Os pasados días 24, 25 e 26 de abril celebrouse en Panxón o “XXXVI Encontro galego-portugués de Educadoras/es pola paz”, que este ano levaba o lema “Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio”. Asistiron os sesenta profesores e profesoras, galegos e portugueses, previamente inscritos. Esta precisión é relevante porque días antes Nova Escola Galega, a asociación organizadora do Encontro, recibiu unha comunicación oficial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que lle denegaba a homologación da actividade por non cumprir o “principio de neutralidade ideolóxica” derivado da resolución do 5 de xuño de 2025, unha controvertida resolución da que TEMPOS NOVOS xa se ten ocupado (“Educación, neutralidade e guerras culturais”, Tempos Novos nº 340, setembro 2025).
Trátase dunha intervención notoriamente censora que persegue limitar a autonomía do profesorado que por desgraza xa se está deixando sentir nalgúns centros escolares.
Di moito e ben que o profesorado inscrito mantivera a súa inscrición e participación, malia a denegación da homologación que, coma é sabido, implica a obtención dunha certificación oficial válida, por exemplo, como acreditación de méritos en concursos de oposición ou para melloras na carreira docente. E di moito tamén, aínda que neste caso para mal, que a Consellería tomara esa decisión excepcional (é a primeira vez que ocorre nos case 40 anos de convocatoria do Encontro), que é difícil non interpretar coma un torpe intento de poñer atrancos a unha actividade que obviamente non está en condicións de prohibir.
Mais, como se pode ler no comunicado que NEG fixo público, trátase dunha intervención notoriamente censora que persegue limitar a autonomía do profesorado, que por desgraza xa se está deixando sentir nalgúns centros escolares, nos que se advirte a reticencia de algúns equipos directivos para promover, facilitar ou mesmo autorizar a organización de determinadas actividades, polo temor a suscitar a intervención da inspección escolar, responsabilizada da aplicación da instrución. Dáse a circunstancia, en certo xeito paradoxal, de que entre os participantes no Encontro figuraban dous inspectores, Fernando Carrasco, que exerce a súa función en Vigo, e Branca Nazaré Guerreiro, inspectora en Lugo, quen ademais é integrante do grupo AGAPPAZ e se responsabilizaba dun dos obradoiros que se desenvolveron o venres 24. Ambos os dous, segundo nos informa Mariló Candedo, presidenta de NEG, ofrecéronse a mediar coa Consellería, aínda que sen éxito.
Hai razóns ben fundadas para sospeitar que, ao impoñer ese ambiguo concepto de “neutralidade ideolóxica”, se encobre en realidade un intervencionismo partidista de discriminación ideolóxica.
Ademais da denuncia pública, NEG fixo unha reclamación diante da Consellería, da que non obtivo resposta formal. Portavoces da Consellería elaboraron explicacións posteriores que semellan intentos de xustificar o inxustificable, como que a non homologación respondía a un “conxunto de causas” e non a unha soa, ou que a temática non se alineaba coas “liñas estratéxicas” do Plan Anual de Formación do Profesorado. A todo isto ten contestado NEG con argumentos que non mereceron resposta por parte da Consellería. Cómpre recoñecer que a instrución censora de xuño na práctica non tivo aplicación manifesta, fóra desa incentivación da autocensura dos propios centros xa sinalada, máis ca en relativamente poucos casos, todos asociados coas mobilizacións en contra de ALTRI e de solidariedade con Palestina e denuncia do xenocidio por parte do goberno israelí.
Por que logo a teima da consellería en mantelo? Para alén desta limitada aplicación ata o de agora, non parece que a alarma sexa inxustificada, porque é obvio que abre un espazo de arbitrio por parte do goberno autonómico que pon en cuestión a autonomía do profesorado, das direccións dos centros e de asociacións profesionais coma NEG, para desenvolver actividades críticas. Hai razóns ben fundadas para sospeitar que, ao impoñer ese ambiguo concepto de “neutralidade ideolóxica”, se encobre en realidade un intervencionismo partidista de discriminación ideolóxica co que se pretende proporcionar cobertura legal, de moi dubidosa constitucionalidade, á “guerra cultural” que a axenda de Vox vén impoñendo aos gobernos autonómicos nos que o PP precisa do partido ultra para gobernar. E que algúns gobernos do PP que gobernan sen Vox tamén comezaron xa a aplicar. Porque acaso hai neutralidade ideolóxica cando o goberno de Ayuso en Madrid patrocina charlas en residencias universitarias sobre a “violencia terrorista” con discursos que reproducen as teses do PP e Vox sobre a pervivencia de ETA hoxe? Haina cando proporcionan apoio a grupos coma os chamados Abogados Cristianos que dificultan calquera iniciativa de educación afectivo sexual nas aulas?
Hoxe é ALTRI e o xenocicio palestino; mañá pode ser a Memoria histórica ou mesmo o cambio climático e a crise ecolóxica.





