Estamos preparados para as altas temperaturas e as vagas de calor?

A mudanza climática é un dos desafíos máis importantes, senón o principal, que enfrontamos como sociedade. As observacións e reconstrucións do clima pasado evidencian o quecemento global provocado polas actividades humanas a través das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Os últimos estudos do Servizo Europeo Copernicus de cambio climático veñen sinalar que Europa é o continente que máis rápido se está a quecer. No caso da península ibérica, as proxeccións científicas sinalan que se podería acadar un incremento de temperatura superior aos 4ºC para finais de século se non se adoptan medidas urxentes e radicais.

Os últimos estudos do Servizo Europeo Copernicus de cambio climático veñen sinalar que Europa é o continente que máis rápido se está a quecer.

O Estado español xa superou os 1,7ºC respecto aos niveis preindustriais. Se o quecemento global acada os 4ºC a finais de século, desencadearíanse impactos dunha magnitude sen precedentes. Dende 1961, os rexistros amosan unha tendencia inequívoca: os sete anos máis calorosos concéntranse na última década, con 2022, 2023 e 2024 como anos récord.

Segundo o 1º Informe da Federación de Asociacións para a Defensa da Saúde Pública, en España a mudanza climática causa máis de 8.000 mortes ao ano pola exposición á calor extrema, as inundacións ou a contaminación atmosférica. Ademais, a renda media reducirase nun 18% en 2050 se a comparamos cun escenario sen cambio climático.

Vista esta realidade climática, deberíamos preguntarnos se estamos a facer todo o posible por cambiar o rumbo. A mitigación e a adaptación son as dúas estratexias de que depende a loita contra a mudanza climática. As de mitigación de cambio climático limitan e reducen as emisións á atmosfera, e as de adaptación abordan os seus impactos e riscos, reducindo as vulnerabilidades.

Vista esta realidade climática, deberíamos preguntarnos se estamos a facer todo o posible por cambiar o rumbo.

O Acordo de París establece en 2015 o obxectivo para finais do século XXI de manter o aumento da temperatura mundial moi por baixo de 2ºC, e proseguir cos esforzos para limitar ese aumento da temperatura a 1,5ºC con respecto aos niveis preindustriais. Porén, ao actual ritmo de emisións de CO2 á atmosfera, a humanidade só ten tres anos para conter o quecemento global nun nivel seguro; isto é, por baixo de 1,5ºC respecto aos niveis preindustriais. Así se desprende do terceiro informe ‘Indicadores da Mudanza Climática Global’, realizado por un equipo de máis de 60 científicos de 17 países e publicado o pasado xoves 19 de xuño na revista ‘Earth System Science Data’. Por tanto, os resultados son moi escasos.

No que respecta ao Estado español, en 2024, as emisións de dióxido de carbono (CO2) aumentaron un 3,7% con respecto a 2023. En termos máis xerais, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) en España seguiron unha tendencia crecente nas últimas décadas, o cal indica unha situación moi preocupante.

En termos máis xerais, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) en España seguiron unha tendencia crecente nas últimas décadas.

Segundo a climatóloga francesa Valérie Masson-Delmotte, do Laboratorio de Ciencias do Clima e do Medio Ambiente do Instituto Pierre Simon Laplace de París,e até hai só dous anos unha das principais responsables das avaliacións científicas do IPCC, o principal panel de expertos sobre cambio climático, nunha entrevista realizada no xornal El País o pasado 24 de xuño, “cada décima de grao de aumento da temperatura media mundial aumenta os eventos extremos en frecuencia, en duración e en intensidade. Por cada grao de máis de quecemento a intensidade das chuvias extremas pode aumentar un 7%. Un só grao de quecemento significa 7% de vapor de auga máis que o aire pode conter e que pode dopar os eventos de precipitacións extremas. Isto son efectos inmediatos, pero o que pode entenderse menos é que cada quecemento adicional actúa tamén na redución dos glaciares de Groenlandia ou a Antártida dunha forma non instantánea, que toma o seu tempo, ducias ou centos de anos. Provoca que ese exceso de calor entre o océano se propague en profundidade, o que acaba influíndo na velocidade de aumento do nivel do mar. O ritmo de aumento do nivel do mar dende 1900 foi de 1,8 milímetros por ano, pero na última década é de preto de 4 milímetros por ano. Isto tamén vai continuar de forma irremediable pola inercia dos glaciares e os océanos. O estado actual dos coñecementos amosa que cada décima de grao de máis dun quecemento aumenta os eventos extremos en frecuencia, en duración e en intensidade”.

Un aspecto cada vez máis importante na acción climática son as políticas de adaptación ao novo escenario, e, a este nivel, cabe dicir que aínda se fixo bastante pouco, cando debería situarse ao mesmo nivel que a mitigación, canto menos.

Os impactos da mudanza climática prodúcense nunha variedade de sectores chave para o noso funcionamento e seguridade, como a saúde, ecosistemas, agricultura, xestión hídrica e zonas urbanas, entre outros. O que se proxecta é que irán a máis rapidamente.

No que respecta á saúde pública, a calor extrema incrementará a mortalidade, sobre todo entre persoas de maior idade e traballadores ao aire libre.

No que respecta á saúde pública, a calor extrema incrementará a mortalidade, sobre todo entre persoas de maior idade e traballadores ao aire libre, e favorecerá a expansión de doenzas tropicais transmitidas por mosquitos invasores. Os barrios con menos renda teñen unha maior vulnerabilidade perante a mudanza climática, debido á falla de illamento térmico, sen apenas zonas verdes e árbores, o que supón un agravio engadido.

Prevese unha redución do 40% na dispoñibilidade de auga en concas como a do Guadalquivir ou o Segura, con salinización de acuíferos e conflitos entre usos agrícolas, industriais e urbanos. A sobreeexplotación e a seca crónica porán en xaque a viabilidade dos regadíos e de infraestruturas esenciais.

O risco de incendios devastadores aumentará durante todo o ano, mesmo en inverno, favorecendo a desertificación de ata o 80% do sur peninsular e a perda masiva de biodiversidade.

Para facer fronte a este desafío, a adaptación xa non é unha opción; é unha esixencia inaprazable.

As cidades, onde se concentra a meirande parte da poboación, sufrirán illas de calor de até 8ºC máis que as zonas rurais, agravando os problemas de acceso á auga e propiciando migracións climáticas dende o sur e centro até o norte.

Para facer fronte a este desafío, a adaptación xa non é unha opción; é unha esixencia inaprazable. É unha necesidade inadiable o reforzo dos sistemas de alerta temperá e creación de refuxios climáticos; a adaptación de hospitais e protocolos sanitarios a novas patoloxías e control de vectores; a recarga de acuíferos, reutilización masiva de augas residuais e redución do consumo en regadíos; a protección costeira mediante relocalización de infraestruturas e restauración de zonas húmidas; o impulso de cultivos resistentes á seca, e a transición cara á agroforestería e solos rexenerativos; a retirada estratéxica de infraestruturas en zonas inundables, creación de cidades esponxa e plans de continxencia ante vagas de calor; e a adaptación urbana a través das denominadas Solucións Baseadas na Natureza (SbN), entre outras medidas.