A cirurxiá Ana Presedo Rodríguez (A Coruña, 1967) é actualmente a coordinadora da Unidade de Neuro-ortopedia no Hospital Robert Debré de París (Hospital for Children), no que traballa desde o ano 2003, e dedícase a tratar os problemas de motricidade en pacientes infantís neurolóxicos, a causa máis frecuente de dificultades motoras na infancia. Licenciouse en medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC), realizou a residencia en cirurxía no hospital Vall D’Hebron en Barcelona, e posteriormente formouse na Universidade de Montpellier, afondando na análise da marcha, adentrándose no enfoque da biomecánica. Estivo dous anos traballando no hospital pediátrico Alfred I. Du Pont en Wilmington, Delaware (EUA), onde adquiriu moitos coñecementos sobre neuro-ortopedia. A súa formación completouse en París cun mestrado en biomecánica. A súa práctica, investigacións e escritos versan sobre temas moi técnicos a medio camiño entre rehabilitación, fisioterapia, pediatría, neuroloxía, traumatoloxía, biomedicina, enxeñería e cirurxía. Nesta entrevista, procuramos que apunte a súa mirada e experiencia multidimensional á parte social e de xénero que implica o seu traballo.
As estatísticas amosan que tanto en Europa como en América do Norte e Sur, aínda que as mulleres estudan e exercen cada vez máis a medicina, non o fan en tódalas ramas da mesma maneira. Cales cres que son os factores que levan ás diferenzas por xénero nunhas e noutras especialidades, tendo en conta a túa experiencia en diferentes lugares e tempos?
Un factor que me parece relevante na incorporación das mulleres á medicina é que os requirimentos para entrar nesta carreira están en estreita correlación cos resultados académicos. Tanto en América, como en Francia ou España, empezar a carreira precisa unhas elevadas cualificacións e nas últimas décadas son as mulleres as que estatisticamente obteñen os mellores resultados. Ademais doutros factores, isto fai que na actualidade sexamos máis do 50% dos profesionais médicos. En canto á elección das especialidades, as mulleres son conscientes do feito de que as especialidades cirúrxicas requiren dunha dispoñibilidade de tempo bastante máis esixente que en case calquera outra especialidade. É imposible determinar o tempo necesario dunha intervención cirúrxica (e máis se é complicada) e, por suposto, non se pode limitar ou deixar para máis tarde. Ademais, así como hai especialidades que non implican gardas, as cirúrxicas, todas elas, teñen gardas. Falando coas estudantes novas, é recorrente que digan que queren unha especialidade que teña bo horario e non teña gardas. O que vén sendo a antítese da cirurxía. Outro factor podería o de non querer enfrontarse a un ámbito moi masculinizado, pola percepción subxectiva de que vai necesitar moita enerxía para desenvolverse nun ambiente que se considera pouco acolledor (que non ten por que ser).
Existen diferenzas ao respecto entre os países occidentais?
Non hai grandes diferenzas entre Europa e EUA: as mulleres vense na tesitura de ter que tomar partido e modelar as súas decisións en función da conciliación coa vida persoal. Algo que, polo xeral, no caso dos homes non ocorre. Ter que decidir entre profesión e familia vívese como unha fonte de culpabilidade, conflito persoal ou mesmo de rexeitamento da feminidade.
A consecuencia de que as mulleres non se inclinen por especialidades cirúrxicas provoca, entón, que estas estean masculinizadas. Na túa experiencia, a cirurxía e a traumatoloxía son espazos masculinizados?
Si, aínda que as cousas foron cambiando, seguen a ser espazos masculinizados. Lémbrome de que nos primeiros congresos aos que acudín as mulleres podiamos ser contadas cos dedos dunha man. De feito, cando empecei a traballar no servizo no que estou en París, eu era a única muller. Unha vez en medicina, a elección de especialidade faise de entrada entre especialidades cirúrxicas e o resto de especialidades médicas. Ademais dos mencionados con anterioridade, outros factores que poderían influír inconscientemente na elección son ideas do tipo “hai que ter forza para ser traumatólogo” ou “as mulleres teñen mellores cualidades para as especialidades pediátricas”.
“Aínda que as cousas foron cambiando, a ciruxía e a traumatoloxía seguen a ser espazos masculinizados. Lémbrome de que nos primeiros congresos aos que acudín as mulleres podiamos ser contadas cos dedos dunha man. De feito, cando empecei a traballar no servizo no que estou en París, eu era a única muller”.
Foi cambiando algo no tempo?
Observo un certo cambio no tempo en canto a que vai habendo máis mulleres en traumatoloxía e cirurxía, pero coido que este aumento está relacionado coa feminización da medicina polas razóns xa comentadas anteriormente. En Francia, por exemplo, houbo unha tendencia das mulleres a orientarse a cirurxía hai unhas décadas (que puido estar relacionada co clima de demandas sociais daquel momento), pero agora observo unha regresión en canto que as mulleres non queren ter que enfrontarse a ter que xestionar os conflitos que podan xurdir ao tratar de compatibilizar unha vida profesional e unha vida familiar ou persoal. As mulleres en vez de ter que negociar co marido ou compañeiro para que se quede cos fillos mentres ela ten unha reunión, por exemplo, opta por non acudir a esa reunión e xustificalo porque ten que facer labores de coidado. En moitos casos, non quere ter que resolver o conflito. Hai unha tendencia moi grande a non querer enfrontarse a ter que gastar enerxía en resolver conflitos, o que á súa vez -penso eu- pode ter unha conexión co individualismo crecente na sociedade. Individualista, neste caso, non de suxeitos únicos, senón de unidade familiar.
Estudos varios e tamén percepcións individuais sinalan que as médicas (e mulleres en xeral) que traballan en espazos masculinizados teñen que esforzarse o dobre para poder demostrar as súas capacidades fronte a pacientes, ao equipo de traballo (enfermeiras, técnicos, estudantes residentes), colegas, directivos… Como foi no teu caso ou no que ti coñeces?
Si, é absolutamente certo que hai que esforzarse máis. A maioría de cargos directivos no ámbito sanitario son homes. Eles deciden a quen se lle dan os postos de traballo e teñen preferencia por poñer a homes. Hai pouco vivín nunha “comisión de efectivos” -comisión que se reúne para propoñer candidatos a postos futuros- na que houbo bastantes comentarios sexistas referentes ao feito de que as mulleres non se dedican ao traballo ao cen por cen porque teñen fillos ou, inversamente, dicían de elixir a unha muller por características físicas que non eran para nada relevantes para a súa práctica profesional. O de ter que esforzarse máis é, pois, unha realidade. Ás veces teño a sensación de como se sobreentendera que ser muller fose sinónimo de ser parva. Mesmo en medios con alto nivel intelectual, cando se supón que ese nesgo estaría superado. A min, cando cheguei ao servizo do hospital en París, o xefe díxome “non te preocupes, a ti tratarémoste como se foses un home”. Imaxino -el pensaba- era unha gran loubanza. E logo pouco a pouco, a valía profesional vaise impoñendo, pero creo que a idea de semellarse a un home queda no inconsciente e pódese traducir á hora de vestirse, maquillarse, comportarse etc.
E cal é neste sentido a túa experiencia no trato cos pacientes e cos seus familiares?
É de todos coñecido que aínda a día de hoxe se nunha habitación de hospital entra un home e unha muller, a persoa paciente (sexa home ou muller) tende a pensar que o médico é o home. A min sempre me pasa que cando entro por primeira vez a ver un paciente acompañada dun residente (ou sexa, alguén bastante máis novo ca min), invariablemente a persoa hospitalizada e a familia diríxense ao residente como se fose el o cirurxián ao cargo. Unha situación equivalente, pero inversa, ocorre con frecuencia no noso equipo de enfermería cando o profesional é home. Da mesma maneira, no ámbito da consulta, cando os pacientes ou os seus familiares se decatan de que van ser operados por unha muller, é frecuente que amosen certas reticencias.
“Teño cambiado algunhas cousas no meu entorno, como modificacións nalgún tipo de tratamento aportando técnicas que non se utilizaban no servizo antes de chegar eu, pero custoume moito conseguilo. Repetidamente eu facía propostas que finalmente eran rexeitadas sen xustificación válida. Ao final, a forza de aportar moitas probas científicas, conseguino”.
Ti es consciente de ter modificado inercias establecidas?
É unha pregunta un pouco difícil. Coido que teño cambiado algunhas cousas no meu entorno como modificacións nalgún tipo de tratamento aportando técnicas que non se utilizaban no servizo antes de chegar eu, pero custoume moito conseguilo. Repetidamente eu facía propostas que finalmente eran rexeitadas sen xustificación válida. Ao final, a forza de aportar moitas probas científicas, conseguino. Pero non sei se se pode verdadeiramente falar de cambio de inercia, porque aínda que o cambio logrado na forma de tratar o pé equinovaro, que é un cambio importante, dubido que perdure se eu non estou.
Percibes cambios ao longo do tempo? Ti mesma cambiaches de perspectiva neste ámbito?
Cando cheguei ao servizo, eu era a única muller. Agora engadíronse outras mulleres ao equipo. Pero o que vexo é que esas mulleres que se incorporan tenden a reproducir estilos masculinos porque temos como xefe a un home e tenden a evitar confrontacións, e tamén queren evitar comentarios respecto á súa feminidade. O exemplo contrario é que mulleres que son moi válidas para chegar a postos de mando no servizo tenden, por analoxía co comportamento masculino, a actuar con agresividade, egocentrismo e sendo pouco dialogantes. É un tema que con frecuencia me incita a moitas reflexións.
Consideras que pode haber algunha habilidade ou capacidade das que ás veces se asocian ao feminino -ou túa propia- que non se daban por supostas, pero que poden contribuír a unha mellora da práctica cirurxiá?
Si, creo que as mulleres en xeral son máis empáticas no que se refire á relación co paciente, e podería dicir que un pouco máis perfeccionistas na práctica cirúrxica. Tamén creo que teñen máis disposición para o “coidado”, no sentido profundo do termo. Non sabería dicir canto hai de aprendido e canto de xenético. Ademais, as mulleres -paréceme- tenden a ser máis reflexivas mentres que eles son máis expeditivos.
Falamos de espazos… Como se distribúe o espazo nun quirófano? Refírome ao espazo físico e tamén aos espazos de poder.
Eu diría que nun quirófano hai tres espazos: o espazo dos anestesistas, o dos cirurxiáns e o do persoal de enfermería. Son espazos físicos, pero tamén niveis de organización: o anestesista é o director de orquestra en quirófano, marca os tempos, cando se pode empezar e tende a lembrarnos que “hai que ir rematando”. A persoa cirurxiá é a actriz principal se cabe dicilo, e o resto do persoal é quen vai controlando os niveis de combustible para que a maquinaria non se pare, ou algo así; non é quen ten máis poder, xa que está ao mando da operación, pero non do espazo nin tampouco do tempo. A respecto disto último, quen ten máis poder en parte é o anestesista porque decide se se opera a alguén ou cando. Realmente no quirófano hai unha certa xerarquía en canto á organización do acto cirúrxico, pero penso que non inflúe o xénero.
Para finalizar, tes algunha cirurxiá de referencia que servira ou serva como inspiración ou modelo?
Na miña carreira, os modelos foron principalmente homes, debido á especialidade que fixen. Non obstante, atopeime sendo estudante coa doutora Guadalupe Lafuente, que foi a primeira cirurxiá infantil de España. Nese momento eu non lle din importancia particular ao feito de que ela fose unha figura feminina. Coa perspectiva do tempo, si que rescatei aquel recordo dándolle un valor diferente.
Recentemente, unha cirurxiá francesa especializada en maxilofacial foi recoñecida por ter operado a un dos debuxantes cando o atentado do (semanario) Charlie Hebdo. Trátase da doutora Chloé Bertolus, xefa de servizo; gústame o seu perfil humano e profesional, e tamén o que di do que implica dedicarse á medicina: “É elixir a angustia e ter a angustia de decidir”. Tamén descubrín hai pouco a Suzanne Noël, grazas a unha recente novela gráfica de Leila Slimani, que retrata esta figura de muller feminista e cirurxiá que nos anos 20 do pasado século se dedicou a reparar os rostros desfigurados dos soldados da primeira guerra mundial. Esperemos que no futuro as mulleres cirurxiás do presente vaiamos sendo máis visibles, e ir constituíndo así un chanzo na procura dun exercicio igualitario en toda a profesión cirúrxica.