Imaxe de apertura: casa dos Quiroga en Banga (foto de Felipe Gallego)
Comezo a darlle xeito a estas liñas, un pouco encabuxado, na mañá do feirón do Carballiño, na véspera da súa festa grande, o San Cibrao, por non poder catar a miña tapiña de “pulpo”, licenza nosa, acompañada de media peza de pan de Cea e un neto de tinto de Cabanelas, despois de compangar os aperitivos que viñesen ao caso cun vasiño de branco do Barón ou de Banga. Como ben poden ver, procurando non saír, como diría don Ramón, do Ribeiro Alto. Tamén ando algo enrabechado por algunhas argalladas derredor do “asunto Meirás”.
Dona Emilia, tal día como hoxe, 16 de setembro, cumpriría anos. Unha porrada de anos. Coidamos que durante máis de quince celebrounos, na casona que erguera a vontade construtora de dona Mariquiña Pérez de Deza, no socalco da cima da praza maior do Carballiño.

Dona Mariquiña Pérez de Deza, (Óleo sobre lenzo, Casa Museo Emilia Pardo Bazán)
Emilia Pardo- Bazán e Pepe Quiroga casaron na chamada Granxa de Meirás, unha explotación agrícola da que o seu pai, na súa faceta de agrónomo, tiña boa fachenda; aínda que Victoria “Armesto” (1925-1999) o recordase, con certa chacota, máis como un “falador” nas Cortes que como real innovador da agricultura. O caso é que José María Pardo-Bazán Mosquera procurou para a súa única filla un bo partido. Ela aínda non tiña dezasete anos; o pequeno dos Quiroga Pérez de Deza andaba nos estudos composteláns. O pai de Emilia formouse no litixio polas herdanzas enfrontándose á súa nai, porfía que acabou en traxedia entolecida cando o segundo esposo da nai acabou por degolala. Dona Emilia nunca a iso se referiu. Os segredos de familia están mellor baixo sete chaves. Aínda que a impresionante lembranza lle dese materia literaria dabondo.
José Pardo-Bazán doutorouse en disputas por herdanzas no caso da súa filla e acabaron enrabiados cos Quiroga por mor do que consideraban maltrato por parte dos de Banga, dona Mariquiña e Eduardo, nai e irmán de Pepe, o seu marido, no reparto. Este sempre considerou que non era para tanto. Do cada un dos cabos do enlace entre Emilia e Pepe turraba cadanseu percherón, ambos alentados polos dixomedíxomes da Coruña e Banga. Coido que máis avinagrados os das elites burguesas cidadás. A unión rematou por esgazar.
Xusto polo setembro de 1884, dezaseis anos despois da escintilante voda na Granxa, Emilia asinou o prologo de El Cisne de Vilamorta. A novela viu a luz ao ano seguinte. Esta malquerenza nominal polo Carballiño non foi a única vinganza literaria de dona Emilia. En Los pazos de Ulloa retratou o seu cuñado Eduardo, que ela e o seu pai consideraban responsábel dos manexos na herdanza dos Quiroga. Aquel “animaliño” serviulle para compoñer o personaxe de Pedro Moscoso, o marqués de Ulloa. Cando o firmou, Emilia xa rompera con “Pepiño”, como ela lle chamaba, e argallou unha atrevida fuxida a París, sen fillos, pero portando no maxín as paisaxes, xentes e faceres que inspiraron as tres novelas da que nós denominamos Triloxía do Avieiro (El cisne de Vilamorta, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza) por ser este o espazo vital onde se inspiraron, como tamén unha manchea de contos ou relatos curtos ademais da nouvelle Bucólica. Poida que a moitos pardobazanianos e pardobaziananas de hogano se lles escapen estas orixes aldeás, de entre Avia e Arenteiro, Avieiro, chamoulle ela, da literatura máis soada de dona Emilia, inspirada entre a vendima e a castañeira ou noutros labores agrarios agostados.
Emilia continuou coa súa disciplina de traballadora, a intelixencia xa viña de antes, gorentosa de gabanzas e recoñecementos públicos, ansia pola ostentación que plasmou na demorada e grandilocuente transformación, propia da súa personalidade, da Granxa en Torres e que non rematou ata 1907.
Por mor destas e outras disputas acordaron suspender a convivencia; non separarase. Pepe foi sempre respectuoso con Emilia; naquela altura calquera outro home recorrendo ás leis faríalle a vida imposíbel. Non era o caso, ambos tiñan o sustento seguro. Cada un foi polo seu lado. Ela decatouse de que o mundo estaba a mudar e de que o valor das escrituras de propiedade non tardaría en minguar, e que, aínda que a ela tampouco lle chistaba, nos novos tempos impúñase o valor dos “dineros” tan poderosos como os que posuía, en abundancia, aquel odioso burgués Perfectino Vieitez que andaba a erguer “grilleras” mesmo á beira da estoica rixidez neoclásica da casa da praza maior do Carballiño. Emilia continuou coa súa disciplina de traballadora, a intelixencia xa viña de antes, gorentosa de gabanzas e recoñecementos públicos, ansia pola ostentación que plasmou na demorada e grandilocuente transformación, propia da súa personalidade, da Granxa en Torres e que non rematou ata 1907. José Quiroga, mercou o abandonado castelo de Santa Cruz de Oleiros e, coa súa sutileza e finura, xa escribiu Álvaro das Casas que tiña alma de gubia, transformouno nun elegante palacio para o veraneo coruñés. As xa chamadas torres e o castelo foron achegadas á Nova España, en 1938, pola única herdeira, Blanca, aínda que de nome oficial María de las Nieves; as primeiras, mudadas en Pazo para residencia do verán do ditador; a fortaleza para colexio de orfos.
Resulta pois un tanto irritante que algúns políticos, botando man dalgúns tinguileiros, pretendan minguar o significado das torres como símbolo do oprobio da ditadura. O Pazo de Meirás, para a xente, é onde Franco pasaba o mes de agosto, reunía os seus ministros, asinaba penas de morte, dirixía a represión das forzas democráticas e arrexuntaba propiedades e bens para a súa familia.
Resulta enervante que o resultado de dúas décadas de intensa e constante mobilización que permitiu recuperar para o público o que se pretendía deixar como privado o intenten adulterar os que, máis dun século despois, se acordan agora do desexo da escritora de ser soterrada nas Torres.
Dona Emilia non é máis que unha escritora recoñecida, menos do que debera, pouco lida e mitificada, en exceso, case sempre “pro domo súa”, por algúns círculos literarios non especializados ou ideolóxicos, gustosos de admirar só a súa aparente tona. Resulta irritante que, aproveitando que o Arenteiro pasa polo Carballiño, se reclame un espazo pardobazaniano, xa o ten, no Pazo de Meirás, non para gabar, disimulen como queiran, a memoria da escritora, senón para minorar o seu valor como memorial do xenocidio franquista. Resulta enervante que o resultado de dúas décadas de intensa e constante mobilización que permitiu recuperar para o público o que se pretendía deixar como privado o intenten adulterar os que, máis dun século despois, se acordan agora do desexo da escritora de ser soterrada nas Torres; noutras lixeiras referencias referíase a Marineda, aínda que poida que para ela todo fose o mesmo, a casa da rúa Tabernas e as Torres. Dende logo o que quería era que non a enterrasen en Madrid. A súa familia non só ignorou a petición, senón que foi incapaz, por desleixo, de manter a propiedade e prestouse gozosa á trangallada do agasallo ao xeneralísimo.

José Quiroga Pérez de Deza con espadón carlista.
A dona Emilia pouco lle chistou o Sexenio Democrático que se encetou o mesmo ano do seu casamento, aínda que o seu espelido e habelencioso pai soubo sacarlle bo rendemento, mesmo o título condal, aínda que só fose vaticanista. Menos aínda gustou da I República e, partillando perigos co seu home, andou encerellada na terceira carlistada, traficando con cartos e armas para o pretendente, na máis apreciábel tradición da fidalguía ribeirá. E fíxoo, non só por motivos estéticos, aínda que bo rendemento literario lle sacou, senón por convicción ideolóxica, Afastouse daquela no só do seu avó “o liberalote” senón tamén do augado liberalismo paterno.
Pepe non foi nunca máis alá do irredentismo carlista e de administrar as abondosas rendas. Dicíase por Lalín que os Quiroga viaxaban da Coruña ata o Carballiño sen deixar de pisar as súas terras. Emilia, con moitas menos rendas, soubo afacerse ao traballo remunerado, e decatouse, tamén por mor da súa obsesión pola presenza social, de que o integrismo estaba esgotado, polo que aquelou o seu pensamento aos tempos finiseculares, iso si, sen abandonar o seu conservadorismo aristocrático fundado na trepia do catolicismo exacerbado, do autoritarismo monárquico e dun obsesivo unitarismo españolista, mentres lambía as feridas de 1898 e demais desastres imperiais.
Dona Emilia faleceu xusto unha década antes da proclamación da II República. Tivo a sorte de non vela. Non lle gustaría. Tamén tivo a sorte de non saber da morte do seu fillo e do seu neto, fusilados naquel terríbel agosto madrileño de 1936, na “Pradera de San Isidro”, onde anos antes ela situara o arrebato da marquesa viúva de Andrade naquela Insolación de festa, viño e gracejo andalú, quizais lembrando aquela arroutada ante a presenza de José Lázaro Galdiano pola que se tivo que desculpar ante Galdós. Era o seu un “liberalismo” nos costumes extraordinario, por ser ela muller excepcional.
Se vivise na altura de 1936 estaría do lado do seu xenro, o marqués de Cavalcanti, un xeneralote, preocupado máis pola rigorosa pasada do ferro do seu uniforme de gala que pola vida dos seus soldados, permanente guerreiro imperial derrotado en Cuba ou Marrocos e eterno conspirador tanto no “cuadrilátero” que upou a Primo, como con Sanjurjo ou Mola. Ela, Emilia, faltona como sempre, mandábao gardar silencio sentenciando: “Pepe, tu calla que solo eres un héroe”.
Con todo dona Emilia debeu aprender, dende ben nova, a coidar destes degoiros, pois, aínda que non asistiu ao enterro de Pepe, non demorou en achegarse ao Carballiño para arranxar papeis e herdanzas filiais.
E o que son as cousas da vida. Morto Jaime, fillo e neto, amentados así en honor ao pretendente carlista, e como do matrimonio entre Blanca e Cavalcanti non houbo fillos, e dado que de Carmen pouco sabemos, pois, como vimos, a dona Emilia éralle grato gardar os segredos de familia, foi o caso que a familia Quiroga-Pardo ficou sen descendentes. Toda aquela inabarcábel herdanza, e algunha máis que se lle engadiu, foi caer nas mans de Jorge Quiroga García del Hoyo, nomeado tamén como conde de Pardo-Bazán, criado en Banga entre as saias de dona Mariquiña e aleitado nas ideas do militarote Cavalcanti. Era Jorge fillo único daquel Eduardo maltratador, xogantín, mullereiro, bo mozo, violento e cazador, litigante co pai de Emilia e prototipo do fidalgo brután que ela retratou como marqués de Ulloa. A familia, sempre o primeiro. Sabemos ben do conto, pois o pai de Otero Pedrayo exerceu de médico no balneario de Partovia, tratou os Quiroga e á Bazán, coñeceu a Vilamorta dos tempos de “El cisne” e deixoulle palabra viva ao seu fillo para que este a puxese nos papeis.

José Pardo Mosquera, pai de Emilia Pardo Bazán (óleo sobre lenzo, Museo EMP).
Da importancia destes, dos papeis, sabían ben os Pardo-Bazán, e non só a filla, por iso se preocuparon de deixar aquelado relato da súa selecta memoria. Pola contra, os Quiroga só entendían de escrituras notariais. Con todo dona Emilia debeu aprender, dende ben nova, a coidar destes degoiros, pois, aínda que non asistiu ao enterro de Pepe, non demorou en achegarse ao Carballiño para arranxar papeis e herdanzas filiais. Era tal a súa fachenda que o notario non a cita polo seu nome, senón como “La condesa de Pardo Bazán”; pero é que ela tampouco asina co seu, senón tal e como a cita o escribán. A fusión entre persoa e personaxe xa era total. Centos e centos de protocolos preñados de substanciosa información agardan polos estudosos que queiran saber destes enguedellos.
Do que xa nin merece a pena riscar unhas letras é sobre o retrouso do ámbito cultural da súa literatura. Hai décadas que a sociolinguística fixou posición ao respecto. O grave é que os que andan nestas leas o que fan e ofender a dona Emilia. Ela, intelixente como era, ben sabía que por tras daquelas “plañideras estrofas” da “poesía regional” estábase a cuestionar un dos pés da súa trepia ideolóxica.
Era ben consciente de que ás veces convíñalle aproveitar as cuestións do folk-lore, ou pedirlle a Pepe, había tempo que suspenderan a súa convivencia, que, como presidente do círculo coruñés de artesáns, lle argallase unha conferencia sobre poesía galega ao amparo de Castelar. Mais as tensións con Murguía e a chanza que fixo de Curros en El cisne de Vilamorta chantaron unha barreira infranqueábel entre ela e o rexionalismo. O noso poeta laico e republicano tomouse boa vinganza dedicándolle o terceiro canto d´O divino sainete; o dedicado á envexa.
Quizais a súas pulsións narcisistas, que tantos azos lle deron para competir naquel mundo de señoróns literatos, se disparasen por mor do retorno dos restos do de Celanova á Coruña; por fortuna para ela, tampouco soubo do monumento de Asorey. Ela, tan así, nin acudiu, en 1916, á inauguración do monumento, ao mellor non o considerou á súa altura, que lle dedicaron nos xardíns Méndez Núñez, onde agora lle fan ofrendas florais os que pretenden o “equilibrio” entre Emilia e a ditadura xenocida da que ela nunca foi vítima.
Resulta un tanto sorprendente esta reivindicación pardobazaniana, con aire de confrontación ou de sutil equidistancia, que pretende descontextualizar, é dicir, interpretar con ollos de hoxe, unha personalidade tan impulsiva, na vez de difundir a súa lectura e reclamar o seu lugar de privilexio na historia da literatura española,que coido que xa ten, ou sacar bo proveito da súa fecunda obra, literaria ou xornalística, como farturento manancial de información que nos achega a “súa” ollada da sociedade galega, da fidalguía que aquí continuaba, do desprezado campesiñado, da vida vilega ou cidadá, dos ollos cos que fidalguía e altos funcionarios ollaban as súa rendas galegas, ou de expresións políticas e ideolóxicas na Galicia da segunda metade do XIX; pois a obra de dona Emilia é moito máis que posíbel fonte inspiradora de relatos de acción trepidante e un crime cada catro páxinas.
Non sei se no Pazo de Meirás convén ou non un recordatorio de dona Emilia. Iso si, sorprende que sexa agora, cando leva máis de cen anos morta, cando se queiran satisfacer os seus pretendidos desexos, no ronsel da declaración do Pazo de Meirás como lugar de memoria do oprobio despois de rescatalo das poutas da familia Franco.
Mentres tanto, os propietarios-herdeiros como as institucións públicas galegas ou estatais non fixeron máis que agardar pola derruba dun patrimonio construído tan vinculado á vida dona Emilia e á súa obra como o palacio, por ela bautizado como balcón do Ribeiro, de Banga ou os pazos de Cabanelas ou o de Quintela, en plena fraga dos Quiroga, hoxe dita de Catasós, ou, xa en mans alleas, da casona da praza maior de Carballiño da que, coido, cando menos eu, se ignora o seu destino final. Foron estas casas, estas terras e estas xentes, entre Avia e Arenteiro, as que inspiraron tanto o que demos en denominar Triloxía do Avieiro como unha manchea de relatos e artigos xornalísticos de dona Emilia. Se alguén botase man de tanta fartura!
Carlos Méixome é autor de Polo Avieiro de dona Emilia (Galaxia, 2026).





