Volvemos á Idade Media

Yannis Varoufakis afirma que coa auxe das grandes corporacións tecnolóxicas, as coñecidas familiarmente como GAFAM (Google, Amazon, Facebook, Apple e Microsoft), retrocedemos ao feudalismo, pois estas grandes multinacionais quérennos converter a todos nos seus servos e, xa se sabe que a servidume foi unha das características dos sistemas feudais medievais.

Gardando as distancias, atrévome a afirmar que a decisión aprobada no Congreso dos Deputados de desprotexer o lobo nas poboacións do Norte do Douro responde a unha mentalidade medieval, pois non hai razóns científicas nin económicas nin, xa que logo, sociais que a xustifiquen.

En primeiro lugar, chámame poderosamente a atención que a aprobación desta, repito, barbarie medieval se produza a xeito de emenda ao proxecto de lei de prevención das perdas e os desperdicios alimentarios. Chama a atención porque cal é a relación entre o lobo e os desperdicios alimentarios? Por caso o lobo é causante de perdas alimentarias? De que se desperdicien alimentos? Non serán por caso os fallos da cadea alimentaria e as prácticas de consumo os causantes? Todo un despropósito realmente.

A decisión aprobada no Congreso dos Deputados de desprotexer o lobo nas poboacións do Norte do Douro responde a unha mentalidade medieval.

Argumentan os defensores desta iniciativa que o fan en defensa do mundo rural, dos agricultores e gandeiros. Unha vez máis inténtase sinalar o lobo como un inimigo do rural, dos agricultores e gandeiros. Se é así suponse que terán datos para demostrar o dano que, especialmente entre a gandaría, causan os lobos. De que datos dispoñen?

Poñámonos en Galicia. Cal é a cifra de vítimas do lobo? Algunhas fontes que parecen ben informadas apuntan a que o número de animais mortos “supostamente” polo lobo móvese entre os 1.500 e os 3.000 anuais se contamos cabalos, ovellas, cabras e vacas. Unha pregunta obvia é a de que fiabilidade teñen eses datos? Outra que seguridade hai de que foron realmente os lobos os causantes? Finalmente, que peso teñen no conxunto da cabana gandeira?

En relación a esta última cuestión digamos que, segundo o último censo gandeiro, en Galicia hai 524.340 bovinos é o número de mortes polo lobo foron de 1.122 o que supón unha taxa de 2 por mil. Se miramos as ovellas (o outro gran damnificado) o censo galego estímase en 150.000 e as vítimas do lobo en 1.302, o que supón o 9 por mil. Estes son os datos dos danos supostamente provocados polo lobo. En base aos mesmos pódese dicir con rigor que o lobo está poñendo en perigo a cabana gandeira galega? Sexamos serios. Entendo o “enfado” dalgúns dos gandeiros afectados, que si os hai, pero non comparto ese enfado cando se estende a todo o sector, se universaliza. Moito menos cando se quere implicar entre os damnificados a toda a comunidade rural.

Pódese dicir con rigor que o lobo está poñendo en perigo a cabana gandeira galega? Sexamos serios.

Vaiamos ao número de lobos que hai en Galicia. Os estudos mais serios afirman que é tremendamente difícil saber coa exactitude necesaria, como por caso coa seguridade con que algúns o fan, o número de lobos que na actualidade realmente existen en Galicia. Por outra parte, dado o hábitat destes animais hai que falar de mandas reprodutoras que segundo as últimas estimacións non chegan ás 100 en toda Galicia, unha cifra que está á baixa por razóns varias. Estimando que cada manda ten unha media de 8/9 exemplares os efectivos poboacionais non chegarían aos 900 -segundo os citados estudos estarían entre 750 e 850-. Efectivos, que por outra parte, localizaríanse en zonas moi concretas.

Velaí o que nos din as evidencias empíricas sobre esta especie e a súa presenza en Galicia. Con estes datos, hai razóns obxectivas para preocuparse? Para falar do lobo como inimigo do rural? O rural galego ten outros problemas, algúns moi graves, pero non son causados polo lobo precisamente senón que sería máis correcto afirmar que tamén este animal é unha vítima deses problemas.

Remato. Volvemos, ou quérennos facer volver, á Idade Media.