As primeiras faíscas saltaron en diferentes encontros fortuítos propiciados arredor de actos políticos e culturais na capital do Estado español. Algo mais de media ducia de galegas, recentemente desprazas a Madrid por cuestións laborais, teimaban na necesidade dunha organización que atendera e acubillara á masiva emigración galega en Madrid após a última crise cíclica do capital. Unha reunión monográfica para abordar esta cuestión, promovida —entre outros— polas asinantes deste artigo, fixeron que as faíscas finalmente prenderan nunha convocatoria a través das redes sociais no mes de abril do 2016, chamando «á emigración galega en Madrid para construír un colectivo que desenvolva activismo político-cultural en chave nacional». Neste chamamento apelábase aos milleiros de galegas forzadas a abandonar os seus fogares polas mesmas circunstancias históricas, políticas e económicas que condenaron varias xeracións do noso pobo á emigración. Se ben en Madrid existían naquela altura varios grupos culturais, literarios ou mesmo musicais —independentes ou ligados aos centros galegos—, o chamamento partía da defensa irrenunciábel da cultura galega desde a perspectiva nacional, fronte a unha visión reducionista da nosa cultura como simple folclore rexional.
A diáspora galega organizada en Madrid
Aínda que no momento do seu nacemento non existía organización algunha que tivese a vocación de organizar politicamente ás galegas da diáspora, FENDA inspírase en experiencias que no pasado traballaron con obxectivos similares. Desde finais do s. XIX, e en diferentes momentos da historia, as galegas expatriadas en Madrid xogaron un importante papel no noso proceso de construción nacional, colaborando para manter acesa a chama do noso pobo precisamente onde máis difícil parecía ese labor. Destaca un dos fitos da reactivación do galeguismo político após o esgotamento do rexionalismo, co nacemento no ano 1915 da revista quincenal Estudios Gallegos dirixida por Aurelio Ribalta, cun enfoque herdado do rexionalismo solidario mais cunha acentuada defensa da lingua e da cultura galegas. Mesmo Antón Vilar Ponte recoñece a influencia de Ribalta na súa idea de crear unha Liga de Amigos do Idioma Galego; idea que poucos meses despois xerminaría dando lugar á Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña no ano 1916. Entre as agrupacións das Irmandades fundadas na emigración destacou, aquén mar, a de Madrid; ademais das de alén mar, como a da Habana e a de Bos Aires.
Desde finais do s. XIX, e en diferentes momentos da historia, as galegas expatriadas en Madrid xogaron un importante papel no noso proceso de construción nacional, colaborando para manter acesa a chama do noso pobo precisamente onde máis difícil parecía ese labor.
Nesta cidade agromou tamén o xerme que, en plena ditadura, comezaría a reorganizar o nacionalismo no interior do país. O grupo Brais Pinto nace en 1958 da iniciativa de estudantes e traballadores residentes en Madrid coa finalidade de recuperar o legado do Partido Galeguista e en clara contraposición á vía cultural liquidacionista do piñeirismo. Os membros do grupo terán un papel central papel central na fundación da Unión do Pobo Galego en 1964 e participan de numerosas iniciativas singulares como o Consello da Mocidade, a Secretaría da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco e mesmo do movemento estudantil madrileño. A seguinte xeración de expatriados, durante a década dos setenta, impulsou e fixo parte de Lóstrego e da Irmandade Galega, organizacións que se fusionarán no ano 1982 baixo a denominación de Irmandade Galega-Lóstrego. Reclamándose como continuadores do legado do Brais Pinto, estes colectivos caracterizáronse por reivindicar unha conciencia maioritariamente nacionalista con prácticas propias de movementos de resistencia, creando redes sociais comunitarias fóra dos límites dos grupos dominantes e ocupando espazos que até ese momento se consideraban marxinais, como locais sociais ou o mercado do Rastro. Por desgraza, a vida do colectivo após a fusión foi efémera e foi apagándose lentamente nos seguintes anos, principalmente —segundo relatan os propios protagonistas— por falta de compromiso militante, oficializándose no ano 1986 a súa disolución.
O nome de “fenda” incidía na idea de, precisamente no epicentro do estado que nos nega, abrir e construír espazos de disidencia en chave galega e contestataria ao papel que se lle reservou historicamente ao noso país.
O nacemento de FENDA
Seguindo a estela precedente, unha nova xeración de galegas e galegos emigrados en Madrid asume como obxectivo tomar o relevo de experiencias anteriores para dar o paso de reorganizar a colectividade. Un pequeno grupo de diversas procedencias lanza un chamamento inicial, totalmente aberto, para unha xuntanza que terá lugar o 11 de maio no centro social autoxestionado 3peces3, no barrio de Lavapiés. A convocatoria estaba dirixida a toda a emigración galega en Madrid co obxectivo de «constituír un colectivo que desenvolva activismo político-cultural en chave nacional», na que as promotoras anunciaban que partían «dun dobre obxectivo: por unha banda, organizar a comunidade galega en Madrid co fin de crear conciencia nacional […]. Por outra, difundir entre o conxunto da poboación de Madrid e a súa contorna a nosa realidade, […] trasladando a imaxe dunha nación orgullosa de si, rebelde e combativa». Nesta primeira reunión defínense os perfís do colectivo, contando cunha gran asistencia e acadando un amplo consenso nas cuestións centrais que foron abordadas, como o enfoque socio-político, os obxectivos ou a simboloxía.

Reunión inicial após a convocatoria aberta, 2016, C.S.A. 3peces3 (Madrid). Arquivo fotográfico de FENDA.
No seguinte encontro, celebrado o 25 de maio no centro social Potemkin, decídese o nome e márcanse as liñas xerais para a elaboración dos textos fundacionais, ficando encargada unha comisión de redactar os estatutos do colectivo e mais de elaborar un manifesto fundacional. O nome de “fenda” incidía na idea de, precisamente no epicentro do estado que nos nega, abrir e construír espazos de disidencia en chave galega e contestataria ao papel que se lle reservou historicamente ao noso país. Xunto ao nome do colectivo, colocouse a engádega de “embaixada popular galega” a modo de epíteto, coa idea de que o colectivo se asumise —fronte ao nefasto papel das institucións autonómicas nese ámbito— como unha representación do noso pobo, modesta pero orgullosa, sempre aspirando a superar as caricaturas e os tópicos folclorizantes reproducidos polas institucións.
Dos estatutos podería destacarse o Artigo 1 no que se define o colectivo, que foi redactado como se presenta a seguir: «FENDA (Embaixada Popular Galega) é unha organización asemblearia. Nace con dúas finalidades: por unha banda, para organizar a comunidade galega en Madrid co fin de crear conciencia nacional e contribuír desde a diáspora ao noso proceso de liberación como pobo e ao cambio social e, por outra, difundir entre o conxunto da poboación de Madrid e a súa contorna a nosa realidade, superando os tópicos e os clixés instalados e trasladando a imaxe dunha nación rebelde e orgullosa de si». Así mesmo, no manifesto fundacional, concretábanse e ampliábanse os obxectivos do colectivo:
- Organizar a comunidade galega en Madrid co fin de crear e fortalecer a conciencia nacional no seu seo. Traballando colectivamente e con perspectiva política, contribuír a partir da diáspora ao noso proceso de liberación como pobo e ao cambio social. Para iso, identificámonos cos valores da esquerda, o feminismo, o ecoloxismo e o combate a toda forma de opresión ou discriminación.
- Difundir entre o conxunto da poboación de Madrid e a súa contorna a nosa realidade social e cultural, superando os tópicos e os clixés instalados e transmitindo a imaxe dunha nación rebelde orgullosa de si. Nese sentido, queremos ir máis alá das prioridades do asociacionismo galego existente actualmente, superando as dinámicas puramente folcloristas ou culturalistas.
- Actuar como unha “embaixada” que exerza de ponte coa Galiza, a través da que achegar e acoller actividades culturais do país e servir como acubillo á poboación galega da cidade ou xente da Galiza interesada en facer actividades en Madrid.
- Implicarnos nos movementos sociais e iniciativas populares da cidade e tecer redes de colaboración con elas. En particular, tecer pontes con outras comunidades de persoas expatriadas na cidade a fin de abrir canles de comunicación con outros pobos do mundo.
Culminados os traballos internos, a presentación pública terá lugar o 26 de xuño de 2016 co lanzamento do manifesto fundacional na páxina web e nas redes sociais do colectivo, que foi enviado tamén aos medios e a numerosos colectivos sociais de Madrid. Pouco despois anunciaríase a primeira actividade pública, unha festa polo Dia da Patria que se celebra o 22 de xullo no bar Naranjo de Bulmes do barrio de Lavapiés. O evento contará cunha grande participación, confirmando así a viabilidade e a necesidade latente da articulación do colectivo.
A participación nos movementos populares da cidade foi considerado un obxectivo central desde o momento da creación do colectivo, tal e como se recollía no texto difundido para a convocatoria aberta e, posteriormente, no manifesto fundacional.

Festa polo Día da Patria Galega, 2016, Lavapiés (Madrid). Arquivo fotográfico de FENDA.
Desde o nacemento de FENDA, e ao longo de todo o seu percorrido, é destacábel a súa pluralidade xeográfica —con persoas de moitas comarcas do país—, xeracional —desde estudantes até persoas xubiladas— e tamén de traxectorias vitais —organizando persoas con militancias diversas, xuntos con moitas outras sen ningunha previa—. Esta pluralidade nunca foi un impedimento para manter unha dinámica que permitira traballar conxuntamente e de forma construtiva, mais sen renunciar nunca á liña fixada nos textos fundacionais; tal e como se explicaban as promotoras pouco despois da presentación pública6.
Actividade propia e militancia no tecido social de Madrid
Desde que botou a camiñar, diferentes espazos vinculados aos movementos sociais de Madrid acolleron as reunións e actividades de FENDA. Ademais dos xa citados na sección anterior, as reunións que foron dando forma ao colectivo despois da presentación pública celebráronse na Casa Roja —un local recentemente okupado— e en Esto es una plaza —un espazo autoxestionado ao ar libre—, ambos no barrio de Lavapiés. Isto xa adiantaba o que sería unha constante durante toda a traxectoria da organización: a vontade de integrarse, ser parte e participar activamente do tecido social organizado da cidade na que actuaba, tecendo sinerxías, alimentándose e alimentando os movementos e a autoorganización popular.
A participación nos movementos populares da cidade foi considerado un obxectivo central desde o momento da creación do colectivo, tal e como se recollía no texto difundido para a convocatoria aberta e, posteriormente, no manifesto fundacional. Neste senso, destaca a relación co CSA 3Peces3 no que FENDA participa, desde o seu nacemento7, integrado como un dos colectivos do centro e participando da súa asemblea, así como asumindo responsabilidades en diferentes comisións.
Porén, foron moitos e variados os lugares de celebración de actividades, que se estenden a moitos outros barrios da cidade como a parroquia de San Carlos Borromeo (Entrevías), a casa autoxestionada de La Caba (Aluche), o centro social xuvenil okupado Atalaya (Vallecas), o centro cultural Blanquerna e o Ateneo de Madrid (Centro) ou a Fundación Anselmo Lorenzo (Arganzuela), entre outros.
Seguindo o mandato dos obxectivos do colectivo, a relación con outras asociacións de emigrantes en Madrid é un aspecto central da actividade individual e colectiva dos seus membros, sendo especialmente fluída a relación coa diáspora vasca organizada no colectivo Euskatuak, en cuxas actividades houbo unha constante participación mutua. FENDA tamén foi un espello no que se mirar para outras comunidades de expatriados, xa que mesmo se iniciaron contactos cun grupo do País Valenciano que tentaba estabelecer un colectivo similar, mas a iniciativa non chegaría a cristalizar por causa da pandemia.
Do mesmo modo, a participación en plataformas xogou un papel fundamental, sendo parte de iniciativas antirrepresivas ou solidarias tanto de carácter local como internacionalista. Destacan a lembranza anual a Jimmy —seareiro do Deportivo asasinado por nazis—, diferentes accións en apoio aos condenados na montaxe de Altsatsu ou a implicación moi activa na plataforma Madrileñ@s por el Derecho a Decidir —que coordinou as accións de solidariedade co referendo de autodeterminación catalán, así como contra a represión posterior.
Figuras destacadas da cultura galega, como Sés ou Margarita Ledo, participaron en concorridos faladoiros organizados polo colectivo, que pouco a pouco foi converténdose nunha referencia para o conxunto da diáspora na cidade.
A actividade propia de FENDA caracterizouse por tentar combinar actividades divulgativas sobre a realidade galega, culturais, formativas e tamén lúdicas. Como colectivo participante do 3peces3, moita da vida orgánica estivo ligada ao centro social, incluíndo actividades periódicas como aulas de música ou ciclos de filmes e documentais galegos, procurando proxectar obras con transfondo sociopolítico, como loitas sindicais ou ecoloxistas, problemáticas específicas da emigración ou historia da Galiza, entre outros.
En relación co traballo de divulgación cultural, organizáronse presentacións de libros de diversas temáticas con autoras como Montse Pena, Carlos Taibo ou Uxío Breogán Diéguez. Destaca, do mesmo modo, a presentación de varios libros sobre música tradicional da man da A.C. Xirandela, asociación coa que se mantivo unha fluída colaboración tanto en actos divulgativos como en diversas foliadas organizadas conxuntamente. Así mesmo, figuras destacadas da cultura galega, como Sés ou Margarita Ledo, participaron en concorridos faladoiros organizados polo colectivo, que pouco a pouco foi converténdose nunha referencia para o conxunto da diáspora na cidade. A rúa tamén foi un espazo chave para a socialización da realidade galega, principalmente a través da montaxe periódica dun posto de material no Rastro, na praza de Tirso de Molina —lugar habitual durante décadas para a difusión de libros e materiais de diversas organizacións sociais e políticas de esquerda—, para o que se editaron diversos materiais formativos sobre a historia do país.
Canto á actividade lúdica, o calendario das festividades galegas foise consolidando como referencia á hora de trasladar tamén a súa celebración a Madrid. Así, tanto o Día da Patria como as Letras Galegas ou a época dos magostos tiveron, durante varios anos, actos que combinaban sempre a parte lúdica (festas, xantares ou actuacións musicais) con proxeccións, charlas ou exposicións sobre a realidade da nosa nación. Desta combinación falábase nunha entrevista concedida no ano 2018, onde se explicaba que as festas son empregadas para «mostrar a problemática e a realidade social da nosa lingua, […] para informar da situación dos nosos bosques e do noso medio natural»8.
Reflexións e perspectivas de futuro
A poucos meses de se cumprir dez anos da súa fundación, o colectivo continúa a estar activo, aínda que atravesa unha etapa de febleza orgánica. A pesar dunha actividade bastante importante desde o seu nacemento, FENDA comeza no ano 2019 un progresivo devalo organizativo similar ao dos nosos predecesores da Irmandade Galega-Lóstrego9; caracterizado por unha certa falta de compromiso militante, así como a falta de relevo após o regreso á Galiza de boa parte da militancia que dinamizaba o colectivo e mesmo da maioría das persoas que participamos na súa creación. Sen embargo, foi a pandemia do COVID-19 a que provocou unha maior desarticulación, como en tantos outros colectivos, da que aínda está en proceso de recuperación. Nun momento histórico no que mesmo os estados son cuestionados pola globalización capitalista, a existencia de ferramentas para traballar pola nosa subsistencia como suxeitos sociais colectivos é mais necesaria do que que nunca para unha nación sen estado como Galiza.
A reflexión colectiva que precedeu o nacemento de FENDA segue a ser igual de vixente que fai unha década: a diáspora galega en Madrid precisa dunha vangarda político-cultural que contribúa a articular e organizar a esa dispersa comunidade, co fin de axudar a transformar, desde a emigración, a realidade que se impón á nosa nación e que sufrimos de xeito particular na diáspora. Precisamente, no corazón da besta, no mesmo centro do Estado que nos nega como pobo, ten especial importancia sermos quen de tecer complicidades e resistencias. Loitamos e loitaremos contra o sistema que expulsa a decenas de miles de galegas da nosa terra, co horizonte de erradicar a dependencia galega do centralismo borbónico. Mas, se conxunturalmente debemos estar fora da Galiza, debemos aspirar a construír país desde e nos lugares que nos reciben. Sirva esta experiencia para que agromen mais fendas nos lugares nos que, con ou sen un percorrido asociativo organizado no pasado, desembarcan as novas xeracións da diáspora galega.





