O mércores 29 de outubro cúmprese un ano da DINA que mudou a vida de moitísimas persoas, con 229 vítimas e con grandes impactos. Neste ano asistimos a silencios, ocultacións e falsidades por parte da Generalitat do País Valencià e as trampas do seu presidente, Carlos Mazón, para eludir as súas responsabilidades na xestión da emerxencia.
Non hai moitas dúbidas de que a DINA está estreitamente vinculada ao quecemento global. A organización científica World Wather Attribution, que se dedica a cualificar que parte dun fenómeno meteorolóxico extremo está vinculada á mudanza climática, contabilizou que as chuvias de outubro foron “un 12% máis intensas” debido ao quecemento global.
Tamén habería que dicir que tiveron lugar importantes fallos nas alertas temperás e na planificación preventiva. En moitas zonas, a información non chegou a toda a poboación até as oito da tarde, cando as precipitacións máis críticas xa pasaran. A emisión desas alarmas con polo menos un día de antelación tería permitido tomar decisións preventivas máis claras, como a suspensión de aulas nas escolas, universidades e centros de formación; a parada de actividades en empresas e industrias; a adaptación do transporte público; evacuar residencias de persoas maiores; e a recomendación de evitar vehículos privados. A falta de plans preventivos integrados deixou a poboación sen claridade sobre como actuar.
Vimos en primeiro plano a ocupación de zonas inundábeis con vivendas, equipamentos e infraestruturas de todo tipo que se permitiron construír malia que aos poucos fomos dotándonos de normativas que, en teoría, prohibían a ocupación de espazos neses lugares de perigosidade. Todo iso debido a que o solo é unha cuestión fundamental para diversos actores que viron neste elemento un espazo de transformación acelerada e de enriquecemento rápido por riba das limitacións que puidese presentar.
Após o fatídico 29 de outubro, todos os actores políticos e sociais falaron de reconstrución. Porén, segundo de quen se trate, a palabra pode significar unha cousa ou outra. Segundo Amnistía Internacional, un ano logo do paso da DINA, as autoridades non tomaron as medidas precisas para que unha das peores catástrofes climáticas da historia recente de España e Europa non volva repetirse. O informe Llueve sobre mojado de Amnistía Internacional, feito público o pasado 22 de outubro, conclúe que a construción en zonas inundábeis nos municipios afectados pola tormenta segue a pór en risco a ducias de milleiros de persoas.
Após o fatídico 29 de outubro, todos os actores políticos e sociais falaron de reconstrución. Porén, segundo de quen se trate, a palabra pode significar unha cousa ou outra.
Esta organización de dereitos humanos amósase clara na advertencia: unha tormenta como a que asolou Aragón, Catalunya, Castela-A Mancha e, sobre todo, o País Valencià, pode repetirse nun contexto de mudanza climática onde os fenómenos meteorolóxicos “serán máis frecuentes e máis graves”. E as consecuencias “nada naturais” destes fenómenos ameazan ser igual ou máis graves, xa que as institucións non fixeron o necesario para evitar que se siga construíndo en zonas inundábeis.
Os edificios e infraestruturas que ocupan e invaden as chairas de inundación reducen drasticamente a capacidade de evacuación das canles, facendo que persoas e bens queden expostos ás enchentes. Repetiuse en múltiples ocasións que os ríos se expanden. Podémolo negar, pero non por iso deixará de acontecer. Pasou sempre e seguirá a ocorrer. Podemos tentar dúas cousas: procurar dominalos ou tentar acomodarnos á súa dinámica natural. Levamos moitos anos a pelexar contra eles e polo de agora non parece que esteamos a gañar a batalla.
Pero, que facemos co pasivo histórico? Que facemos cos cascos urbanos e polígonos industriais sometidos a risco de inundación? Non se pode dar unha solución xenérica. Nestas zonas haberá que adoptar medidas estruturais. As solucións de enxeñaría clásica que até hai moi pouco se adoptaron malia ser cada zona diferente deberanse utilizar cando non haxa outra opción posíbel, e en todo caso executando a acción correspondente co máximo respecto medioambiental. Noutras situacións haberá que realizar actuacións urbanísticas de realoxamentos, liberando o territorio fluvial das construcións existentes.
Que facemos cos cascos urbanos e polígonos industriais sometidos a risco de inundación? Non se pode dar unha solución xenérica.
Estamos bastante lonxe de limitar o aumento de temperatura global a 1,5 graos, como sinala a comunidade científica para evitar as peores consecuencias climáticas. As medidas de mitigación son insuficientes e os plans de adaptación son fundamentais, como a posta en marcha de plans de prevención de inundacións, delimitación de chairas de inundación temporal, drenaxes urbanas sustentábeis… Cousa que xa se vén facendo, aínda que habería que ver se á velocidade desexada.
Pero tamén debe impedirse a construción de vivendas, pavillóns industriais e infraestruturas en zonas inundábeis. Prohibir novas construcións en zonas inundábeis hoxe en día é un labor prioritario. De nada servirá formular outras medidas se seguimos a incrementar o negro catálogo de zonas de alto risco. Sen esquecer outra cousa non menos importante: que se cumpra a lexislación existente.





