“Vivía coa miña filla e nos botaron do piso. Agora non podemos vivir xuntas”, “al escuchar mi acento me dicen que no“, “tuve que vivir en un vestidor con mis 3 hijos durante 7 meses”, “póñenche un requisito e cando o cumpres sácanche outro”, “me pidieron 7.000 euros de fianza por ser madre soltera”. Estas declaracións que poden parecer sacadas dunha película, non son ficción. É unha realidade que viven a cotío milleiros de persoas no noso país.
En concreto, estas son rescatadas de experiencias relatadas por algunhas participantes —termo elixido para referirse ás persoas usuarias de entidades sociais— que asistiron ao XVII Encontro Galego de Participación que organiza a EAPN Galicia – Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social. Este ano baixo o lema ‘Vivenda accesible: a chave da inclusión’ e o reclamo ‘EmerxenciaVivenda. Hai que actuar XA!’
Decenas de persoas vulnerables: persoas migrantes, con discapacidade, poboación xitana, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia machista, etc berraron ao unísono “Vivenda Xa!” Tras contar as enormes dificultades para atopar unha vivenda digna, axeitada e accesible, algunhas tan sorprendentes e esperpénticas que ruborizarían ao mismísimo Valle-Inclán.
“Me piden siete nóminas, cuando yo acabo de empezar a trabajar”, “non me deixan usar a cociña nin tender a roupa, téñoa que poñer no meu cuarto […] entreguei o piso en perfectas condicións e non me devolveron a fianza”. Requisitos imposibles de cumprir, cláusulas abusivas nos contratos ou impunidade na mala xestión dos caseiros, deixan as persoas máis vulnerables a expensas dos intereses do propietario.
Establécese unha relación case feudal propia doutra época. Un control ás veces tan desproporcionado que roza a ilegalidade. “En el piso que vivía había cámaras y en mi habitación había una cámara oculta”. Unha situación a todas luces ilegal e denunciable que ao estar en situación administrativa irregular, soamente queda plasmado nestas liñas. Un caso que non é anecdótico e exemplifica o poder dalgúns propietarios e a vulnerabilidade dos inquilinos.
A vivenda como artigo de luxo
A vivenda é o principal factor de empobrecemento. Así o revela por exemplo o último informe FOESSA[1], o 26% dos fogares galegos presenta algún indicador de exclusión residencial. A vivenda convértese así nun artigo de luxo, en vez dun dereito fundamental. Alugar un piso é misión imposible. Os prezos son tan insostibles que fan elixir entre ter un teito ou chegar a final de mes. Un 36% de persoas que viven de alugueiro en Galicia están en risco de pobreza fronte a case un 15% que viven en propiedade, segundo datos do ‘XV Informe do Estado da Pobreza en Galicia’[2] de EAPN Galicia.
Este fenómeno non é novo. Unha burbulla que era evidente que ía estoupar, rebentou con todo, e coma sempre salpicando aos que menos teñen. A diferenza agora é que tamén gran parte da chamada clase media está véndose prexudicada. Alugueiros imposibles de pagar cos salarios actuais, habitacións sen dereito a cociña, zulos convertidos en habitacións, obriga de compartir piso, ou o retorno á casa familiar xa non son feitos residuais. Son circunstancias que están a vivir, por exemplo, moitos e moitas das profesionais que traballan en organizacións do Terceiro Sector.
Por outra banda, é frecuente en persoas que se atopan en situación de pobreza e vulnerabilidade ser branco de prexuízos e estereotipos que derivan en accións discriminatorias. O acceso á vivenda, non é unha excepción. “Tenemos que demostrar que somos buenas personas”, “con un hijo con discapacidad caí en una situación de vulnerabilidad y me vi obligada a separarme de él”.
As persoas en pobreza ou exclusión social a miúdo vense expostas a situacións de necesidade nas que a súa liberdade de elección e a súa independencia para un proxecto vital digno vense limitadas. Unha muller relataba o sufrimento por verse obrigada a solicitar axuda a un home español como avalista, e o temor pola consecuente contraprestación.
Que non se entende da Emerxencia Vivenda?
Que máis ten que suceder para que se tomen cartas no asunto? Como é posible que cos datos enriba da mesa non se multipliquen esforzos e orzamentos para atallar o problema? Para axuda das administracións públicas —Goberno central, Xunta de Galicia, concellos, deputacións— as persoas que participaron no mencionado Encontro teñen algunhas propostas.
Elas o teñen claro. O primeiro paso sería aumentar a vivenda pública protexida e mobilizar a vivenda baleira. Urxe romper co paradoxo de casas sen xente e xente sen casas. Un sen sentido que é unha realidade no noso país.
Outra das medidas que propoñen é limitar o prezo do alugueiro e as vivendas turísticas. Para ter un maior control sobre as accións de propietarios e inmobiliarias, propúxose un organismo público exclusivo para abordar o problema de acceso a vivenda que revise a aplicación da Lei mediante a supervisión e inspección.
En relación a este último termo, asemade ideouse a posibilidade dunha ITV da vivenda. Unha inspección de calidade da vivenda para evitar infravivenda ou vivenda inadecuada e garantir as condicións de habitabilidade e accesibilidade para todas as persoas creando un mecanismo de sancións ás vivendas en mal estado e fomentando o seu mantemento.
A Emerxencia Vivenda que levamos pregoando dende hai anos, queda curta coa magnitude do problema actual. Parece que a palabra emerxencia: “situación de peligro o desastre que requiere una acción inmediata”, segundo a RAE, non se está a entender ou non é realmente contundente. Habería que facer unha treboada de ideas para pensar outro termo. Ou mellor, animar as autoridades a facer unha para ocuparse realmente en facerlle fronte dunha vez.





