[Nó gordiano] Introdución ao fanfic

Chamamos fanfic ou simplemente fics ás ficcións escritas por alguén que é fan dunha obra anterior (novela, película, serie…) na que o novo texto se basea. Estas producións atópanse con facilidade na rede en páxinas especializadas (como FanFiction.net ou Wattpad) e nin fandoms (comunidade de fans dunha determinada obra) nin autores ou autoras obteñen beneficio económico directo no proceso. O fenómeno, cuxa orixe hai quen sitúa no culto ao Sherlock Holmes de Conan Doyle, está experimentando, nas primeiras décadas deste século XXI, un considerable éxito de produción e consumo, especialmente entre adolescentes e mulleres novas.

Panacea:

Trátase dunha moda preocupante. Chaman a atención o desleixo na forma, a falta absoluta de rigor no uso da puntuación e os frecuentes erros ortotipográficos. Tamén se aprecia unha repetición tediosa de tramas narrativas, motivos e personaxes, evidenciando que os lectores e as lectoras destas obras premian a reiteración constante de fórmulas de éxito, máis que a búsqueda de innovación. Semella que atopan o pracer, precisamente, en controlar, escoller o que vai suceder, a quen e onde, no canto de deixarse sorprender pola historia (por non falar do narcisismo que se agocha na posibilidade que ofrecen algunhas delas de borrar o  nome dun protagonista e cambialo polo propio). Ademáis, o fenónemo fanfic faille o traballo suxo a editoriais ou productoras: sírvenlles en bandexa unha mostra do que funciona, reducindo tamén dese xeito a súa iniciativa e a súa búsqueda de novas voces, argumentos e xeitos de narrar. Pero o máis desacougante, sen dúbida, é a frecuente erotización da infancia: abundan nestas ficcións as relacións con menores no que é unha normalización da pederastia, ademáis dun perigo para os rapaces e rapazas que en demasiadas ocasións dan co seu contido pornográfico buscando imaxes dos seus personaxes favoritos (véxanse conceptos como digifilia ou pokefilia).

Higiea:

A Fanfiction é parte do FanArt, filla do seu teu tempo e as súas tecnoloxías. Non é preocupante per se. Reflicte o antes e o despois que implicou a chegada da internet: unha revolución cultural maior ca da propia imprenta. A “ortografía” hai anos que está moribunda, por ser inútil e reducirse, en moitas ocasións, a unha mera norma ralentizadora da comunicación. Coma levar garabata ou tacóns á voda do curmán: é o “adecuado”, máis en absoluto imprescindible para divertirse. A repetición? Pois  como  Corin Tellado no seu tempo! Mais explícitas porque poden. Literatura xuvenil libre da mirada censora de adultos.  E non, non son orixe senón subproducto da pornificación xeneralizada que trouxo a rede. É o “mercado, amigas!”, operando coa lóxica misoxinia da Rule #34 da internet: There is porn of it. No exceptions (“se algo existe hai porno sobre iso”). Literatura hormonal e autoxestionada que pode dar clásicos. Coma a saga  de Cincuenta sombras. Misoxinia que non é nova nin propia dos fics. Porén, a liberdade creativa e a comunicación directa autor-lector recupera a mellor das tradicións do artesán das letras que escribe por encargo. O lector pode tomar decisións. Escoller os ingredientes da pizza proporciona o pracer de crerse autor da roda por tela customizado. Goce,curiosidade e “algo propio”, que non compartirías coa túa nai . Un “No se lo digas a mamá”, que funciona para nomear un bar de copas ou atraer lectoras.

Kolectivo binario: conversamos sobre o inimigo primario e o inimigo secundario, por que somos gota e mar, luscofusco, silencio e verbo. Somos lexión. Pode que si e pode que non.