Educación dixital, todo un reto na escola

A transformación dixital xa chegou á escola. Este proceso estase dando a diferentes velocidades e manifestándose en todos os sectores e ámbitos da cultura e do coñecemento da nosa sociedade.  Afectou por vez primeira, hai máis dunha década, ás industrias de consumo cultural como a música e o cine, onde o modelo de produción e distribución se baseaba no comercio de produtos físicos ou obxectos como discos de vinilo, CD-ROM, casetes e vídeos. Posteriormente, os afectados foron as empresas de información, especialmente a prensa en papel, tanto en formato revista como xornal diario. No ámbito da edición de libros, tanto de ficción como de ensaio, a aparición dos formatos electrónicos compite coa tradicional edición en papel. Os novos modelos comerciais consisten hoxe en ofrecer plataformas de acceso a produtos audiovisuais e musicais onde se paga unha especie de subscrición ou canon, que ofrece acceso ilimitado ao consumo de obras culturais en liña.

O fenómeno da transformación dixital está a expandirse cada vez máis no ámbito educativo. Consolídase dende hai anos o que se coñece como modalidade de e-learning ou educación dixital, que se manifesta a través de formas de ensino en liña en aulas virtuais, MOOC, xogos interactivos, multimedia e, máis recentemente, realidade aumentada, analítica de aprendizaxe ou realidade virtual 3D. Xunto a eles, no contexto do sistema escolar, produciuse un notable incremento das infraestruturas de telecomunicacións nos centros educativos, que permiten un acceso rápido a Internet desde calquera lugar, xunto coa existencia de ferramentas tecnolóxicas nas aulas como encerados, dispositivos dixitais interactivos, tabletas e teléfonos intelixentes, entre outros.

Estamos nun momento de transición entre a escola moderna do século XIX e a escola líquida da sociedade dixital. Esta transformación está supoñendo que aparezan novos materiais didácticos para o profesorado e familias de moi diferente tipo: apps, contornas dixitais, libros de texto dixitais, etc.  Suponse que todos estes materiais van contribuír na mellora da educación dos nosos fillos e fillas e a operativizar unha educación  de mellor calidade nas nosas escolas.  Claro que no medio desta transformación o libro de texto continúa aparecendo moi presente nos centros educativos e nas prácticas educativas. O certo é que, durante os últimos anos, proliferaron investigacións cuxo propósito fundamental é coñecer o impacto do libro de texto dixital na práctica educativa, e que presentaban como hipótese que os procesos de dixitalización do currículo e a presencia de materiais dixitais traerían consigo importantes modificacións no desenvolvemento do currículo.  Porén, a realidade actual semella poñer de relevo que o libro de texto dixital non parece que axude a romper a idea dun circuíto cerrado no que o que se presupón no libro determina en gran medida o traballo curricular na aula.

A investigación

Neste contexto, un grupo de investigadores de Canarias, Galicia e Valencia formulámonos algunhas preguntas en relación co que está acontecendo cos libros de texto e materiais didácticos dixitais no ensino: Que características ten esta nova tipoloxía de materiais didácticos? Como se usan nas aulas? Que pensan as familias, o alumnado e o profesorado destes materiais?  Como se están distribuíndo? Estas, entre outras, son algunhas das preguntas que  xurdiron no formulamento dunha investigación empírica realizada ao longo de tres anos (2016-2019), coa finalidade de analizar os materiais didácticos dixitais que se ofrecen en liña para a Educación Primaria. Para iso, desenvolvemos varios estudos nesas tres Comunidades Autónomas, onde analizamos estes materiais didácticos desde unha perspectiva tripla ou multidimensional:

  1. A análise de obxectos ou materiais didácticos dixitais. Planificouse un estudo específico onde nos preguntamos: Que tipo e características, tanto técnicas como pedagóxicas, teñen os materiais didácticos que se ofertan actualmente no sistema escolar no Estado español? A través de que portais ou plataformas en liña se distribúen estes materiais e que atributos ou características presentan? Xaora, neste estudo exploramos as características técnicas e pedagóxicas dos ditos materiais, así como os portais ou plataformas de distribución e o acceso a eles.
  2. A análise das opinións dos actores e axentes educativos. Deseñamos un estudo específico onde tentamos dar resposta á seguinte pregunta: Que opinan os diferentes axentes educativos e que expectativas teñen sobre as potencialidades e limitacións dos recursos e materiais educativos dixitais? Con ese obxecto, entrevistamos aos diferentes colectivos implicados na produción, consumo e uso de materiais didácticos, como profesorado, familias e responsables tanto das editoriais como dos portais da administración educativa.
  3. As Prácticas de uso escolar de materiais dixitais. Elaboramos diferentes casos prácticos de centros e aulas de distintas comunidades autónomas. As principais preguntas que nos guiaron foron: Que uso ou usos educativos se fan destes materiais no contexto da aula e da escola? Como se integran na metodoloxía docente? En que medida a cultura organizativa do centro incide no uso que o profesorado fai destes materiais didácticos?.

O deseño metodolóxico caracterizouse polo emprego de distintos enfoques e técnicas investigadoras: análise de contido, entrevista, observación de aula, grupos de debate, análise documental, estudo documental, análise multicaso, etc., explorando as visións e representacións dos diferentes axentes e actores educativos: profesorado, alumnado, familias, editoriais e responsables técnicos das administracións educativas.

Os resultados

A continuación resúmense os principais resultados acadados, seguindo a orde dos estudos realizados durante o proxecto.

A) Análise dos materiais didácticos dixitais.

En canto ás características técnicas dos recursos educativos dixitais que se distribúen a través de plataformas comerciais, institucionais e por docentes, cómpre destacar os seguintes resultados:

  • As plataformas comerciais, ás cales se accede previo pago por parte das familias ou das escolas, son xestionadas por especialistas de diversas disciplinas (deseño, multimedia, márketing, …). Isto permítelles maior capacidade técnica e ter un deseño coidado e estruturado, sendo máis sinxelas de utilizar que as demais. Maioritariamente albergan libros de texto dixitais e outros obxectos dixitais (infografías, vídeos, fotografías, ….) organizados por temáticas e niveis.
  • En canto ás plataformas institucionais, de libre acceso, xestionadas polos departamentos de educación das comunidades autónomas e polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, teñen unha aparencia menos profesional ou atractiva, e están moi sobrecargadas de materiais (tales como actividades multimedia ou exercicios interactivos illados, vídeos, podcasts, …). Non obstante, ao igual que as comerciais, son multiplataforma e a velocidade de carga é aceptable.
  • Finalmente, as plataformas de redes e grupos de docentes, caracterízanse por dirixirse a un público amplo e preséntanse en diferentes formatos: blogs, bases de datos de materiais, repositorios, etc. Xeralmente contan cun deseño atractivo, no que predominan as imaxes e os audiovisuais. Proporcionan actividades e contidos (principalmente transversais) que complementan os integrados nas plataformas comerciais e institucionais.

No que respecta ao modelo pedagóxico dos recursos didácticos dixitais, obtense que os materiais das plataformas comerciais toman, na súa maioría, a forma de libros de texto dixitais, caracterizados por ter unha estrutura organizativa lineal e estándar. Por exemplo: introdución do tema, desenvolvemento do contido en seccións e presentación de actividades ou exercicios (Castro, De Castro, Hernández, 2017). Con todo, estas plataformas tamén conteñen propostas pedagóxicas innovadoras, ao igual que os atopados nas plataformas de redes de docentes.

Tanto as plataformas institucionais como a de rede de mestres, presentan polo xeral micro-actividades interactivas de tipo verdadeiro/falso e de desenvolvemento de contido, algunhas pensadas para a realización de forma grupal. Polo que se refire ás plataformas comerciais, presentan exercicios interactivos, orientados principalmente á procura de información e de aplicación do coñecemento. Igualmente ofrecen ao profesorado a posibilidade de incorporar novos recursos e ferramentas para controlar actividades e crear exames.

En xeral, os recursos destas plataformas presentan unha estratexia de ensino expositivo que promove un modelo de aprendizaxe receptivo e individual.

 B) Análise das subxectividades dos actores e axentes educativos.

Con respecto ás opinións que o profesorado ten sobre a creación e uso dos recursos didácticos dixitais, salientaron que non substitúen aos materiais tradicionais, senón que os complementan. Consideran necesario que na formación inicial  se mellore a formación en TIC.

En canto ás opinións das familias, a maioría considera favorable a utilización dos recursos educativos dixitais nas aulas, optando pola combinación cos medios impresos e analóxicos. Mais algunhas non os consideran necesarios para cada materia; con todo, mencionan a importancia de utilizar as tecnoloxías na aula para facilitar os procesos de ensino e aprendizaxe. Cómpre sinalar que se recoñece o esforzo e a competencia das profesoras e profesores á hora de implementar pedagoxicamente a tecnoloxía nas escolas.

Polo que se refire aos responsables técnicos das plataformas institucionais, obsérvase que as persoas encargadas de deseñar e desenvolver os recursos dixitais que se inclúen nestes portais son predominantemente profesionais da educación.

Así mesmo, todos os entrevistados das editoriais, indicaron que na creación dos seus recursos dixitais participan profesorado de todos os niveis educativos, así como persoal experto en educación e profesionais doutros campos. Todo apunta a que comezan a ter en conta, entre outros criterios, que os recursos non deben transmitir estereotipos relacionados co xénero, nin discriminar en función da clase social, a cultura ou as crenzas.

Todos os axentes educativos que participaron no estudo coinciden na necesidade de promover un modelo híbrido que combine e/ou conecte materiais dixitais e analóxicos para lograr un maior alcance, atención e motivación do alumnado.

C) As prácticas de uso escolar de materiais dixitais.

O terceiro estudo consistiu na análise de como se utilizan os recursos educativos dixitais en sete escolas. De seguir resúmense algúns dos resultados máis destacables:

  • Na maioría das escolas analizadas, o libro de texto ten unha función complementaria á doutros materiais, incluídos os recursos didácticos dixitais.
  • Aínda que en todas as escolas houbo profesorado que elaborou os seus propios materiais dixitais, maioritariamente utilizan como recursos informáticos webs con materiais de acceso aberto e portais de administracións educativas.
  • A razón principal dada polos profesores e profesoras para desenvolver os seus recursos foi que os materiais dispoñibles non se adaptan ás necesidades específicas dos seus estudantes.
  • De entre os propósitos que sinalan para o uso dos recursos dixitais na aula, destacan: presentar actividades ao alumnado, recibir actividades e creacións dos/as estudantes, para a avaliación e motivación.
  • En xeral, as investigadoras e investigadores que observaron as sesións de aula nos sete centros, suxiren que os recursos dixitais que se utilizan nas aulas non son os que marcan o tipo de actividades que se realizan, senón que é a metodoloxía que emprega a/o docente a que guía o proceso de ensino e aprendizaxe.

Froito do proxecto de investigación que se está a tratar neste artigo, elaborouse unha guía con recomendacións para producir e usar materiais didácticos dixitais, dirixida a editores e produtores, a profesorado e equipos directivos de centros, así como a familias e alumnado de primaria. Pódese acceder á guía a través da seguinte ligazón: http://riull.ull.es/xmlui/handle/915/16086

As conclusións

Os resultados acadados neste proxecto de investigación reflicten que o sistema educativo galego e nacional atópase nunha situación de transición ou transformación das súas prácticas educativas. Segundo as opinións vertidas por todos os axentes sociais, empresariais e educativos, a escola non pode quedar allea á carreira tecnolóxica que vive o resto da sociedade. As razóns da súa incorporación no proceso educativo diverxen,  aínda que entre familias, algún profesorado e as produtoras hai un sentimento compartido da necesidade de preparación da infancia para a sociedade do futuro e a súa contribución a estimular a súa motivación cara o traballo escolar.  Dende o corpo docente avogan tamén polas posibles achegas dos materiais e recursos tecnolóxicos ao procesos de adaptación e contextualización dos procesos de ensino-aprendizaxe. O alumnado fai unha valoración crítica dos materiais, dos que destaca a súa potencialidade lúdica e o interese cara o ocio; pola contra, unha parte importante non lle atribúe un relevante potencial didáctico e, para o que consideran estudar, optan por materiais de corte máis tradicional.

Este discurso sobre a valorización dos recursos e materiais didácticos dixitais debe entenderse nun contexto concreto: segundo os resultados da investigación, as plataformas, as webs e os propios materiais, en xeral, non están aínda aproveitando as posibilidades derivadas da tecnoloxía e, tanto na súa dimensión de formatos como de contido, seguen reproducindo modelos pedagóxicos tradicionais. En xeral, vense moitos materiais que simplemente son pdf ou transformacións a formatos virtuais doutros existentes en formatos impresos. Por tanto, os materiais e os recursos didácticos dixitais xerados para a escola primaria teñen aínda un longo percorrido de cara a promover cambios significativos na perspectiva dun modelo pedagóxico contextualizado e adaptado á diversidade individual e colectiva de todas as escolas e comunidades.

Percíbese un esforzo importante realizado por entidades privadas na presentación de materiais e apoios dixitais á escola dende o punto de vista do formato, non apreciándose cambios moi relevantes en canto a modelos pedagóxicos e tipoloxías de contidos, fronte a unhas institucións sociais que están máis involucradas na introdución de contidos nos materiais que reflicten a diversidade humana, cultural e social, e onde os formatos dixitais están menos elaborados.

As prácticas de aula poñen en evidencia a alta dependencia do profesorado de materiais e recursos ofertados por institucións externas ao propio centro educativo, aínda que ven que a elaboración propia de materiais é fundamental para a contextualización do proceso de ensino-aprendizaxe. Porén, a elaboración de materiais didácticos dixitais no propio centro ou por equipos docentes esixe de tempos e de formación do profesorado.

En definitiva, o proceso de incorporación das TIC ao ensino primario atópase nun estadio no que, por unha parte, se aprecia unha incorporación tecnolóxica importante, aínda que desigual, pero ao mesmo tempo tamén deixa ver a necesidade dun debate en profundidade sobre o modelo de escola cara o que queremos camiñar neste momento histórico. As carencias a nivel de paradigma e de modelo de implementación das TIC non sempre están claras. Na maioría dos casos, a incorporación da tecnoloxía á escola non está supoñendo unha oportunidade para a mellora das prácticas educativas, que vaian orientadas a promover unha escola na que todo o alumnado poida desenvolverse plenamente, en igualdade de oportunidades e na procura dunha sociedade máis xusta e equitativa, onde todas as persoas forman parte e enriquecen a sociedade.


Un artigo de Silvia López Gómez, Manuel Area Moreira, mª Montserrat Castro Rodríguez e Jesús Rodríguez Rodríguez.