Estilos de vida sustentable

A Conferencia das Nacións Unidas COP29, que tivo lugar en Bakú (Azerbaián) en 2024, volveu reiterar a necesidade de actuar en cuestións fundamentais para facer fronte á emerxencia climática, e destacou a dificultade de reducir de xeito urxente as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Nela conseguíronse certos avances en materia de financiación, mais considéranse insuficientes para enfrontarmos a magnitude da crise climática. Os intereses da industria e a falla de consenso foron os principais obstáculos.  

Os patróns de uso intensivo de recursos e as emisións de gases de efecto invernadeiro (GEI) conducen inevitablemente a unha crise con efectos desastrosos: a crecente escaseza de recursos e a perda de biodiversidade. 

Durante as últimas décadas, a evidencia científica acumulada amósanos que os patróns de uso intensivo de recursos e as emisións de GEI conducen inevitablemente a unha crise con efectos desastrosos: a crecente escaseza de recursos e a perda de biodiversidade. A nivel da UE, os modelos actuais de produción e consumo son responsables destes problemas complexos e relacionados. Por iso, acharmos camiños cara a un cambio sostible converteuse nunha prioridade para os cidadáns e os políticos europeos. O Green Deal —o Trato Verde— propúxose como obxectivo reducir máis dun 50% as emisións de GEI ata 2030, e centrou a súa estratexia nas cidades, que consomen o 65% da enerxía mundial e son responsables de máis do 70% das emisións mundiais atribuíbles á acción humana.  

A Investigación Social do Cambio Climático. Por onde comezar?  

Cada vez máis a miúdo escoitamos voces que piden medidas urxentes neste asunto. O “cando” está claro, agora. Pero como facelo a un ritmo rápido dabondo? Que estratexias son máis eficaces? Quen debería ser o responsable da adaptación ás mudanzas do clima? A sociedade civil? Os nosos gobernos? O Programa Cadro Europeo de Investigación e Innovación patrocinou unha investigación sobre estilos de vida en que se analizaron diferentes modelos de desenvolvemento da sustentabilidade. A partir dela propuxéronse medidas para apoiar o avance na transición cara a unha Europa sustentable.  

O obxectivo principal era comprender tanto teórica como empiricamente os principais obstáculos e oportunidades de mudanza cara a esa Europa, mediante a análise das dinámicas e condicións do cambio de estilo de vida. Tales condicións, nas que cambian os sistemas económicos, están expostas á complexa interacción de moi diversos factores económicos, sociais, culturais, políticos ou tecnolóxicos; e inflúen nas eleccións que facemos, máis ou    menos correctas dende o punto de vista da sustentabilidade.  

A experiencia cidadá caracterízase por decatarse de que traballar máis, consumir máis, e acadar así un maior grao de satisfacción e benestar, xera sensación de presión na nosa vida, menos benestar e maior frustración. 

É amplo o consenso sobre o feito de que existe unha resposta institucional fragmentada e insuficiente ao reto das mudanzas do clima. Requírese unha maior coordinación e unha toma de decisións máis eficaz para garantir unha folla de ruta máis esixente. Pero, que ocorre a nivel individual? Responde a poboación como cómpre a un dos maiores retos do noso tempo? En que medida estamos contribuíndo á mudanza climática?  

Benestar e custo do materialismo  

A maior riqueza dos países do Norte deu lugar a modelos de gran consumo de recursos, que aínda se consideran de alto status na definición de benestar, malia as evidencias que amosan o elevado custo que impón o materialismo. As investigacións máis actuais sobre indicadores de saúde física e mental, estudos de felicidade ou satisfacción coa vida, cuestionan claramente os supostos que subxacen nas actuais medidas sociais e económicas.  

Os estilos de vida caracterizados polo consumo intensivo de recursos son prexudiciais non só para o medio ambiente. Aínda máis, non conseguen a felicidade desexada nin unha vida máis libre baseada en ter máis ou consumir máis. Contrariamente, a experiencia cidadá caracterízase por decatarse de que traballar máis, consumir máis, e acadar así un maior grao de satisfacción e benestar, xera sensación de presión na nosa vida, menos benestar e maior frustración. A riqueza material, polo tanto, tamén vai acompañada dun preocupante aumento da pegada ecolóxica.  

É certo que se avanzou na disociación entre crecemento económico e impacto ambiental mediante estratexias de ecoeficiencia, que introducen melloras nos procesos produtivos. Porén, algúns destes procesos xeran efectos inesperados e mesmo aumento do consumo, o cal relativiza os resultados positivos dos intentos. Iso fai necesario desenvolver estratexias para substituír o modelo de consumo por outros os con menor impacto ambiental combinados con enfoques alternativos de modelos de negocio.  

A análise da pegada de carbono no marco europeo confirmou que o consumo dos lares é responsable do 60% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro e de entre o 50% e o 80% do uso total de solo, materiais e auga. A investigación financiada polo Programa Cadro da UE mostra que os nosos estilos de vida actuais caracterízanse por niveis de consumo moi intensos. Podemos identificar áreas prioritarias de intervención, ademais de relacionar os niveis de emisión co que poden ser características socioeconómicas, socio-políticas ou culturais particulares. Para sermos efectivos, os cambios cara á sustentabilidade deben centrarse naquelas categorías de consumo con maior impacto ambiental. A vivenda e o tipo de construción, mobilidade, alimentación e consumo de bens manufacturados son hoxe os maiores culpables do impacto ambiental nos países da OCDE.  

Sustentabilidade e cambio de estilo de vida  

Un estilo de vida é, en definitiva, un patrón de uso do tempo nun dominio ou contexto da vida cotiá, que se produce nun lugar concreto e adopta un modelo de consumo, máis ca unha simple suma de comportamentos independentes. O que fai sostible este patrón é a súa caracterización como baixa en carbono, e a súa dimensión social e económica, que garante un nivel razoable de benestar individual e social e procura unha distribución relativamente equitativa de oportunidades e recursos.  

As persoas organizan as súas actividades de xeito diferente dependendo da cantidade de experiencias que queiran desenvolver e do tempo que dispoñan para elas. Estas experiencias poden xerar estrés e infelicidade, provocando certos axustes de comportamento (como comer fóra da casa porque non hai tempo para comer nela, ou levar o coche para desprazamentos curtos porque non hai tempo para facelo a pé) con implicacións para a sustentabilidade. É dicir, a maneira en que as persoas estruturan a súa vida diaria, toman decisións en relación co traballo, a casa ou o tempo de lecer contribúe ao seu benestar repercute —ou non— nun estilo de vida sostible.  

No proceso de investigación sobre estilos de vida sostible, estudáronse sete rexións europeas. A análise dos resultados conduce a identificar os factores psicolóxicos que aumentan a probabilidade de ter un estilo de vida sostible: a identidade ambiental, o sentimento de facer as cousas por si mesmo (autoeficacia), o sentimento de que o estado do medio é importante para un mesmo e sentirse parte do grupo de persoas que o protexe, as aspiracións persoais ou as percepcións positivas sobre a zona residencial na que se vive. Eses resultados tamén amosaron o que contribúe a reducir os comportamentos ambientais máis nocivos: crear oportunidades para que a poboación se involucre en actividades cunha baixa pegada de carbono asociada favorece a difusión de hábitos e estilos de vida sostibles e a cohesión social.