Gerald Raunig é filósofo e teórico da arte, profesor na Universidade das Artes de Zúrich, cofundador do EICP (Instituto Europeo de Políticas Culturais Progresistas) e coeditor do sitio web transversal.at. Das súas obras contan con tradución ao castelá na editorial Traficantes de Sueños: Producción cultural y prácticas constituyentes. Líneas de ruptura en la crítica institucional (2008); Mil máquinas. Breve filosofía de las máquinas como movimiento social (2009); e Arte y Revolución (2023); ademais de Dividuum e Desamblaje (Subtextos / Cactus, 2023).
Os dous últimos títulos citados constitúen o primeiro e segundo volume dun mesmo e cobizoso ensaio: Capitalismo maquínico y revolución molecular. Dividuum e Desamblaje presentan un amplo programa de revisión crítica, non só do pensamento de esquerdas, senón de boa parte da tradición clásica do discurso filosófico, o que obviamente nesta entrevista non nos será posible abranguer.
Para unha revisión do pensamento de esquerdas
A construción dos textos que compoñen estes dous volumes presenta una estrutura formal coherente co modelo conceptual e discursivo adoptado, modelo que cuestiona o mito da auctoritas individual e xenial e a pretensión de construcións textuais unitarias e pechadas. Así, os seus textos ábrense á incorporación de materiais múltiples, como eses “ritornelos” nos que integra correspondencia con amigos, ou esa apertura a materiais de múltiples orixes, nos que a hermenéutica académica de grandes autores do pasado sitúase a carón da recuperación de voces marxinais, o comentario de filmes ou mesmo desas “voces menores” que poden chegar a identificarse coas cancións dos Beatles ou Nina Simone. Gustaríame que explicase como chegou á elección desta opción estrutural.
Este aspecto aparentemente formal-estético que tes observado é moi importante para min. Hai unha meseta primaria da estética, no sentido de intervención formal, na que se impulsa a escrita filosófica, con e para alén de Walter Benjamin, Donna Haraway ou Fred Moten. A propia experimentación coa forma aquí devén política. Os dous volumes non son simplemente libros sobre o dividual e a desamblaxe, senón que tamén pretenden experimentar coa dividualidade e a desamblaxe na súa forma. Isto significa, en primeiro lugar, que sempre debemos imaxinar a escrita como unha produción máis ca individual, como múltiples máquinas de texto que se enlazan con máquinas sociais, como un intelecto transversal que sempre ten sido máis ca un escritor-autoridade único e solitario, como un pensamento dividual que atravesa aos individuos de maneira polifónica e co-formada. Por iso ten sentido diminuír o ego en toda escrita, diminuír a autoridade, diminuír a masculinidade. Neste devir menor de facerse vulnerable, de volverse precario, tamén ten lugar a conexión, o achegamento e o devir similar. Ese sería, logo, o compoñente dividual do escribir.
“Independentemente da práctica da que procedamos -periodismo ensaístico, escritura académica, filosofía, prosa ou poesía-, os nosos medios formais, estilísticos e discursivos deben volverse tan desamblantes como os nosos modos de enunciación e as nosas formas de publicación”.
En segundo lugar…
En vista das múltiples crises do capitalismo maquínico, non abonda con escribir sobre posibles formas de resistencia, sobre modos insubmisos de subxeitivación e ensamblaxes que non se conforman. A forma actual do capitalismo, tamén no que respecta ao escribir, ten conducido a tal estandarización e autogoberno, que debemos desenvolver novas formas de escribir e publicar na súa contra. Independentemente da práctica da que procedamos -periodismo ensaístico, escritura académica, filosofía, prosa ou poesía-, os nosos medios formais, estilísticos e discursivos deben volverse tan desamblantes como os nosos modos de enunciación e as nosas formas de publicación. Son consciente de que ao principio isto pode parecer unha imposición, mesmo para a lectura, pero quen se comprometen con iso, como escritores ou lectores, poden chegar a formar parte dun fluxo cuxa forma ás veces fai máis accesible a teoría.
Dentro desa estrutura, chamoume a atención que tan só nunha ocasión incorpora un relato escrito nunha primeira persoa que protagoniza a figura histórica de Averroes. Esa elección quere acentuar dunha forma especial a figura histórica de Averroes respecto diso que en Desamblaxe chamará Primeira Ilustración dos séculos XII a XIII?
As formas desamblantes e os estilos de escritura co-formados-dividuais que propoño non se deben entender como esteticismos continxentes, senón que xorden precisamente do exame das fontes e os contextos históricos e políticos. No caso do capítulo que mencionas, “O fluxo do comentarista”, o obxectivo é introducir un eu ficticio que se establece como reacción á situación historiográfica. O capítulo intenta imaxinar os movementos de tradución do século XII como unha práctica experimental entre linguas e entre confesións – debido á situación das fontes, mesmo a investigación máis seria terá que reencher os ocos con imaxinación e ficción, e así tamén poñelos en resonancia coa imaxinación das prácticas de tradución e escrita actuais. O que se ficcionaliza aquí con toda probabilidade estética é, por tanto, moito más que o eu de Ibn Rushd/Averroes, son as lagoas mencionadas como ocos que queren encherse sen conformarse.
Describe e explica isto último…
A práctica toledana da tradución multilingüe foi financiada polo bando cristián, mais implicou a todas as denominacións e competencias posibles -no “fluxo do comentarista” estas están exemplificadas polo filósofo e tradutor xudeu Ibn Daud e o monxe latino Dominicus Gundissalinus, ademais do máis tarde enormemente importante comentarista de Aristóteles Ibn Rushd. Para a construción dos dous volumes é relevante aquí unha ficción adicional, a saber, o coñecemento dos textos e as batallas político-teolóxicas entre Gilbert de Poitiers e Bernard de Clairvaux ao outro lado dos Perineos. Mesmo no ámbito da teoloxía escolástica podían perdurar opinións heterodoxas, como as do protagonista do meu primeiro volume, Gilbert de Poitiers, como inventor dun concepto forte de dividuum. Na narración do “fluxo del comentarista” (comentarista aplícase a ambos os dous: Ibn Rushd e Gilbert), a reanudación da súa teoría en Desamblaxe actúa como estímulo á desobediencia en Toledo, asolada pola Inquisición temperá e aínda non sometida de todo. Na miña opinión, esta é a primeira Ilustración “antes da Ilustración”, unha Ilustración que combinou filosofías escolásticas heterodoxas, un pouco máis tarde o enormemente influente misticismo feminino, mais tamén os comentarios a Aristóteles de Ibn Rushd. E esta primeira Ilustración desenvolveuse como transpirenaica, similar aos movementos poéticos dos Trobadores.
“A obra mestra mística, traducida varias veces na Idade Media e transmitida de forma anónima ata mediados do século XX, tamén deixou a súa pegada nos textos de Heidegger a través de Meister Eckart. Non é malo que Heidegger, indirectamente e realmente sen querelo, se servira da mística protofeminista”.
O primeiro volume da súa obra adopta como concepto central o dividuum, figura que se contrapón ao “individuum” que dominará a tradición filosófica occidental. Mais a súa investigación amosa que, ao lado desa hexemonía do “individuum”, o dividuum ten estado presente como unha especie de discurso paralelo, desde os comentarios de Cicerón a Platón, as notas do escolástico Gilbert de Poitiers ou os textos marxinais do misticismo feminino das beguinas. Porén, na controversia entre Gilbert de Poitiers e Bernardo de Clairvaux, semella evidente que finalmente foi a voz autoritaria e excluínte de Bernardo a que se impuxo. Frustrou iso os potenciais máis emancipadores desa Primeira Ilustración medieval?
Si e non. Ata certo punto, as prácticas inquisitoriais da Igrexa católica e os seus gobernantes asociados tiveron un dobre éxito. Por un lado na supresión brutal de inimigos internos e externos, por outro en estratexias de damnatio memoriae, coas que se destruían da forma máis exhaustiva posible todos os textos, todas as mencións de prácticas desobedientes. Mais a toupa de Marx e a serpe de Deleuze seguen movéndose subterránea ou anfibiamente, ás veces a través dos séculos, e ao igual que o renacemento de Ibn Rushd, o “Espello das almas libres” de Marguerite Porete tamén puido ser atribuído a Marguerite por Romana Guarnieri máis de seis séculos despois da súa morte na fogueira. A obra mestra mística, traducida varias veces na Idade Media e transmitida de forma anónima ata mediados do século XX, tamén deixou a súa pegada nos textos de Heidegger a través de Meister Eckart. Non é malo que Heidegger, indirectamente e realmente sen querelo, se servira da mística protofeminista. Por iso, con Walter Benjamin, podemos insistir en que abonda con aguzar o oído para oír os movementos das toupas ou as invocacións das loitas minoritarias do pasado.
A elección do dividuum, o múltiple e a “desamblaxe” como concepcións alternativas ao “individuo”, o Uno e a “ensamblaxe” hexemónicos no discurso tradicional, esixe o abandono das teorías revolucionarias clásicas que vían o suxeito revolucionario como condición de posibilidade da insurrección. Así, pode lerse en Dividuum que a revolución futura ten unha nova calidade: “tórnase nunha revolución molecular”, o que implica “a primacía da multiplicidade” e polo tanto xa “non fai falta unha unificación nin unha representación do suxeito -de clase- unitario mediante o líder, o partido e a vangarda”.
Desde os antigos comezos da filosofía europea, o pensamento ontolóxico xirou arredor da unidade, e esta sempre significa o un que subxuga aos moitos. Facer dos moitos un, facer dos moitos o mesmo, pechalos nunha mesma identidade, esta lóxica recorre tanto a gran política como as grandes relixións e filosofías: as teorías da unificación e a estandarización ignoran a multiplicidade e a multitude, desvalorízanas como imperfectas, inferiores, ou as subxugan sen máis. Por tanto, cómpre defender a multiplicidade en toda a súa complexidade, en tormentas e loitas contra a dominación identitaria, a estandarización e a normalización, mais tamén cómpre pensala e facela activamente. Isto tamén se aplica ao concepto e a práctica da revolución: como no subtítulo de ambos os dous volumes, a revolución pódese pensar como molecular, non como unidade e molaridade. Tamén aquí significa percibir a multiplicidade que está aí, deixala ser cando e onde xa é, afirmala, preservar e coidar as súas liñas, e ao mesmo tempo trazar as liñas e deixarse ser trazad@s por estas liñas, así facendo a multiplicidade.
“De feito, a evolución actual do populismo autoritario e do extremismo de dereitas é un tema importante para o discurso das esquerdas (…) En España, os escollos da continuidade e o retorno franquistas, a tardía toma de conciencia por moitos cara 2011 de que a “transición” era más unha integración no capitalismo maquínico que non unha transición da ditadura á democracia”.
En Dividuum apareceu en 2015 advírtese un optimismo diante da vitalidade dos movementos alternativos, incluídas as propostas indixenistas de novas modalidades de dereito en América Latina. Mais, poden hoxe sosterse aínda esas expectativas sobre o Sumak Kawsay” ou “vivir belo”, cando o pulo transformador que se lle atribuía en Ecuador, Venezuela, Bolivia (ao que cabería sumar o recente fracaso do proceso constituínte chileno), non parece terse cumprido?
En retrospectiva, sempre é doado falar e escribir sobre o fracaso das loitas, mais nunca sabemos o que pode un corpo. E sabemos aínda menos o que poden os corpos desamblantes, as súas memorias, os seus corpos e os seus espíritos, mesmo cando xa non están vivos. En calquera caso, os corpos vivos levan consigo a memoria das loitas, conscientes e inconscientes, das máquinas sociais ás que están e tal vez seguen estando unidos. Neste sentido, as experiencias de prácticas dividuais anticoloniais e poscoloniais e un dereito dividual no poden cualificarse fracasadas, tampouco o poder constituínte das loitas latinoamericanas dos últimos 30 años e tampouco os municipalismos españois. Tal vez paga a pena botar unha ollada máis de preto á produción de desexo alí abaixo, xusto na esquina, a todo o invisible, o non tan atractivo, o non tan espectacular, e ver que está a pasar alí, como é posible vivir fermosamente en posesión pobre e ocupación, alén de toda a beleza e grandeza nas representacións mediáticas.
Desamblaxe aparece en 2021, cando xa se fixo visible a expansión dos novos movementos de extrema dereita, cada vez más influentes en toda Europa y América. Porén, este fenómeno apenas ocupa un pequeno lugar no Ritornello 21, onde se fala da aparición dunha “máquina fascistoide”. Non cre que os novos discursos de esquerda están obrigados a tomar en conta ese auxe da extrema dereita como un factor de primeira importancia na política actual?
De feito, a evolución actual do populismo autoritario e do extremismo de dereitas é un tema importante para o discurso das esquerdas. A continuidade da dereita radical en Europa. En Austria, por exemplo, o austrofascismo, o nacionalsocialismo e os partidos de dereita como o Partido da Liberdade, especialmente desde a década de 1980 e Jörg Haider, que encarnou unha forma temperá de populismo autoritario espectacular, que hoxe perseguen desde Trump a Modi, de Orban a Bolsonaro. En España, os escollos da continuidade e o retorno franquistas, a tardía toma de conciencia por moitos cara 2011 de que a “transición” era más unha integración no capitalismo maquínico que non unha transición da ditadura á democracia. E ao mesmo tempo, hai que considerar as descontinuidades, todos os cortes e rupturas da subxectivación maquínica mediatizada que tan ben serve á dereita.
Existen discursos críticos contra todo iso…
Si, pero creo que estes discursos críticos en todas as súas formas, desde a análise e a crítica necesarios ata os novos pesimismos culturais e catastrofismos, existen a gran escala. O que hai demasiado pouco, porén, son reflexións micropolíticas e filosofías da multiplicidade. Estas filosofías, que tamén perseguen unha crítica radical do Estado e do capitalismo e analizan o capitalismo no seu apoxeo como molecular, maquínico e múltiple, decote son denunciadas como “posmodernismo”, nun truco retórico barato, responsabilizadas precisamente destas transformacións capitalistas en si mesmas e denigradas como antipolíticas. Para alén de analizar a amalgama de política identitaria-populista e capitalismo maquínico, é importante renovar e avanzar radicalmente na capacidade materialista destas tradicións da teoría francesa en particular, que son atacadas como nihilistas, culturalistas e relativistas.