No libro Convivium. Diálogos luso-brasileiros, Pontes Editores, Campinas – São Paulo, 2019, a profesora e filósofa Maria Celeste Natário presenta nove estudos que exploran espazos intermedios entre filosofía e literatura. Espazos complexos, móbiles, fractais, que dan unha outra imaxe do humano na súa acción estética e pensante.
“Identidade e errância. Um olhar errante entre Agostinho da Silva e Fernando Pessoa” examina o achegamento do filósofo Agostinho da Silva (1906-1994) á obra de Fernando Pessoa (1888-1935). Agostinho practica unha abertura infinita alén da palabra, sendo nos límites desta onde se determina a posta en escena do seu saber. Agostinho-filósofo e Pessoa-poeta converxen en forzar as linguaxes filosófica e poética de tal maneira que o cuestionamento dos xéneros e os seus obxectos producen unha diferenza que sempre está a recomezar en calquera creación.
“Ser e estar. Fidelino de Figueiredo, um percurso luso-brasileiro” presenta a vida e obra deste pensador considerado portugués en Brasil e brasileiro en Portugal, por causa de desenvolver a súa actividade docente en ambos os dous países. Fidelino de Figueiredo (1888-1967), motivado por un ronsel de preocupacións, fai uso de diversos rexistros de escritura e pensamento: historia, crítica literaria, filosofía, ficción. Un dos seus propósitos é liberar as potencialidades da literatura e filosofía facéndoas converxer: liberación do inconsciente, da fatiga crítica, da expresión non pensada, do peso do tempo, do drama da expresión. Esta loita pola expresión marca a súa obra: pensar, crear, poñer nome, dar palabra ao que reborda o convencional. Deste modo, a poesía comparte e reparte coa filosofía campos e obxectos: a poesía é ontoloxía descritiva da existencia, hermenéutica da existencia; a filosofía é historia dunha vida, rosario de experiencias.
Pensadores como Amorim Viana (1822-1901) e Sampaio Bruno (1857-1915) imprimen a súa pegada librepensadora e polemista. A influencia de Bruno no pensamento estético e político na xeración da Renascença Portuguesa é incontestable.
“Positivismo e Antipositivismo. Um diálogo luso-brasileiro” repasa a incorporación, na segunda metade do século XIX e comezos do XX, do positivismo no pensamento e cultura de Brasil e Portugal. En Brasil o protagonista é Tobias Barreto (1839-1889), figura de referencia da “Escola Ecléctica” e considerado fundador da intitulada “Escola do Recife”. Malia ter como obxectivo facer da filosofía unha ciencia para erguer unha potente crítica á relixión, Barreto mostra un especial interese pola metafísica como ciencia das esencias, meditación sobre o ser e o suprasensible. En Portugal, a xeración dos 70, na cal destaca a figura de Antero de Quental (1842-1891), busca axitar a opinión pública, interesala nas grandes cuestións da filosofía e ciencia modernas para descubrir cales poden ser as condicións reais de transformación política, económica e relixiosa da sociedade portuguesa. Estes “iconoclastas de Coimbra”, humanistas e optimistas, anhelan unha sociedade xusta rexida pola ciencia e o progreso indefinido.
“Ortodoxia e heterodoxia. Cultura luso-brasileira” traza un intento de comprensión filosófica dos fenómenos da ortodoxia e a heterodoxia, os seus perfís, entrecruzamentos, zonas borrosas, indiscerníbeis. No que atinxe ao pensamento portugués, a ortodoxia cristaliza no cristianismo católico que non mira con censura a heterodoxia popular de inspiración franciscana. O catolicismo ortodoxo ten as súas manifestacións heterodoxas: Álvaro País, bispo de Silves no século XIV, e Estevão, bispo de Lisboa no papado de Xoán XXII. Entre os séculos XIX e XX, a heterodoxia é representada pola filosofía da Escola do Porto, polo innovador interesado en desenvolver un novo pensamento-acción. Pensadores como Amorim Viana (1822-1901) e Sampaio Bruno (1857-1915) imprimen a súa pegada librepensadora e polemista. A influencia de Bruno no pensamento estético e político na xeración da Renascença Portuguesa é incontestable.
“Filosofia e cultura. Uma aproximação a Miguel Reale” expón a concepción da filosofía do xurista, filósofo, académico e político brasileiro Miguel Reale (1910-2006). Desde a perspectiva dunha filosofía da cultura, desenvolve unha concepción do ser humano como valor-fonte de todos os valores, unha proposta de unión de teoría e acción, a superación das dualidades (suxeito-obxecto, natureza-cultura). Para Reale hai unha correlación esencial entre o proceso ontognoseolóxico e o proceso cultural, por outras palabras, entre o movemento do suxeito-obxecto (coñecedor e coñecido) e a acción circunstanciada (baseada na liberdade e os valores). A cultura é unha intencionalidade obxectivada que comprende en si os obxectos específicos nas súas relacións mutuas: no que son (ontoloxicamente) e no que deben ser (axioloxicamente).
“Filosofia e literatura. Vergílio Ferreira entre a filosofia e a literatura” afonda, con finura e perspicacia, na obra do escritor portugués Vergílio Ferreira (1916-1996). Nela as pegadas do existencialismo francés, romanticismo portugués, Eça de Queirós e Raul Brandão, fican patentes. O problema existencial é cerna da súa escritura e meditación: a procura do eu, o sentido das presenzas inequívocas de si e dos outros, a inverosimilitude da morte que fecunda o tempo humano.
Se co filósofo José Marinho consideramos que a metafísica é apoteose da física, o máis íntimo do físico, a súa clave de produción ontolóxica e comprensión intelectual, entón Teixeira de Pascoaes (1877-1952) é o poeta metafísico por excelencia.
“Verso e universo. Fernando Pessoa, um peregrino universalista” reflexiona sobre Mensagem (1934), único libro que o escritor tirou do prelo durante a súa vida, e no cal se entrecruzan a historia real de Portugal e o mito alternativo que pode sustentar os seus variados vieiros con máis verosimilitude estético-ontolóxica que o fáctico.
“Física e metafísica. A física da metafísica e metafísica da física en Teixeira de Pascoaes” é o oitavo estudo. Se co filósofo José Marinho consideramos que a metafísica é apoteose da física, o máis íntimo do físico, a súa clave de produción ontolóxica e comprensión intelectual, entón Teixeira de Pascoaes (1877-1952) é o poeta metafísico por excelencia: aventúrase na comuñón da natureza-vida, na visión-audición da súa esencia por medio de palabras que son instrumento mais, tamén, substancia do cosmos. A filosofía da natureza de Teixeira é pensamento en comuñón coa fonte xenesíaca das forzas elementais que modulan e producen dualismos: obxecto-suxeito, humano-natural, materia-espírito.
Para a profesora e filósofa Marí Cerleste Natário, o desaxuste da existencia, a súa opacidade, consecuencia da cesura entre o humano e a súa linguaxe, o coñecemento e a realidade, pode levarnos non polo camiño do nihilismo senón ao cultivo da amizade.
“Existência e existencialismo. Diálogos entre Vergílio Ferreira e Eduardo Lourenço” reflexiona sobre a ligazón vital e creadora do filósofo-ensaísta Eduardo Lourenço (1923-2020) co escritor-filósofo Vergílio Ferreira. A singularidade de Lourenço repousa no uso que fai do existencialismo: ferramenta útil para desestruturar os discursos ortodoxos do catolicismo e marxismo, e estruturar un pensamento propio. O desaxuste da existencia, a súa opacidade, consecuencia da cesura entre o humano e a súa linguaxe, o coñecemento e a realidade, pode levarnos non polo camiño do nihilismo senón, máis ben, ao cultivo da amizade. Deste xeito, o ángulo de diálogo con Ferreira é existencial e existencialista: xira arredor da condición e comprensión do humano, os límites da transparencia na cognición, os límites da acción individual e colectiva.
Este libro da profesora e filósofa Maria Celeste Natário é unha culta e orixinal invitación a convivir humanamente en paz, para a paz. Convivencia que, desde a escritura, debe despregarse en varios planos: convivencia dos lectores cos autores que len e lles fan pensar; convivencia dos escritores entre si; convivencia de todos con outros lectores e escritores aínda descoñecidos. Un tecido fráxil e de difícil costura, imprescindible no tempo actual: é o fértil solo en que a vida humana crea carreiros de emancipación e librepensamento.




