E iso ten un prezo.
Imaxina un rapaz de 19 anos. Non foi á universidade, traballa no que pode, non chega a fin de mes e sente que o mundo vai cara a adiante sen contar con el. Ese rapaz escoita á esquerda e non se recoñece. Non porque sexa parvo nin malo. Senón porque o idioma que fala esa esquerda non foi feito para el. Fálase de interseccionalidade, de linguaxe inclusiva, de representación simbólica.. e el está pensando en como vai pagar o aluguer.
“O discurso progresista volveuse sofisticado para os xa convencidos, e inaccesible para quen máis necesitaba escoitar.”
E entón pasa algo. Ese rapaz ve que os mesmos que usan ese idioma celebran que haxa máis mulleres nos consellos de administración das grandes corporacións. E pensa, moi ben, pero iso a min que me importa. Nese momento algo rompe. A esquerda que se supuña que defendía aos de abaixo parece máis ocupada en cuestións que el non entende ou que non lle afectan directamente. E a dereita aproveita ese momento e dille algo moi simple, “estante enganando”. E funciona. Porque é doado de entender e porque toca algo que el xa sentía. A esquerda identitaria e a esquerda de clase separáronse, e ese oco non quedou baleiro moito tempo.
Logo hai outro asunto aínda máis espinoso. Durante anos, se un rapaz dicía que se sentía perdido, que non sabía moi ben que se espera del hoxe en día como home, esa pregunta era tratada case como sospeitosa. Como se facela xa fose un paso cara á reacción. O resultado é que ese espazo o ocuparon outros. Con malas respostas, pero con respostas. Andrew Tate existe porque había unha pregunta que ninguén quería responder. E é moito máis fácil gañar a alguén cunha mala resposta que deixalo sen ningunha.
E para rematar, cando ese rapaz mostra escepticismo co feminismo ou preocupación pola inmigración, a resposta habitual non é escoitalo nin discutir con el. É etiquetalo. Sinalalo. Tratalo como se o problema fose el e non o discurso que non chegou a conectar con el. E iso non convence a ninguén. Ao contrario, nada radicaliza máis a unha persoa que sentirse xulgada inxustamente por facer preguntas lexítimas.
O diagnóstico é sinxelo, aínda que incómodo, a esquerda pasou de falar cos de abaixo a falar sobre os de abaixo. E esa diferenza, que parece pequena, é en realidade enorme. Porque a xente non vota a quen fala ben deles. Vota a quen sente que fala con eles.





