Maldita zorra!

En Washington, no verán, vai calor. Os días son bochornosos e non refresca nin de noite. O sol cae a chumbo sobre a branca escalinata de granito que conduce á porta de entrada do Capitolio. Nun deses días de canícula, a política estadounidense Alexandria Ocasio-Cortez é abordada polo congresista republicano Ted Yoho, quen, en presenza de xornalistas, a chama fucking bitch. Maldita ‘zorra’.

Días despois, a congresista demócrata —defensora do feminismo, da sanidade universal, do acceso universal e gratuíto á educación, do fin da privatización dos cárceres e da abolición do ICE (Servizo de Inmigración e Control de Aduanas de EE. UU.)— respondeu a Yoho. Fíxoo na mesma Cámara do Congreso na que representa a millóns de estadounidenses cun discurso contra a violencia machista.

Para Ocasio-Cortez, o insulto de Ted Yoho non é unha linguaxe nova. É cultural. Estamos ante a cultura da impunidade, da aceptación da violencia e da linguaxe abusiva e deshumanizadora contra as mulleres e de toda a estrutura de poder que a sostén. Maldita zorra (cadela/puta) responde a un patrón patriarcal e misóxino, o mesmo que consigue que esa violencia verbal se normalice e reproduza.

Talvez por iso, Ocasio-Cortez, rematou declarando: “Non me doeu especialmente ese comentario, honestamente, volvín á miña casa pensando que fora un día como outro calquera”.

Un día calquera de xullo de calor abafante en Washington.

***

En Malmö (Suecia), o mes de maio é frío e nebuloso. Na valixa, levar chaqueta.

Entre os lugares que visitar, o estadio Malmö Arena, sede do equipo de hóckey sobre xeo Malmö Redhawks. En maio do 2013 o recinto acolleu o LVIII Festival da Canción de Eurovisión. Gañou Dinamarca, con Only Teardrops, interpretada por Emmelie de Forest, quen afirma ser tataraneta da raíña Victoria de Inglaterra.

Once anos despois, o Festival volve ao Malmö Arena. Aconsello non quitar a chaqueta, pola friaxe e polas néboas. Semella que estas últimas entrarán con forza afirmando ser o que Yoho chamou con odio a Ocasio-Cortez: unha zorra.

Vai ti saber, como é posible chegar ao estado zorra de postal por medio do empoderamento feminino, proceso continuo polo que as mulleres traballamos a nosa autonomía e a nosa autoestima, fortalecéndonos e cobrando protagonismo en todos os ámbitos.

Pensar que as néboas de Malmö se reapropian do termo e o redefinen no contexto feminista non é idea nova. A escritora Itziar Ziga publica Devenir perra no 2009 (Editorial Melusina) e Rigoberta Bandini canta Yo nací para ser perra facendo seu o termo para reivindicar as mulleres como suxeitos desexantes; no 2021, Zahara lanza Puta, álbum no que comparte a violencia machista que ela mesma sufrira, convertido nun relato universal que atravesa a todas as mulleres.

Os ceos nebulosos de Malmö non traen estes aires. Semellan máis neboeiros de mutacións do patriarcado. Elevalas á categoría de himno, coido que é desatino (e desafinación).

Comparadas con Respect de Arteha Franklin, Se acabó de María Jiménez e Canción sin miedo de Vivir Quintana, non atopo semellanza por ningures.

A nebulosa pasará por Malmö coma un día calquera de maio de tempo frío.

Coma en Washington.