, coa corrente chamada da poesía do silencio. Tanto a filósofa coma o poeta deixaron constancia da mutua admiración e Valente atopou na súa obra un espazo onde, non só recoñecerse, senón dar unha nova reformulación a esa poesía do silencio que xurdira na posguerra española como reacción á poesía “social”, a cal chegara a ser vista como unha ineludible responsabilidade civil do poeta fronte ao silencio imposto pola ditadura franquista. Nada ten que ver, desde logo, o silencio reivindicado por Zambrano e Valente co silencio imposto do réxime, senón cun exercicio de depuración da palabra poética, que fuxe de todo adorno retórico e de toda pretensión de explicitude que traizoa a súa esencia, a partir do cal o que se enuncia, concentrado nos seus límites expresivos, pesa tanto como o que se cala, porque o silencio tamén fala, ou, aínda mellor, canta.
Non vivimos hoxe un tempo en que xusto esa poesía tornouse, tanto como na era máis escura dos totalitarismos, a máis necesaria?
Ábrese a partir de aquí un espazo de análise e reflexión que non é posible recoller no espazo dispoñible e que, en consecuencia, só se deixará apenas apuntado. O desencontro entre o mestre de Alemaña (como se le nos versos de Todesfugue, un dos poemas máis poderosos de Celan, apelativo que significativamente foi adoptado por Safranski como título para a súa biografía de Heidegger: Un maestro de Alemania. Martin Heidegger y su tiempo, Tusquets, 2003) e o poeta xudeu pode ser visto, e así se contempla en diversas análises, como un episodio no que ecoaba o dictum adorniano -a poesía fíxose imposible despois de Autswitz-; o encontro mutuamente enriquecedor entre Zambrano e Valente iluminou un camiño de ida e volta entre unha poesía que pensa e unha razón que poetiza, o que ben pode ser visto como unha superación da imposibilidade proclamada polo filósofo da Escola de Francfurt. Porque, coma o propio Adorno se encargou de precisar en escritos posteriores a aquel no que por vez primeira a enunciara, a súa frase nunca foi unha prohibición senón, en todo caso, o recoñecemento dunha imposibilidade que só se podería revocar a partir dese mesmo recoñecemento. E, non se podería dicir que xusto iso é o que nace do diálogo entre Zambrano e Valente?: a apertura da palabra ata os límites dun silencio onde mesmo a barbarie máis extrema, isto é, a extrema inefabilidade do horror nihilista, pode atopar un berro capaz de desvelalo.
Non vivimos hoxe un tempo en que xusto esa poesía tornouse, tanto como na era máis escura dos totalitarismos, a máis necesaria?





